DOMINGO XVI DO TPO.ORDINARIO B


Primeira Lectura   Xer 23, 1-6

Congregarei o resto do meu rabaño e suscitarei pastores para eles

LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS


            Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño

e que o espantan do meu pasteiro!—é o Señor quen fala—.


            Por isto así lles fala o Señor, Deus de Israel,

aos pastores que apacentan o meu pobo:


            — Vós espantades as miñas ovellas,

escorrentádelas e non coidades delas;

ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos

—é o Señor quen fala—.


            Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,

traéndoos de todos os países a onde as esparexín,

e fareinas volver aos seus pasteiros,

onde criarán e se multiplicarán.


            Para elas constituirei pastores que as apacenten,

de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,

nin se perda ningunha—é o Señor quen fala—.


            Ollade que chegan os días—é o Señor quen fala—

en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo,

será rei de verdade e comportarase con prudencia,

administrará o dereito e a xustiza no país.


            Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,

e Israel vivirá en paz.


            O título que se lle dará será este: “O Señor é a nosa xustiza”.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL   Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

R.: (1)O Señor é o meu pastor, nada me falta.


O Señor é o meu pastor, nada me falta.

En pastos verdecentes faime repousar.

El lévame a beber en augas tranquilas

e repón as miñas forzas.


Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo;

o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.


Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.


O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo

todos os días da miña vida.

Eu habitarei na casa do Señor

por días prolongados sen fin.


 


Segunda Lectura   Ef 2, 13-18

El é a nosa paz, quen dos dous fixo un

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS


            Irmáns:

            Os que antes estabades lonxe, agora grazas a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz, o que dos dous pobos fixo un só derrubando a medianeira—a inimizade—, abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade facendo a paze reconciliando con Deus ambos os dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade.

            El veu e anunciou a paz; paz para vós—os de lonxe— e paz para os que estaban cerca porque por el temos uns e outros acceso ao Pai, nun mesmo Espírito.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


 


ALELUIA   Xn 10, 27

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;

eu coñézoas e elas séguenme.

Aleluia.



Evanxeo   Mc 6, 30-34

Eran coma ovellas sen pastor

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, os apóstolos volveron reunirse con Xesús e contáronlle canto fixeran e ensinaran.

            El díxolles: “Vinde vós sós á parte, a un lugar arredado, e descansade un pouco”. Porque eran moitos os que ían e viñan e nin para comer atopaban tempo. Entón marcharon na barca, á parte, a un lugar arredado.

            Pero víronos marchar e déronse conta moitos e, desde todas as aldeas, foron andando para alí e chegaron primeiro ca eles.

            Cando desembarcou, Xesús atopouse cunha gran multitude e sentiu compaixón por eles, porque eran coma ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas.


                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares