FICHA E LECTIO: Apóstolo santiago 25 de xullo

 FICHAS ANTERIORES: PPT + OUTRAS


LECTIO:

Santiago e abre Galicia!

 (25 de xullo 2021)

            Co gallo da celebración da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza, que neste ano cadra en domingo, é obrigado que lembremos algo sobre a importancia de que cantos en Galicia nos consideramos cristiáns saibamos incardinarnos ben na terra e no país no que, pola graza de Deus, nacemos ou estamos a vivir.

            Nesta incardinación pode haber deficiencias, hóuboas e continúa de feito a habelas. Teriamos que aprender a ver esta necesaria incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus mesmo fixo de si no mundo, facendo que o seu fillo Xesús nacera e vivira nun país, nunha cultura e nun ámbito lingüístico concretos. A encarnación da Igrexa na cultura e lingua de Galicia habería que vela xa que logo como unha esixencia desa mesma fe nun Deus que en Xesús se encarnou tamén nunha cultura e nun país concretos. No seu paso por este mundo, Xesús non se parece en absoluto a un suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de Palestina para desaparecer ó final nun ceo etéreo sen se decidir a aterrar en ningún momento. Polo contrario -tal como nos di Xoán- Xesús, a benquerida e bendita palabra de Deus, si que afincou ben a súa tenda entre nós.

            Coido que non pode resultar esaxerado dicir que a Igrexa non só tardou moito en empezar a se incardinar en Galicia senón que aínda lle queda moito para aterrar de verdade nela. Sabedes ben que a primeira misa en galego de tódolos tempos se celebrou oficialmente en Santiago no ano 1965, hai só cincuenta e seis anos. Presidiuna o P. Seixas, que acababa de volver da República Dominicana (onde estivera catro anos), antes de virse xa nese mesmo ano pra a cidade de Vigo. Con moitísimo atraso, xa que logo, se temos en conta que a lingua galega é a lingua propia deste país desde os tempos medievais.

            Foi o último concilio ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu a porta á utilización na liturxia das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou falso prestixio social non se lles concedera ata entón a categoría de oficiais. Aínda así, a nosa lingua galega tivo que esperar varios anos tralo remate dese Concilio para a súa introdución no uso litúrxico na nosa terra. Houbo daquela moitas protestas por esta inxustificada demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 se aprobou en Roma o uso litúrxico da lingua de noso tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol do seu uso.

            Chovía en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa se seguise dicindo en latín, se lles dese cabida nela ás linguas chamadas vulgares para lles explicar ós asistentes o que alí se estaba a facer. Mais tamén daquela nesta sufrida terra nosa se decidiu, contra toda lóxica e evidencia, que a lingua de Galicia era o castelán. Por iso, e sorprendentemente, os galegos, a diferencia por exemplo de vascos ou cataláns, non puidemos dispoñer ata hai moi pouco de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os nosos catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o mesmo Concilio de Trento pedira.

            Así pois, despois do Concilio Vaticano II, celebrouse en Galicia durante toda a década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral de Galicia. As disposicións concretas deste Concilio Pastoral galego partían do suposto básico da necesidade de identificarse coa propia cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto “boa nova”. Dise alí, por exemplo: “Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns de Galicia que a súa acción se encarne nos valores  naturais, humanos e culturais da Rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino”. E incluso se engade alí: “O Concilio Pastoral de Galicia pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural propia do pobo galego, fundamentalmente a súa lingua”.

            Por iso, e isto tócanos xa directamente a nós, dise aínda nun dos textos conciliares: “O Concilio Pastoral de Galicia pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización”.

            Polo tanto, O Concilio Pastoral de Galicia pídenos a tódolos cristiáns, clara e simplemente, máis “encarnación”. Do mesmo modo que Deus se quixo encarnar no concreto Xesús da historia.

            Teremos, pois, que lle pregar hoxe ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e relixioso para facermos de Galicia unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do Evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia historia, cultura e lingua, aínda que aberta naturalmente ás culturas e linguas do mundo enteiro, de maneira especial as máis próximas a nós.

            Quero aproveitar tamén esta importante data anual do 25 de xullo para aludir ó que particularmente celebro anualmente neste mesmo día con agradecemento a Deus. Pois xustamente nesta data do 25 de xullo, aínda que do ano 1963, hai polo tanto xa 58 anos, cando fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades (ademais doutros tres relixiosos de distintas ordes relixiosas) polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Fomos casualmente ordenados no día de Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era a festividade de santa Ana, padroeira de Innsbruck (capital do Tirol, onde residín durante catro anos). Polo tanto a data da nosa ordenación sacerdotal non tiña nada que ver coa festividade de Santiago Apóstolo dese día, senón por ser a véspera da festividade de Santa Ana. Con todo, foi andando o tempo e sen eu daquela sequera sospeitalo cando me din de conta do ben que cadrou no meu caso esa data, a da festividade do Apóstolo Santiago, ó esta estar de feito directamente relacionada entre nós coa necesaria encarnación na nosa lingua e cultura.

 

Manuel Cabada Castro


ver tamén:

https://cantosparaocaminho.blogspot.com/


Comentarios

Publicacións populares