DOMINGO XXII ORDINARIO - ciclo B
Primeira Lectura Dt 4, 1-2. 6-8
Non engadades nada á palabra que vos falo, cumpride os mandamentos do Señor
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Naqueles días, faloulle Moisés ao pobo dicindo:
— E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega.
Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, voso Deus, que eu vos impoño.
Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría aos ollos dos pobos. Estes, ao escoitaren todos estes mandamentos, dirán: “Esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, pois, que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? E que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta Lei que hoxe eu vos propoño?”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
R.: (1a) Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?
Aquel que procede honradamente
e practica a xustiza;
o que ten sinceridade no corazón
e non calumnia coa súa lingua.
O que non lle fai mal ao seu próximo
e non difama o seu veciño;
o que despreza os malvados,
mais enaltece os que temen o Señor.
O que non presta con usura o seu diñeiro,
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporta
endexamais o abalarán.
Segunda Lectura Sant 1, 17-18. 21b-22. 27
Cumpride a palabra
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Irmáns benqueridos:
Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras.
Pola súa vontade, tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salvar as vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
A relixión limpa e sen lixo ningún aos ollos de Deus Pai é esta: “Mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Sant 1, 18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Pola súa vontade, xerounos á vida coa palabra de verdade,
para que sexamos primicias da súa creación.
Aleluia.
Evanxeo Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23
Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén e viron os discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións e, cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, como lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso, os fariseos e mais os escribas preguntáronlle:
— Por que os teus discípulos non se portan conforme á tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
El contestoulles:
— Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
Este pobo hónrame cos labios, pero o seu corazón está lonxe de min.
Danme un culto inútil porque a doutrina que ensinan non son máis ca costumes humanos.
Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
E convocando a xente dicíalles:
— Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do home pode manchalo ao entrar nel, pero o que sae do home iso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos.
Todos eses males saen de dentro e manchan o home.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario