Domingo 15 de Ordinario B



PRIMEIRA Am 7, 12-15
Vaite como profeta ó meu pobo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

12Díxolle Amasías (sacerdote de Bethel) a Amós:
"Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;
come alí o teu pan, fai alí de profeta,
13mais en Betel non volvas profetizar
pois é santuario real, é templo nacional".
14Respondeu Amós e díxolle a Amasías:
"Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,
xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,
15mais foi Iavé quen me colleu de trala grea
e foi Iavé quen me dixo: vai profetizar ó meu pobo Israel.


SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/ (8): Móstranos, Señor, a túa misericordia e dáno-la túa salvación 

9Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
10A salvación está xa preto dos que o temen,
a súa gloria habitará na nosa terra.

11O amor e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e maila paz.
12Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

13O mesmo Señor dará os bens,
a nosa terra dará os froitos.
14A xustiza irá dediante del,
guiará os seus pés no camiño.


SEGUNDA Ef 1, 3-14 (longa)
Nel elixiunos antes da constitución do mundo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

3¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos
bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! 4Porque nos escolleu antes da
formación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha perante El polo amor.

5El decidiu xa daquela profillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o
designio da súa vontade, 6para louvanza da súa gloriosa benquerencia, coa que nos
agraciou no Fillo amado, 7quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos
pecados, en proba da xenerosidade da súa gracia. 8E fíxoa rebordar sobre nós con toda
sabedoría e intelixencia, 9ó nos descubri-lo misterio da súa vontade, conforme o designio
que El tiña 10para leva-la historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a
unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.

11Por El tamén nós tivémo-la sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que
activa todo conforme o proxecto da súa vontade, 12para sermos imaxe da súa gloria os que
xa antes tiñámo-la esperanza en Cristo.

13Vós tamén, despois de escoitárde-la mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación,
e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, 14que é garantía da nosa
herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para louvanza da súa
gloria.


Ou: 3-10 (máis breve)

3¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos
bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! 4Porque nos escolleu antes da
formación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha perante El polo amor.

5El decidiu xa daquela profillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o
designio da súa vontade, 6para louvanza da súa gloriosa benquerencia, coa que nos
agraciou no Fillo amado, 7quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos
pecados, en proba da xenerosidade da súa gracia. 8E fíxoa rebordar sobre nós con toda
sabedoría e intelixencia, 9ó nos descubri-lo misterio da súa vontade, conforme o designio
que El tiña 10para leva-la historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a
unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.



ALELUIA Cf Ef 1, 17-18:
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo ilumine os ollos do noso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación



EVANXEO Mc 6, 7-13
Empezou a mandalos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

7Chamou Xesús os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre
os espíritos malos. 8Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato:
nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. 9Que calzasen sandalias, pero que non levasen
máis ca unha túnica. 10E avisounos:
-Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. 11Se nalgún lugar
non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles
sirva de aviso.

12Marcharon, e predicaron a conversión. 13Botaban fóra moitos demonios, e curaban os
enfermos, unxíndoos con aceite.







Comentarios

Publicacións populares