FICHA E LECTIO: Domingo XV do Tpo.Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1/FICHA 2
Pra telo todo, non querer nada
(B - 11.VII.21)
Na Segunda Lectura deste domingo hai
un fermoso e famoso himno, que está incluído algo artificialmente nunha das
cartas do apóstolo Paulo. É o chamado “himno cristolóxico”. Os comentadores do
Novo Testamento, é dicir, do que acontece arredor da vida e mensaxe de Xesús e
do xurdimento das primeiras comunidades cristiás, adoitan dicir verbo deste
himno que vén sendo un dos fragmentos máis densos e profundos de todo o Novo
Testamento. De modo que será bo que lle prestemos algo de atención.
Lembremos algunhas das ideas que se
formulan neste precioso fragmento do Novo Testamento: “Bendito sexa Deus”, ese
Deus grande e bo, que é o Pai de Xesús e que está connosco como “Emmanuel”, é
dicir, coma “Deus connosco”. Con este Xesús-Manuel chégannos “toda clase de
bendicións”. Neste Xesús, Fillo de Deus, habitamos todos nós en canto seres
humanos que somos. En Xesús óllanos o Pai bondadosamente a todos, pois somos da
súa mesma carne e do seu mesmo sangue. Neste Xesús estamos todos “predestinados
“ a “sermos fillos adoptivos de Deus”. Esa é a mente e o designio de Deus Pai
para con todos. Iso é o que El quere e o que vai facer. Neste Xesús acadamos a
nosa redención e salvación, porque por medio del verte Deus Pai abondosamente,
xenerosamente, a súa graza sobre nós. El, por ser infinito, non é agarrado nin
avaro. Por moito que nos dea, segue a ser sempre infinito en poder e grandeza.
Dinos Paulo neste himno que Deus Pai “verteu xenerosamente sobre nós a súa
graza”, é dicir, a súa bondade e o seu amor e que fixo “rebordar sobre nós a
riqueza da súa graza”.
Cal é, pois, o proxecto de Deus Pai
sobre nós e sobre toda a realidade creada por el? Gravemos nas nosas mentes e
nos nosos corazóns agradecidos a resposta que nos dá Paulo a esta gran
cuestión: o proxecto de Deus é “unificar
en Cristo tódalas cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra”.
En consecuencia, non podemos ser
apoucados, encollidos ou de curtas miras. Si, Deus Pai quere asemellarnos a
Xesús, o seu fillo benquerido. Quere que participemos da vida divina, esa vida
divina que está chea de felicidade e que non vai rematar endexamais, como
endexamais vai rematar tampouco Deus mesmo. El amounos e ámanos por pura graza,
por puro amor, sen merecemento ningún da nosa parte. Fomos chamados a
participar desta súa vida divina, tal como nos di Paulo, “desde antes da
creación do mundo”. Foi el que nos escolleu para esta vida. Foi iniciativa súa,
non nosa, pois nós non eramos nada nin somos agora tampouco nada sen a súa
graza, sen a graza e o poder de Deus.
Á vista do marabilloso contido deste
grande “himno cristolóxico”, no que Paulo ou algún dos seus discípulos nos
resume de maneira concentrada o proxecto divino da nosa salvación, o que se nos
di no Evanxeo de hoxe non é máis ca simple consecuencia, algo que flúe de
maneira natural das ideas formuladas no himno paulino.
Os verdadeiros discípulos ou
“apóstolos”, é dicir, mandados, por Xesús están tan cheos da graza e das
promesas de Deus que non precisan practicamente de nada máis: “nin pan, nin
alforxas, nin cartos nin faixa”. Só unha túnica lixeira e mailas sandalias para
poderen camiñar e comunicar con presteza a gran “boa nova”. Os mandados por
Xesús téñeno todo e non precisan case de nada. Téñeno todo, porque o teñen todo
con Deus-Pai, algo así como un neno pequeno teno todo e vive feliz porque sabe
que seus pais estarán sempre amorosamente atentos a canto el precise.
Isto faime lembrar San Xoán da Cruz.
O gran místico de Ávila escribiu uns fermosos versos sobre como chegar ó que el
chamaba o “Monte da perfección”. Para subir a este monte hai que andar lixeiro
de equipaxe, tal como fan os montañeiros e escaladores. Hai que renunciar a
cousas inútiles, pesadas ou entorpecedoras se se quere chegar ó máis alto.
Porque, para Xoán da Cruz, Deus ten que ver co que el chama “o Todo”. ¿E como
se chega a este “Todo”?
Dínolo
el así:
Para
vir gustalo todo,
non
queiras ter gusto en nada.
Para vir posuílo todo,
non queiras posuír algo en nada.
Para vir selo todo,
non queiras ser algo en nada.
...
Cando reparas en algo,
deixas de te lanzar ó todo.
Porque para vir de todo ó todo
has negarte de todo en todo.
E cando o veñas de todo ter,
has telo sen nada querer.
Porque, se queres ter algo en todo,
non tes puro en Deus
o teu tesouro”.
Linguaxe poética,
dialéctica e conceptuosa, si, pero que vai ó fondo da mensaxe de Xesús do
desprendemento das cousas para comunicarmos a boa nova de que Deus é “todo”. Un
desprendemento que se ha reflectir no modo de vivir e de se comportar de cantos
anuncian a mensaxe de Xesús. Dicía o papa Paulo VI: “O home contemporáneo
escoita máis a gusto os que dan testemuño cós que ensinan, ou se escoitan os
que ensinan é porque dan testemuño... Será sobre todo mediante a súa conduta,
mediante a súa vida, como a Igrexa evanxelizará o mundo, é dicir, mediante o
testemuño vivido de fidelidade a Xesús Cristo, de pobreza e desprendemento dos
bens materiais, de liberdade fronte ós poderes do mundo”.
Por algo o noso papa Francisco
insiste tanto tamén no moito que a el lle gustaría unha Igrexa pobre e para os
pobres. E respecto do P. Seixas, sobre o que de cando en vez vos refiro algunha
anécdota, velaquí vos vai unha máis. Alguén que por entón era unha nena e agora
é unha importante política lembra así unha das visitas del á súa casa tras el
aceptar o convite de seus pais de ir xantar con eles:
“Teño a lembranza limpa e
nidia das súas grandes gargalladas inzando o seu queixo cara ó ceo. A súa
branca barba... e as fondas, ceibes gargalladas perante a sobremesa asombrábanme
e engaiolábanme. Tamén recordo a miña nai remendando a mesma cazadora tódolos
domingos ó remate do xantar...
- Pai, qué fixo coa chaqueta que lle
din...?
- É que había un moreniño que non
tiña ningunha...”
Pois iso!
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario