FICHA E LECTIO: Domingo XIX de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Alimento
pra insaciábeis
(8 de agosto de 2021)
Polo
que no evanxeo de Xoán se nos conta de Xesús, os oíntes da súa afirmación de
que el era o “pan da vida” (tema ó que lle estamos prestando algo de atención
nestes domingos do verán) entenderan suficientemente ben o que el lles quería
dicir con iso.
O
que pasa é que, para o modo de eles veren as cousas, non acababan de casar ben
a persoa de Xesús coa idea que eles tiñan de Deus. Deus era para eles aquel ser
grandioso que estaba alá arriba no ceo, máis arriba das últimas estrelas. Un
Deus que crea e goberna o mundo, mais que só se anuncia a través das palabras
da lei e dos seus profetas. Mais ocorre que agora Xesús se nos presenta, na súa
mesma persoa, como a verdadeira e definitiva palabra de Deus ó mundo, a palabra
dun Deus que agora se nos descobre como Pai agarimoso de todos. Como se nos di
noutra pasaxe de Xoán, “a Palabra fíxose carne”. Carne de Deus, polo tanto, que
se pode tocar, oír e comer.
En
consecuencia, o Deus “que está no ceo” é tamén, en Xesús, o Deus que se fai
presente na terra, o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Toda a grandeza, o
misterio e o segredo do cristianismo radica nisto. De Xesús sabían os seus
oíntes quen eran seus pais e maila súa parentela, a que se dedicaban e de onde eran.
Cómo podía ser el o pan que baixou do ceo? Tal como nos refire Xoán: “¿Non lle
coñecemos o pai e maila nai?”.
Xesús
sabía que estas cousas son humanamente incomprensíbeis sen a axuda do alto. Por
iso, non intenta basealas en argumentos racionais ou simplemente humanos, senón
que apela á fe. Trátase dunha fe que non procede só de Xesús, senón do Pai que
manda o seu Espírito ós corazóns dos que coa súa axuda se converten en crentes.
Tal e como lles dicía Xesús, “ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que
me mandou”.
Se
Deus se nos mostra, pois, misterioso en Xesús (e así o viron tamén os seus
contemporáneos), a verdade é que tamén a nosa vida humana resulta ser moi
misteriosa. Misteriosa porque non deixa de ser abondo estraño, que por moito
que saibamos que non podemos vivir sempre, non deixemos a pesares diso de
querelo, de desexarmos ser eternos. Un desexo dese calibre infinito non pode
provir só dun ser coma nós. Ten que vir en última instancia de alguén que é en
si mesmo absolutamente infinito. Quero dicir con isto que tivo que ser dalgún
modo o mesmo Deus quen puxo en nós eses desexos infinitos.
Pois
ben, Deus puxo eses desexos en nós e váinolos ademais satisfacer, converténdose
el mesmo na persoa de Xesús en alimento da nosa inmortalidade. Desa
inmortalidade que comeza nesta vida nosa, pero que non nos vai fallar
estrepitosamente ó atopármonos coa nosa, biográfica e concreta, morte
individual.
Deste
xeito, a fe cristiá entra, como vedes, no máis fondo é íntimo da nosa apetencia
de vida e de inmortalidade. Nesta busca de vida e inmortalidade traballaron e
traballan, sufriron e sofren, loitaron e loitan, dunha ou doutra forma, os
seres humanos de tódalas culturas e países do mundo enteiro.
Se
Deus non tivese posto en nós tales desexos, uns desexos que son en realidade os
que nos conceden o verdadeiro carácter humano, entón a mensaxe de Xesús non
tería obxecto nin sentido ningún. ¿Para que anunciarnos e prometernos Xesús
unha vida eterna se non tiveramos ningunha apetencia dela? En realidade, a
humanidade nin sequera existiría nin estariamos hoxe polo tanto aquí se o
desexo de sempre vivirmos e existirmos non nos mobilizara enerxicamente desde
as nosas máis íntimas fonduras. Unha mostra, en certo modo, disto son por
exemplo os enérxicos esforzos individuais e colectivos por liberármonos das
ameazas da covid-19.
Sabemos,
por outra parte, moi ben que os alimentos materiais que sosteñen e prolongan,
durante os anos que sexan, a nosa existencia non nos fan inmortais. Nisto reis,
gobernantes, ricos e pobres non nos diferenciamos gran cousa. Refírome ó de non
podérmonos librar de lle ter que pagar o noso tributo individual á gadaña da
morte. Os que dispoñen de moitos cartos poderán seguramente permitirse o luxo
de viviren algúns anos máis, pero en calquera caso non moitos máis.
De
modo que quen verdadeiramente nos permite e nos capacita para sermos inmortais
é ese Xesús no que cremos. Así nolo anuncia el: “Eu son o pan da vida. Os vosos
pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo,
para que quen coma del non morra... Se alguén come deste pan, vivirá para
sempre”.
Non
deberiamos, con todo, individualizar excesivamente a persoa de Xesús e maila
nosa comuñón con el coma se el estivera apartado ou desvencellado daqueles que
non se identifican con nós. Alimentarnos del, é dicir, da súa palabra e da súa
persoa, quere dicir alimentarnos tamén das preocupacións, necesidades e
problemas daqueles cos que nos atopemos na vida. Se nos alimentamos dun Xesús
que deu a súa vida por todos, os seus sentimentos deberían converterse tamén en
nosos ó escoitarmos a súa palabra ou o recibilo con agradecemento na comuñón
eucarística.
Realizamos
así aquilo do que nos fala Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: “Facédevos
imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual que Cristo
vos amou e se entregou por nós”.
É
así tamén como nos iremos convertendo de verdade en “divinos”. Pois xa sabemos
a diferenza que existe entre tomarmos un alimento de orixe vexetal ou animal e
recibirmos en nós o alimento da palabra de Deus ou da comuñón eucarística. No
primeiro caso o alimento transfórmase en constituínte do noso corpo, que queda
así robustecido grazas a el. En cambio, no segundo caso, somos nós en realidade
os que nos imos transformando paseniñamente en Cristo, chegando así a formarmos
parte do seu corpo, daquilo que adoitamos chamar o corpo místico de Cristo.
Somos, pois, nós en realidade os que nos imos divinizando, porque Deus, o don
que recibimos, é infinitamente superior a nós.
Comportarémonos
así de maneira semellante a como fixera o profeta Elías, que coa forza recibida
da bica cocida e da auga fresca, que recibiu do anxo, puido andar “corenta días
coas súas noites ata o monte de Deus, o Horeb”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/19-tempo-ordinario-b-xoan-641-51-2/
Comentarios
Publicar un comentario