Ficha e Lectio - Domingo 17 Ord B
LECTIO:
DOMINGO XVII T. O.
(29 de xullo de 2018)
Neste
domingo e nos seis seguintes os evanxeos van falarnos de Xesús como “pan de
vida”. Inícianse hoxe estes pensamentos, esta mensaxe de Xesús, co ben coñecido
relato da multiplicación dos pans e dos peixes. Hai que ter en conta que este
relato é narrado por tódolos evanxelistas. Isto quere dicir en principio que á
escena habería que lle supoñer un transfondo histórico importante. Aínda que
aquí, de todos modos, o que máis interesa, como sosteñen eséxetas e entendidos
bíblicos, é o seu carácter simbólico.
Este
carácter vénnos dado sobre todo pola súa relación coa Eucaristía. Pero, claro,
unha relación coa celebración eucarística que non esquece o seu orixinario e
fundamental carácter. É dicir, sabemos que para os primeiros cristiáns a
celebración eucarística se caracterizaba por compartir amizade, bens e
alimentos ó tempo que os participantes nesa celebración lembraban o
acontecemento fundamental da vida e morte de Xesús, o Fillo de Deus, que se
entregara a si mesmo en comida e bebida para todos. Deste modo, a dimensión que
poderiamos chamar espiritual e a material ou corporal estaban, entón polo
menos, ben xuntas.
Moito
diso segue presente aínda hoxe na nosa celebración comunitaria, concretamente
na colecta por medio da cal queremos axudar ós que están en calquera
necesidade, nos xestos de dármonos mutuamente a paz, etc. Pero é posíbel que os
primeiros cristiáns vivisen e practicasen isto de maneira máis normal e
natural.
En
calquera caso, o que teriamos que poñer hoxe de relevo é que a fe cristiá non
pode ser unha fe aérea, abstracta, puramente espiritual ou mística, senón ben
atenta ó feito de que Xesús tiña un corpo coma o noso, sentía fame coma
calquera persoa e, polo tanto, sabía das necesidades e dos problemas da xente
coa que estaba en contacto. A verdade é que nós, os seres humanos, precisamos de
bens materiais e tamén dos que podemos chamar espirituais. Ámbolos dous tipos
de bens quere Xesús proporcionarnos, pois el sabe ben que o Deus que el nos
anuncia e fai presente é un Deus de vivos e non de mortos, un Deus que quere
para todos vida plena tanto na nosa vida mortal coma na vindeira.
Agora
ben, no relato de hoxe da multiplicación dos pans e dos peixes hai algo que non
se debería desatender. Dísenos nel que a xente que alí estaba chegou a resolver
máis que satisfactoriamente a súa necesidade de comer poñendo á disposición dos
demais o que tiñan. É dicir, os que tiñan algo de pan ou algún peixe non o
gardaron para si, senón que o puxeron á disposición dos que alí estaban, aínda
que puidesen sospeitar que ese xesto non chegaría a resolver o problema de
tódolos que alí estaban.
Temos
que supoñer que aquel rapaz do que se nos di que tiña “cinco bolos de pan de
cebada e dous peixes” quedaría abraiado ó ver que a súa renuncia a gardalos
para si chegase a producir uns efectos tan inesperados. Mais temos tamén que
aprender a ver que o “compartir” cos demais o moito ou pouco que teñamos pode
producir verdadeiros milagres.
A
verdade é que é moi certo aquilo que tantas veces se di de que ten máis alegría
o que dá có que recibe. A razón disto é que quen recibe, aínda que pareza que
non fai máis ca recibir, en realidade está dando tamén: dá ou ofrece o seu
agradecemento, a súa amizade, o seu apoio a aquel que lle dá sen esperar pola
súa parte nada a cambio.
Por
iso Deus é bo, ou como dicía Xesús, “só Deus é bo”, porque só el dá de maneira
absolutamente xenerosa, porque non ten necesidade algunha de nada noso, nin
sequera do noso agradecemento, porque el se basta desde sempre a si mesmo.
Unha
vez máis, vexamos o que ocorre con Deus. Porque o que aquí realiza Xesús coa
multiplicación dos pans e dos peixes é o que ocorre no interior mesmo de Deus.
Xesús apréndenos a compartir os nosos bens, aínda que sexan cativos e limitados,
cos demais, e iso vai producir o milagre de se sentir a xente satisfeita polos
bens físicos e morais recibidos.
Pois
ben, Xesús fai iso porque Deus mesmo é “compartir”. Con isto volvo aludir ó
misterio grandioso da Trindade de Deus. Non é que queiramos ou tentemos
desvelar o misterio que é en si mesmo Deus. Mais podemos sospeitar que algo moi
importante hai nel para entendermos dalgún xeito Xesús e as súas ensinanzas fundamentais.
Por
que Deus é “tres” e non só “un”? Pois porque se Deus fose só un, non podería
compartir con ninguén a súa infinita e grandiosa realidade. Para dicilo
dalgunha maneira, Deus (Deus Pai) ten necesidade de compartir, porque isto é
algo grandioso. E para compartir, Deus non o pode facer dentro de si mesmo de
maneira limitada, porque iso non sería propio de Deus. Por iso o seu Fillo (que
se vai encarnar en Xesús) é igual en grandeza e infinitude ó seu Pai, tan Deus
coma o é o Pai. E o mesmo poderiamos dicir do Espírito Santo, porque o amor que
se teñen o Pai e o Fillo é tan grande que este amor se constitúe no que
chamamos a terceira persoa da Santísima Trindade, Deus polo tanto tamén coma o
Pai e o Fillo. Mais é un compartir tan marabilloso que aínda sendo os tres
diferentes non son máis ca un único Deus.
En
fin, son profundidades misteriosas estas, pero que poden axudarnos para ver a
importancia e a grandeza da mensaxe de Xesús. Porque Xesús non está aí por
exemplo para resolvernos, de maneira técnica e directa, os problemas sociais e
económicos que ten o mundo no noso século XXI, pero si está aí para darnos
pautas éticas e morais de comportamento para resolvelos. Dinos Xoán, ó final do
seu texto de hoxe, que a xente, despois de ver o milagre de Xesús, quería
facelo rei, mais que el se retirou ó monte só. Para falar alí a soas co seu
Pai. A mensaxe e a misión de Xesús era moito máis fonda e eficaz cá que podería
realizar como rei ou presidente de goberno do seu país.
No
fondo, o que nos vén dicir Xesús sería, pois, que así como Deus non existe sen
compartir canto é no seo de si mesmo, así tampouco pode haber vida humana, que
non pode provir senón de Deus mesmo, sen que lle deamos amplo espazo a
compartir cos demais o pouco ou moito que poidamos ser ou ter.
Que
a comuñón de hoxe, na que Xesús comparte connosco en forma de pan e de viño
todo canto el é, nos dea luz e forzas para facermos o mesmo con cantos precisen
de nós.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a nosa oración a Deus Pai,
por medio de Xesús, fillo seu e irmán noso, en unión con Espírito Santo,
dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános Pai, corazón amigo e fraternal
para estarmos así atentos ás necesidades dos demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a imitarmos na nosa
vida a túa vida divina na que compartes canto
ti es co Fillo e co Espírito
Santo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que vexamos na comuñón
eucarística o modelo da nosa entrega ós demais,
imitando así a entrega persoal de Xesús a nós.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso
Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario