DOMINGO XIX ORDINARIO B

 

Primeira Lectura1 Re 19, 4-8

Coa forza daquel pan puido chegar ata o monte de Deus

LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS


Naqueles días, Elías proseguiu polo deserto un día de camiño e, cando se detivo, foi sentarse debaixo dunha xesta e pediu para si a morte, dicindo:

          - Basta xa, Señor, quítame a vida, pois non son eu mellor ca os meus pais.

Deitouse logo á sombra da xesta e adormeceu. De súpeto, un anxo tocouno e díxolle:

          - Érguete e come.

Elías mirou e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu, bebeu e volveuse deitar. Pero o anxo do Señor tornou de segundas, tocouno e díxolle:

          - Érguete e come, que che queda moito camiño.

Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou corenta días coas súas noites ata o monte de Deus, o Horeb.


                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL   Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

R.: (9a)Probade e vede o bo que é o Señor.


Bendigo o Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa loanza.

Eu glóriome no Señor,

que escoiten os humildes e se alegren.


Exaltade comigo o Señor,

loemos xuntos o seu nome.

Eu busquei o Señor, El respondeume,

libroume de todos os temores.


Contempládeo e quedaredes radiantes,

os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.

Este pobre clamoue o Señor escoitouno,

librouno de todos os apuros.


O anxo do Señor acampa entre os seus fieis

e dálles seguridade.

Probade e vede o bo que é o Señor,

feliz quen a El se acolle.



Segunda Lectura   Ef 4, 30-5, 2

Camiñade no amor, igual ca Cristo

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS


            Irmáns:

            Non aflixades o Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención. Arredade de vós toda amargura, carraxe, ira, rebumbio, aldraxe e calquera outra maldade; máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente, como Deus vos perdoou en Cristo.

            Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual que Cristo vos amou e se entregou por nós como ofrenda e vítima a Deus de aromático recendo.


                        Palabra do Señor                                         R.: Grazas a Deus



ALELUIA   Xn 6, 51

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, Aleluia.

Eu son o pan vivo que baixou do ceo, di o Señor;

quen coma deste pan vivirá para sempre.

Aleluia.


 


Evanxeo   Xn 6, 41-51

Eu son o pan vivo que baixou do ceo

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


            Naquel tempo, os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”, e dicían:

            — Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e mais a nai? Como di, logo: “Eu baixei do ceo”?

            Xesús respondeulles:

            — Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas, todos serán ensinados por Deus, todo aquel que escoita o Pai e aprende vén onda min. Non porque alguén vise o Pai, o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro, quen cre ten vida eterna.

            Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo para que quen coma del non morra.

            Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.


                        Palabra do Señor                                         R.: Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares