Domingo 14 de Ordinario B




PRIMEIRA Ez 2, 2-5

Son casa rebelde e han saber de certo que hai un profeta no medio deles.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

 2Mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que
estaba a falar.

3Díxome:
-Fillo de Adam, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se
reviraron contra min -eles e mailos seus pais-, que pecaron contra min, ata o mesmo día de
hoxe. 4Estes fillos, ¡que duros son de cara! ¡Que obstinados de corazón! Voute mandar
onda eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor, Iavé". 5Deste xeito, eles -es-cóitente ou
rexéitente, pois son casa rebelde- han saber de certo que hai un profeta no medio deles.



 SALMO RESPONSORIAL Sal 122, 1-2a. 2bcd. 3-4
R/ (2cd): Os nosos ollos están no Señor
en tanto El non se apiade de nós

Cara a ti alzo os meus ollos,
cara a ti que moras no ceo.
2Coma os ollos do servo no seu señor,
coma os ollos da serva na súa señora,
así están os nosos ollos en ti, Señor, noso Deus,
en tanto El non se apiade de nós.

3Apiádate de nós, apiádate, Señor,
pois estamos fartos de desprezo;
4farta está a nosa alma
das burlas dos satisfeitos,
do desprezo dos poderosos.


SEGUNDA 2 Cor 12, 7-10
Gloriareime na miña febleza para que habite en min a forza de Cristo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
7Debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un
aguillón na carne: un emisario de Satanás, para que me pegue lapotes, e así non teña
orgullo. 8Por tres veces pedinlle ó Señor que o arredase de min, 9pero respondeume:
"Chégache coa miña gracia; a forza vese cumprida na fraqueza". Daquela presumirei con
gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo. 10E por iso
gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro
por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.


ALELUIA Cf Lc 4, 18:
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume evanxeliza-los pobres


EVANXEO Mc 6, 1-6
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

6 1Saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. 2Cando
chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía
abraiada:
-¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e
como pode facer tantos milagres pola súa man? 3¿Non é este o carpinteiro, fillo de María e
irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as suas irmás non viven aquí connosco?

Estaban realmente escandalizados. 4Pero Xesus díxolles:
-Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.

5E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as
mans. 6Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E adicouse a andar polas aldeas dos
arredores, ensinando.






Comentarios

Publicacións populares