FICHA E LECTIO: Domingo 16 de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
DOMINGO XVI T. O.
(Ano B: 22 de xullo 2018)
Algúns
coñecidos ou amigos vosos están quizais de vacacións. Ó mellor tamén algúns de
vós, aínda que non vos teñades desprazado de Vigo. O descanso tralo traballo e
as diversas ocupacións é sempre bo. Por algo se di tamén -aínda que nun sentido
que precisaría de aclaracións axeitadas- que Deus mesmo no sétimo día
descansou, é dicir, que acougou da obra ben feita da súa creación do mundo.
Dese mundo ó que pertencemos todos nós.
Aínda que a min en concreto
non me vai moito estar man sobre man, sen deixar de facer sempre algunha cousa,
recoñezo que a todos en xeral nos fai falla ter tempos de acougo, de
tranquilidade, de reflexión, de vérmonos cos demais, de atendelos e escoitalos
aínda que poidamos ser da opinión de que pouco ou nada iriamos nós aprender
deles ou mesmo eles de nós. Non nos esquezamos de que o mesmo noso Deus
cristián non é un ser solitario, pechado na súa unicidade esencial, senón a
plenitude mesma dunha relación trina que chamamos Santísima Trindade. A trindade
misteriosa e marabillosa da unidade entre Pai, Fillo e Espírito.
Todo isto vén a conto de
que no Evanxeo de hoxe se nos fala tamén do “descanso”. Xesús enviara os seus
apóstolos e discípulos a anunciar a súa boa nova. Fixérono o mellor que puideron
ou souberon, procurando anunciar Xesús con liberdade e humildade, apoiándose
non en ningún poder ou prestixio social ou económico, senón unicamente na
sinxeleza e grandeza dunha mensaxe incribelmente ilusionante, a “alegre nova”
de Xesús. Pois ben, para Xesús calquera que anuncie o evanxeo exerce un
traballo. Coma os demais, é tamén polo tanto un traballador que realiza unha
obra, unha boa obra. Merece en consecuencia tamén o seu descanso. “Vinde vós
sós –dilles Xesús- a un lugar arredado, e descansade un pouco”.
A intención desde logo era
boa, mais as proxectadas “vacacións”, que en principio serían xa ben curtas,
acabáronselles axiña a Xesús e mais ós apóstolos, porque ó desembarcaren con
este fin (coma se fixesen o traxecto pola ría desde aquí a Cangas) alá estaban
xa as multitudes esperándoos. Multitudes, das que se nos di que eran “como
ovellas sen pastor”. Precisadas polo tanto do anuncio e da paz do bo pastor.
Non se podía deixalas sen apoio e protección.
Mais se os apóstolos non
acadan atopar a conveniente paz e tranquilidade, é dicir, o acougo do que non
lles viría mal poder gozar un chisco, polo menos teñen o consolo de anunciaren
algo que dá ilusión e alegría ás multitudes e polo tanto tamén a eles. Unha
mensaxe de paz, dunha paz fonda e vivificadora, que é a condición de toda obra
ben feita e a base fundamental de toda a boa nova de Xesús. Esa paz que
anunciaran tamén os anxos no nacemento de Xesús: “Gloria a Deus no ceo, e PAZ a
tódalas persoas de boa vontade”. Esa “paz” á que se nos convida liturxicamente
en tódalas eucaristías dos domingos tras invocarmos o Señor dicindo: “Señor
Xesús Cristo, Ti dixécheslles ós teus Apóstolos: déixovolo miña paz, dóuvolo a
miña paz”.
É isto mesmo o que nos vén
dicir Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: Cristo Xesús -dinos Paulo- “é a
nosa paz.... El veu e anunciou a paz, paz para os de lonxe e para os de
cerca”...
Por que “paz”? Porque
Xesús é quen nos descubre o misterio dun Deus Pai de todos, que no seu Fillo
Xesús, convertido en irmán noso, e na forza do Espírito Santo quere facernos
partícipes a todos da paz e do amor que habitan no interior de Deus mesmo.
Tamén a Primeira Lectura
nos axuda a darlle á Eucaristía de hoxe este aire de paz e de tranquilidade,
que é -como vedes- algo moi importante para un seguidor de Xesús. Nesta
primeira Lectura o profeta Xeremías critica os pastores que espantan as ovellas
ou que, dunha ou doutra maneira, fan que perdan os ánimos. Xeremías,
efectivamente, denunciaba aqueles pastores que, no canto de coidaren agarimosamente
das ovellas, “escorrentábanas” e “espantábanas”: “Vós espantades as miñas
ovellas, escorrentádelas e non coidades delas: ollade que eu vos pedirei contas
da maldade dos vosos feitos”. Xeremías anuncia neste sentido que o Señor
“constituirá pastores que as apacenten, de xeito que xa non volvan ter medo,
nin se espanten, nin se perda ningunha das ovellas”. Xesús será ese futuro “bo Pastor”, tal como se
autoproclamará el a si mesmo. Un pastor que exerce a súa función, como nolo
recorda Paulo na súa carta ós Efesios, non baseándose na antiga lei “de
mandamentos e normas”, senón na lei viva e interior do amor que el nos anuncia
e ofrece e que está dirixida á construción dunha “nova humanidade”.
Mais semella que iso de
“espantar as ovellas” continúa aínda a ser unha tentación á que ás veces se
sucumbe, cando o Novo Testamento leva, teoricamente alomenos, bastantes séculos
de funcionamento. Unha pequena anécdota. Hai xa ben de anos que me contou un amigo
meu, xa defunto, que cando era mozo traballara bastante na construción desas
antigas e cativas estradas galegas nosas que teñen moitas curvas, porque
daquela non había aínda as máquinas de agora. Pois ben, como era o ano santo de
Santiago foise confesar alá polos anos trinta do século pasado á cidade do
Apóstolo. Mais ó lle comentar ó confesor que el era un obreiro, quen o
escoitaba no confesionario aproveitou a ocasión para lle dicir que os obreiros
eran os culpábeis dos males do país. Como vedes, era este un xeito moi
“axeitado” de espantar as ovellas... Naturalmente, non o pasou nada ben neste
seu encontro penitencial.
Algo de razón terá neste
sentido o papa Francisco cando hai pouco, no seu importante documento eclesial “A
alegría do Evanxeo”, nos dicía o seguinte: “Lémbrolles ós sacerdotes que o confesionario
non debe ser unha sala de torturas, senón o lugar da misericordia do Señor”.
Tema este, o da “misericordia” de Deus, moi querido para o papa actual. E
seguramente por iso dedicou a este tema, o da “misericordia” de Deus, hai só un
par de anos, todo un “ano santo”, o ano 2016.
Aproveitemos, pois, este
tempo xa máis quente e tranquilo do verán para medrarmos neste espírito de paz,
de comprensión, de amor , de “misericordia” ó que nos chama a boa e alegre nova
do Evanxeo.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocámoste, Pai, na nosa oración comunitaria, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, alegría no
noso traballo cotián e paz tamén no noso acougo, tal como ti queres de nós.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, o
espírito acolledor e misericordioso do teu fillo Xesús no noso comportamento coas
persoas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que entre
tódolos pobos, relixións e culturas reine a paz, a mutua comprensión,
rexeitando calquera actitude dogmática ou violenta.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario