FICHA E LECTIO: Domingo XVI do Tpo.Ordinario B

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Acougo e paz

(18 de xullo 2021)

            Algúns coñecidos ou amigos vosos están quizais de vacacións. O descanso tralos diversos traballos é sempre bo. Por algo se di tamén -aínda que nun sentido que precisaría de aclaracións axeitadas- que Deus mesmo no sétimo día descansou, é dicir, que acougou da obra ben feita da creación do mundo. Dese mundo ó que pertencemos todos.

            Aínda que a min non me vaia moito estar man sobre man, sen deixar de facer sempre algunha cousa, recoñezo que a todos en xeral nos fai falla ter tempos de acougo, de tranquilidade, de reflexión, de vérmonos cos demais, de atendelos e escoitalos aínda que poidamos ser da opinión de que pouco ou nada iriamos nós aprender deles ou mesmo eles de nós. Non nos esquezamos de que o mesmo noso Deus cristián non é un ser solitario, pechado na súa unidade esencial, senón a plenitude mesma dunha relación que chamamos Santísima Trindade. A trindade misteriosa da unidade de Pai, Fillo e Espírito.

            Todo isto vén a conto de que no texto do Evanxeo de hoxe se nos fala tamén do “descanso”. Xesús enviara os seus apóstolos e discípulos a anunciaren a súa boa nova. Fixérono o mellor que puideron ou souberon, procurando realizar a súa tarefa con liberdade e humildade, apoiándose non en ningún poder ou prestixio social ou económico, senón unicamente na sinxeleza e grandeza dunha mensaxe incribelmente ilusionante, a “alegre nova” de Xesús. Pois ben, calquera que anuncia o evanxeo realiza un traballo. É tamén polo tanto un traballador que realiza unha obra, unha boa obra. Merece en consecuencia tamén o seu descanso. “Vinde vós sós –coméntalles Xesús- a un lugar arredado, e descansade un pouco”.

            A intención era boa, mais as proxectadas “vacacións”, que en principio serían xa ben curtas, acabáronselles axiña, porque ó desembarcaren con este fin, alá estaban xa as multitudes esperándoos. Multitudes, das que se nos di que eran “como ovellas sen pastor”. Precisadas xa que logo do anuncio e da paz do bo pastor. Non as podían deixar sen apoio e protección.

            Mais se os apóstolos non acadan atopar a conveniente paz e tranquilidade, é dicir, o acougo do que non lles viría mal poder gozar un chisco, polo menos teñen o consolo de anunciaren algo que dá ilusión e alegría ás multitudes e polo tanto tamén a eles. Unha mensaxe de paz, dunha paz fonda e vivificadora, que é a condición de toda obra ben feita e a base fundamental de toda a boa nova de Xesús. Esa paz que anunciaran tamén os anxos no nacemento de Xesús: “Gloria a Deus no ceo, e PAZ a tódalas persoas de boa vontade”. Esa “paz” á que se nos convida liturxicamente en tódalas eucaristías dos domingos tras invocarmos o Señor deste xeito: “Señor Xesús Cristo, Ti dixécheslles ós teus Apóstolos: déixovolo miña paz, dóuvolo a miña paz”.  

            É isto mesmo o que nos vén dicir Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: Cristo Xesús -dinos Paulo- “é a nosa paz.... El veu e anunciou a paz, paz para os de lonxe e para os de cerca”...

            Por que “paz”? Pois porque Xesús é quen nos descubre o misterio dun Deus Pai de todos, que no seu Fillo Xesús, convertido en irmán noso, e na forza do Espírito Santo quere facernos partícipes a todos da paz e do amor que habitan no interior de Deus mesmo.

            Tamén a Primeira Lectura nos axuda a darlle á Eucaristía de hoxe este aire de paz e de tranquilidade, que é -como vedes- algo moi importante para un seguidor de Xesús. Nesa Lectura o profeta Xeremías critica os pastores que espantan as ovellas ou que, dunha ou doutra maneira, fan que perdan os ánimos. Este profeta denunciaba, efectivamente, aqueles pastores que, no canto de coidaren agarimosamente das ovellas, “escorrentábanas” e “espantábanas”: “Vós espantades as miñas ovellas, escorrentádelas e non coidades delas: ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos”. Xeremías anuncia neste sentido que o Señor “constituirá pastores que as apacenten, de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten, nin se perda ningunha das ovellas”.    Ese futuro “bo Pastor” será o propio Xesús, tal como el se autoproclamará. Un pastor que exerce a súa función, como nolo recorda Paulo na súa carta ós Efesios, non baseándose na antiga lei “de mandamentos e normas”, senón na lei viva e interior do amor que el nos anuncia e ofrece e que está dirixida á construción dunha “nova humanidade”.

            Mais semella que iso de “espantar as ovellas” continúa a ser aínda unha tentación á que ás veces se sucumbe, cando o Novo Testamento leva, teoricamente alomenos, bastantes séculos de presenza entre nós. Unha pequena anécdota. Hai xa ben de anos que me contou un amigo meu, xa defunto, que cando era mozo traballara bastante na construción desas antigas e cativas estradas galegas nosas que teñen moitas curvas, pois daquela non había aínda as máquinas de agora. Pois ben, como era o ano santo de Santiago foise confesar alá polos anos trinta do século pasado á cidade do Apóstolo. Mais ó el lle comentar ó confesor que el era un obreiro, o que o escoitaba no confesionario aproveitou a ocasión para lle dicir que os obreiros eran os culpábeis dos males do país. Como vedes, era este un xeito moi “axeitado” de espantar as ovellas... Naturalmente, non o pasou nada ben neste seu encontro penitencial.

            Algo de razón terá neste sentido o papa Francisco cando hai pouco, no seu importante documento eclesial “A alegría do Evanxeo”, nos dicía o seguinte: “Lémbrolles ós sacerdotes que o confesionario non debe ser unha sala de torturas, senón o lugar da misericordia do Señor”. Tema este, o da “misericordia” de Deus, moi querido para o papa actual. E seguramente por iso lle dedicou a este tema, o da “misericordia” de Deus, hai poucos anos, todo un “ano santo”, o ano 2016.

            Aproveitemos, pois, este tempo xa máis quente e tranquilo do verán para medrarmos neste espírito de paz, de comprensión, de amor , de “misericordia” ó que nos chama a boa e alegre nova do Evanxeo.

 

Manuel Cabada Castro

 


VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares