DOMINGO XV TPO.ORDINARIO - CICLO B



Primeira Lectura   Am 7, 12-15

Vaite como profeta ao meu pobo

LECTURA DO LIBRO DE AMÓS


            Naquel tempo, díxolle Amasías (sacerdote de Betel) a Amós:

            — Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;

come alí o teu pan, fai alí de profeta,

mais en Betel non volvas profetizar,

pois é santuario real, é templo nacional.


            Respondeu Amós e díxolle a Amasías:

            — Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,

xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,

mais foi o Señor quen me colleu de tras a grea

e foi o Señor quen me dixo: “Vai profetizar o meu pobo Israel”.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL   Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

R.: (8)Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.


Escoitarei o que di o noso Deus,

certamente o Señor fala de paz

para o seu pobo e os seus amigos.

A salvación está xa preto dos que o temen,

a gloria habitará na nosa terra.


A misericordia e a fidelidade atoparanse,

abrazaranse a xustiza e mais a paz.

Na terra xermolará a fidelidade,

a xustiza ollará desde o ceo.


O Señor ha dar os seus bens,

e a nosa terra vai dar os seus froitos.

A xustiza camiñará diante del,

e a salvación seguirá as súas pegadas.


 


Segunda Lectura   Ef 1, 3-14 (longa)

Nel elixiunos antes da constitución do mundo

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS


            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.

            Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.

            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme ao designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.

            Nel, no seu sangue, alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.

            Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme ao proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

            Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus


______________________________________________________________________


Ou:3-10 (máis breve)

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS


            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.

            Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.

            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme ao designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.

            Nel, no seu sangue, alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus



ALELUIA   Cf. Ef 1, 17-18

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo

ilumine os ollos do noso corazón

para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.

Aleluia.


 


Evanxeo   Mc 6, 7-13

Empezou a mandalos

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, chamou Xesús os Doce e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.

            Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato; nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:

            — Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acollen nin vos escoitan, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.

            Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños e curaban os enfermos unxíndoos con aceite.


                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares