25 de xullo - Ladaíñas de Galicia

É curioso como somos os galegos... 
hai quen converte unha data triste en orgullo, 
para min segue sendo unha vergoña 
que teñamos que seguir "celebrando",
53 anos despois (por non falar dos de antes)*
a misa de Rosalía, a primeira en galego;
 é a consolidación dunha inxustiza, 
dunha dor e dun pecado como cristiáns, 
pois non seguimos o espírito de Pentecoste
de loar a Deus en tódalas linguas, sobre todo na nosa.

Lembremos aos que ían presos tras a misa,
e aos que hoxe estamos sinalados ou ignorados 
pola Igrexa por pedir a misa en galego
e pedir que se cumpran os compromisos establecidos,
os mesmos esquecidos entre os galeguistas por ser crentes,
...cada vez máis sós no noso deserto.

   Gástanse millóns 
no noso marabilloso Pórtico da Gloria
pero non se fai nada polo patrimonio cultural
da nosa lingua viva para loalo.
Nin os periódicos galegos hoxe falan en galego...

Poñámonos nas mans do noso señor Santiago e
preguemos polo día en que non teñamos que celebrar esta data
porque a reivindicación, e a Palabra está cumprida...

*...xa que a misa xa comezara antes, en 1932.



A LETANÍA DE GALICIA 
(Uxío Novoneyra)

De tanto calar xa falo eu solo...

GALICIA digo eu / un di ..............GALICIA.

GALICIA decimos todos ..............GALICIA.

Astr´os que calan din ...................GALICIA

e saben .......................................sabemos.


GALICIA da door chora ...............á forza.

GALICIA da tristura triste ............á forza.

GALICIA do silencio calada ..........á forza.

GALICIA da fame emigrante .........á forza.

GALICIA vendada cega ................á forza.

GALICIA tapeada xorda ...............á forza.
GALICIA atrelada queda ...............á forza.


Libre pra servir ....................libre pra servir.

Libre pra non ser .................libre pra non ser.

Libre pra morrer ..................libre pra morrer.

Libre pra fuxir .....................libre pra fuxir.


GALICIA labrega ...............GALICIA nosa.

GALICIA mariñeira ............GALICIA nosa.

GALICIA obreira ...............GALICIA nosa.

GALICIA irmandiña ...........GALICIA viva inda .


Recóllote da terra ................estás mui fonda,

recóllote do pueblo..............estás nil toda,

recóllote da HISTORIA ......estás borrosa,

recóllote i érgote no verbo enteiro

no verbo verdadeiro que fala o pueblo.



Recóllote prós novos que vein con forza,

prós que inda non marcou a malla d´argolas,

prós que saben que ti podes ser outra cousa,

prós que saben que o home pode ser outra cousa,

sabemos que ti podes ser outra cousa,

sabemos que o home pode ser outra cousa...





Comentarios

Publicacións populares