FICHA E LECTIO: ASUNCIÓN DA VIRXE MARÍA
FICHAS ANTERIORES:
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4 / FICHA 5 / FICHA 6
LECTIO:
Afincada na terra
(15 de agosto de 2021)
Adoito insistir en que todos (sexamos ou non suficientemente conscientes diso) queremos vivir plenamente e sempre. Isto lévanos a querermos ser os meirandes, os máis intelixentes, os máis ricos, os máis poderosos, os máis xenerosos, etc. etc.
Recoñezámolo ou non, algo diso agáchase sempre no noso interior, no noso corazón. En principio tampouco ten que ser considerado iso como algo “malo”. Pois en realidade, con esa tendencia cara ó máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas perfeccións que podemos maxinar, en grao superinfinito ademais. Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser o que é. Se non tivésemos desexos de vivirmos sempre e, polo tanto, deixásemos de querer progresar e mellorar as cousas, deixariamos tamén en definitiva de sermos humanos. Seriamos coma calquera outra especie simplemente animal.
Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas melloras na realidade humana, fai falla termos moi en conta os demais: as persoas que conviven connosco e que precisan da nosa axuda, como tamén nós precisamos continuamente a dos demais. Porque eles queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran tamén a vivir sempre, etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa común tendencia ou, se nos enfrontamos uns contra outros, iremos conxuntamente á ruína. É evidente que este tipo de consideracións teñen, por moi abstractas que parezan, unha gran relevancia política, social e económica, como se puxo de manifesto dalgún xeito no mundo enteiro en relación coa loita contra a pandemia.
Pois ben, a festividade da Asunción de María, que celebramos sempre en tempos de verán ou de vacacións, pode axudarnos en relación co que acabo de comentar. Só un par de reflexións. Normalmente tendemos a imaxinar Xesús e maila súa nai, María, como realidades “celestiais”, pouco relacionadas coa nosa vida corrente e natural. Algo así como tamén tendemos a considerar o papa como algo semi-celestial e estráñanos cando vemos que se comporta ou quere comportarse como unha persoa sinxela e normal... De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas fermosas e celestiais imaxes que temos dela. Mais é posíbel que iso nos leve a pasar por alto que María, na súa vida real, tivo que ser moi distinta daquela muller “celestial” creada por pintores, escultores, etc.
Ela sería, pois, seguramente unha muller máis do pobo, polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da súa común cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de familiares e veciños, entregada e servizal con cantos solicitasen dela calquera tipo de axuda. Ela podería dicir tamén sobre si mesma o que o seu fillo dicía de si mesmo: “Non vin ser servido, senón servir”.
Sabemos ben que María se consideraba a si mesma como “escrava” de Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus, dos demais. Dicía ela que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal “escraviña”, alá se irá, por exemplo, a toda présa (tal como nolo refire Lucas), acompañar a súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu fillo Xoán o Bautista.
Deste xeito, espallaba ela a graza de Deus, é dicir, a presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que estivera. Dísenos no texto de Lucas que Isabel quedou así “chea de Espírito Santo” grazas á visita de María, que se sentía fondamente alegre nesa visita: “alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”. Unha ledicia contaxiosa, porque lles vai afectar tanto a Isabel coma ó seu fillo, próximo a nacer. Por iso se sentirá Isabel igualmente “alegre” ó se sentir chea tamén do “Espírito Santo”. Igual có neno, que pola súa parte “brinca de alegría nas súas entrañas”.
Amor, espírito de servizo e alegría van sempre, pois, xuntos. Mais todo isto de maneira moi concreta e achegada á terra. A “humildade” de María hai que vela así no seu sentido etimolóxico orixinal de proximidade á “terra”.
É xustamente porque María está moi achegada á terra, ou sexa, porque é moi “humilde”, polo que hoxe celebramos a súa “Asunción” ó máis alto dos ceos. Ela vai polo camiño que antes dela andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión ós ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do Señor e a Asunción de María, estreitamente unidos para todos nós. Podemos dicir que se un non se apoia ben na terra non poderá tampouco ascender ó ceo. Dito coas palabras de Xesús: “Todo o que se humilla será enxalzado, e todo o que se enxalza será humillado” (Lc, 18, 14).
A nai de Xesús meditara moito na grandeza de Deus e por iso se sentía moi achegada á terra. Coméntao no comezo daquel fermoso himno seu, o “Magnificat”, no que enxalza o poder e as marabillas de Deus: “Proclama a miña alma a grandeza do Señor”.
Mais hai tamén neste himno unha clara referencia á insensatez e ilusión dos chamados “poderosos”, que se cren máis importantes e dignos de atención e respecto cós demais. Para ela, en cambio, só Deus é o único que pode ser proclamado poderoso e grande. Fóra del ninguén. Canta esperanza e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras de María no seu grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo, dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e elevou os humildes; os famentos encheunos de bens e os ricos despediunos baleiros”.
En calquera caso, está claro que o Deus de Xesús e de María non está cos que se consideran “poderosos”, senón cos que se abaixan a si mesmos e se dispoñen a servir os demais. Só estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da súa ledicia. Así o fixo, programaticamente, con María, a súa nai.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/asuncion-da-virxe-maria-b-lucas-139-56/
Comentarios
Publicar un comentario