FICHA E LECTIO: Domingo 18 de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Broa divina e
gratuíta
Trala coñecida escena da multiplicación
dos pans e dos peixes, era en certo modo presumíbel que a xente quixese
utilizar Xesús como aquel que lles solucionaría os seus problemas materiais, á
maneira dun político, dun grande empresario ou dun mago realizador de prodixios.
É verdade que el realizou, si, feitos
extraordinarios, tal como nolos transmiten en diversas ocasións os evanxeos.
Mais non era ese o seu modo normal e ordinario de se comportar. Tales feitos eran
só manifestacións exteriores puntuais da súa bondade e do seu poder, para non
perdermos de vista a súa íntima e fonda relación co poder e a bondade de seu
Pai Deus. Pois o que nel verdadeiramente chamaba a atención era o seu modo de
ser, as cousas que dicía e como as dicía. Xesús era unha persoa sinxela, pobre,
falaba con humildade e ó tempo con íntimo convencemento e autoridade, creaba e
promovía a cotío irmandade e fraternidade, anunciaba un Deus Pai común de toda
a humanidade, do que todos somos fillos empezando por el mesmo, irmán maior
noso e fillo primoxénito e especialmente benquerido de Deus Pai.
Toda a súa vida estaba en consonancia
con esta incribelmente complexa personalidade súa: coa súa misteriosa orixe
divina e coa súa identificación humana cos pobres e necesitados. A
multiplicación dos pans e dos peixes hai que vela así como unha manifestación
máis do poder e da bondade do Fillo de Deus que se preocupa tamén polas
necesidades materiais dos seus irmáns.
Mais el é sempre algo máis ca iso. O Xesús
multiplicador de pans e de peixes é o mesmo que, ó el ser tentado por Satán no
deserto para que convertese as pedras en pan (segundo refire Mateo), respondía
deste xeito: “non só de pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca
de Deus” (Mt 4, 4). É o mesmo do que Mateo nos transmite tamén estoutro dito:
“Non amoreedes tesouros aquí na terra, onde a traza e o caruncho os roen, onde
os ladróns abren buratos e os rouban. Amoreade tesouros no ceo” (Mt. 6, 19-20).
É tamén aquel que, unha vez máis segundo o evanxelista Mateo, nos advertía:
“Non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin
polo voso corpo (o que ides vestir)... Por todas esas cousas andan angustiados
os pagáns; e ben sabe o voso Pai celestial que as precisades. Procurade
primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar
de máis a máis” (Mt. 6, 25-33).
De modo que se trata, en definitiva,
dunha cuestión de prioridades. Pois el anúncianos que a fraternidade que el nos
ofrece e nos dá, ó se facer en canto Fillo de Deus irmán de todos, é o
verdadeiro alicerce da xustiza e do benestar universal. Se todos nos unimos a
esta fraternidade, o reino de Deus estabelecerase na terra, converténdose así,
como se di tamén na mesma liturxia, nun “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Todos estamos chamados a traballar por
esa fraternidade. Un traballo que debería ser doado, porque se basea nun “don”
grandioso de Deus Pai ó mundo: o seu propio Fillo. É el quen nos di, segundo o
texto do evanxeo de hoxe, que “traballemos non polo pan que se acaba, senón
polo que dura deica a vida eterna”. E resulta que el mesmo nos di que é el ese
pan: “Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min
endexamais terá sede”. Desde logo, a xente debería quedar engaiolada e abraiada
con estas palabras, porque non eran expresións normais ou ordinarias. El preséntase
a si mesmo como o pan que vén de arriba, do Deus Pai que olla polo ben do
mundo, un pan que saciará a fame do mundo: “Meu Pai é quen vos dá o verdadeiro
pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ó mundo”.
Como cristiáns, deberiamos aprender a colocarnos
nesa perspectiva nun mundo no que tantas veces se pensa que o que hai que facer
na vida e acadar como sexa un prestixioso posto social e económico para termos
así asegurado un porvir libre de problemas. Xesús dinos, polo contrario, que o
primeiro que deberiamos meter e empaquetar ben nas nosas propias alforxas de
viaxe é ese pan, que non balorece nin se estraga co tempo. Un pan que se
identifica coa palabra e coa persoa mesma de Xesús. Un pan que non ten outros
aditivos nin mesturas que lle cambien o seu auténtico sabor nin lle rebaixen ou
minoren a súa capacidade de fortalecer as nosas vidas para a transformación do
mundo nun reino de xustiza, de amor e de paz.
É ademais un pan gratuíto, polo que
nada temos que pagar. Un pan, xa que logo, que non é coma o que mercamos nas
tendas, porque así, de maneira totalmente gratuíta, nolo dá en Xesús para a vida do mundo o Pai
Deus.
A relación que todo isto ten coa
Eucaristía e de maneira especial coa recepción sacramental do corpo de Cristo
na comuñón é, como é doado ver, moi estreita. Pois no pan eucarístico recibimos
en realidade ese pan, tan gratuíto como inmensamente fortalecedor. É el un
claro símbolo de sermos alimentados realmente por Deus mesmo para a realización
cristiá das nosas tarefas diarias onde queira que nos atopemos. Con esta que
poderiamos chamar carga divina recibida no interior de nós mesmos irémonos transformando
paseniñamente neses “homes novos, creados a imaxe de Deus” dos que Paulo nos
fala na súa carta ós Efesios.
Neste sentido, deberiamos recitar hoxe
con especial fe e atención a oración do “Noso Pai”, pois nela lle pedimos ó
noso Pai Deus aquilo que nos aprendeu Xesús a pedir: “Dános hoxe o noso pan de
cada día”.
Pan para o noso alimento corporal e pan
para o noso fortalecemento interior.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/18-tempo-ordinario-b-xoan-624-35-2/
Comentarios
Publicar un comentario