FICHA E LECTIO: Domingo 15 de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XV T. O.
(Ano B: 15 de xullo 2018)
Na Segunda Lectura deste domingo hai
un fermoso e famoso himno, que está incluído algo artificialmente nunha das
cartas do apóstolo Paulo. É o chamado “himno cristolóxico”. Os comentadores do
Novo Testamento, é dicir, do que acontece arredor da vida e mensaxe de Xesús e
do xurdimento das primeiras comunidades cristiás, adoitan dicir verbo deste
himno que vén sendo un dos fragmentos máis densos e profundos de todo o Novo
Testamento. De modo que é bo que lle prestemos atención.
Lembremos algunhas das ideas que se
formulan neste precioso fragmento do Novo Testamento: “Bendito sexa Deus”, ese
Deus grande e bo, que é o Pai de Xesús e que está connosco como “Emmanuel”, é
dicir, coma “Deus connosco”. Con este Xesús-Manuel chégannos a nós “toda clase
de bendicións”. Neste Xesús, Fillo de Deus, habitamos todos nós en canto
humanos que somos. En Xesús óllanos o Pai bondadosamente a todos, pois somos da
súa mesma carne e do seu mesmo sangue. Neste Xesús estamos todos “predestinados
“ a “sermos fillos adoptivos de Deus”. Esa é a mente e o designio de Deus Pai
para con todos. Iso é o que El quere e o que vai facer. Neste Xesús acadamos a
nosa redención e salvación, porque por medio del verte Deus Pai abondosamente,
xenerosamente, a súa graza sobre nós. El, por ser infinito, non é agarrado nin
avaro. Por moito que nos dea, segue a ser sempre infinito en poder e grandeza.
Dinos Paulo neste himno que Deus Pai “verteu xenerosamente sobre nós a súa
graza”, é dicir, a súa bondade e o seu amor e que fixo “rebordar sobre nós a
riqueza da súa graza”.
¿Cal é, pois, o proxecto de Deus Pai
sobre nós e sobre toda a realidade creada por el? Gravemos nas nosas mentes e
nos nosos corazón agradecidos a resposta que nos dá Paulo a esta gran cuestión:
o proxecto de Deus é “unificar en Cristo tódalas cousas, canto
hai no ceo e canto hai na terra”.
En consecuencia, non podemos ser
apoucados, encollidos ou de curtas miras. Si, Deus Pai quere asemellarnos a
Xesús, o seu fillo benquerido, ó querer que el fose semellante a nós. Quere que
participemos da vida divina, esa vida divina que está chea de felicidade e que
non vai rematar endexamais, como endexamais vai rematar tampouco Deus mesmo. El
amounos e ámanos por pura graza, por puro amor, sen merecemento ningún da nosa
parte. Fomos chamados a participar desta súa vida divina, tal como nos di
Paulo, “desde antes da creación do mundo”. Foi el que nos escolleu para esta
vida. Foi iniciativa súa, non nosa, pois nós non eramos nada nin somos tampouco
nada sen a súa graza, sen a graza e o poder de Deus.
Á vista do marabilloso contido deste
grande “himno cristolóxico”, no que Paulo ou algún dos seus discípulos nos
resume de maneira concentrada o proxecto divino da nosa salvación, o que se nos
di no Evanxeo de hoxe non é máis ca simple consecuencia, algo que flúe de
maneira natural das ideas formuladas no himno paulino.
Os verdadeiros discípulos ou
“apóstolos”, é dicir, mandados, por Xesús están tan cheos da graza e das
promesas de Deus que non precisan practicamente de nada máis: “nin pan, nin
alforxas, nin cartos nin faixa”. Só unha túnica lixeira e mailas sandalias para
poder camiñar e comunicar con presteza a gran “boa nova”. Os mandados por Xesús
téñeno todo e non precisan case de nada. Téñeno todo, porque con Deus-Pai o
teñen todo, algo así como un neno pequeno teno todo e vive feliz porque sabe
que seus pais estarán sempre amorosamente atentos a canto el precise.
Isto faime lembrar San Xoán da Cruz.
O gran místico de Ávila escribiu uns fermosos versos sobre como chegar ó que el
chamaba o “Monte da perfección”. Para subir a este monte hai que andar lixeiro
de equipaxe, tal como fan os montañeiros e escaladores. Hai que renunciar a
cousas inútiles, pesadas ou entorpecedoras se se quere chegar ó máis alto. Porque,
para Xoán da Cruz, Deus ten que ver co que el chama “o Todo”. ¿E como se chega
a este “Todo”?
Escoitade
o que el nos di:
Para
vir gustalo todo,
non
queiras ter gusto en nada.
Para vir posuílo todo,
non queiras posuír algo en nada.
Para vir selo todo,
non queiras ser algo en nada.
...
Cando reparas en algo,
deixas de lanzarte ó todo.
Porque para vir de todo ó todo
has negarte de todo en todo.
E cando o veñas de todo ter,
has telo sen nada querer.
Porque, se queres ter algo en todo,
non tes puro en Deus
o teu tesouro”.
Linguaxe poética,
dialéctica e conceptuosa, si, pero que vai ó fondo da mensaxe de Xesús do
desprendemento das cousas para comunicar a boa nova de que Deus é “todo”. Un
desprendemento que se ha reflectir no modo de vivir e de se comportar de cantos
anuncian a mensaxe de Xesús. Dicía o papa Paulo VI: “O home contemporáneo
escoita máis a gusto os que dan testemuño cós que ensinan, ou se escoitan os
que ensinan é porque dan testemuño... Será sobre todo mediante a súa conduta,
mediante a súa vida, como a Igrexa evanxelizará o mundo, é dicir, mediante o
testemuño vivido de fidelidade a Xesús Cristo, de pobreza e desprendemento dos
bens materiais, de liberdade fronte ós poderes do mundo”.
Por algo o noso papa
actual Francisco insiste tanto tamén no moito que a el lle gustaría unha Igrexa
pobre e para os pobres.
No que se refire unha vez
máis ó P. Seixas, é ben sabido o desprendido que era en ter cousas para o seu propio
proveito e o seu fervoroso interese en axudar os necesitados. Unha persoa de
aquí de Vigo, que entón era unha nena, recorda así unha das visitas do P.
Seixas á súa casa tras aceptar el o convite de seus pais de ir xantar con eles:
“Teño a lembranza limpa e
nidia das súas grandes gargalladas inzando o seu queixo cara ó ceo. A súa
branca barba... e as fondas, ceibes gargalladas perante a sobremesa
asombrábanme e engaiolábanme. Tamén recordo a miña nai remendando a mesma
cazadora tódolos domingos ó remate do xantar...
- Pai, qué fixo coa chaqueta que lle
din...?
- É que había un moreniño que non
tiña ningunha...”
Máis nada...
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímosche a ti, Pai, a nosa oración comunitaria, dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, a túa luz e a túa graza para comprendermos e aceptarmos os teus
grandes plans sobre nós de formarmos,
xunto con toda a creación, unha unidade de amor co teu Fillo Xesús e nel contigo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, espírito de desprendemento das cousas que nos impiden achegarnos máis decididamente a ti.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Move, Pai, os nosos corazóns e as nosas mans para atender e axudar os que
estándesprovistos dos medios
materiais ou espirituais que precisan para as súas vidas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario