FICHA E LECTIO: Domingo 26 de Ordinario A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Un Deus das migrantes e marxinadas
(27
de setembro de 2020)
Mateo
segue a nos falar hoxe da comparanza que fai Xesús do seu “reino” cunha
viña e do seu convite a traballarmos
nela. A vantaxe deste tipo de comparacións é que así podemos entender mellor a
mensaxe que Xesús nos quere anunciar. E se a comparación ten que ver coa
natureza, coa vida vexetal que nos rodea, tanto mellor, pois na nosa bela e
vizosa Galicia conservamos aínda ben de árbores e videiras por moito que lles
pese a incendiarios e irresponsábeis. Sabemos tamén bastante sobre recoller a
uva, facer o viño e tamén sobre o probar
e degustar.
O reino que anuncia Xesús está aí xustamente, coma o
viño, para producir alegría, comensalía e fraternidade. Máis dunha vez relacionou
el o seu reino, o presente xa e mailo futuro, cun gran banquete onde xente das
máis diversas razas e culturas comparte ou compartirá a ledicia de ser fillos
de Deus. Algo así como nun xantar de voda onde nos atopamos a gusto con
parentes, coñecidos e antigos ou novos amigos.
Mais para podermos ter a festa do viño e da fraternidade
é preciso traballar antes na viña. Esa viña que é o mundo no que nos atopamos e
no que nos relacionamos uns cos outros. Deus chámanos e convídanos a traballar
con el e cos demais no cultivo, na maduración e na recolleita deses acios dos
que logo se vai facer o viño da alegría e do contento. Somos todos
privilexiados colaboradores de Deus nunha tarefa que el quixo que proceda tamén
da nosa liberdade e do noso esforzo persoal e comunitario.
E, tal como se nos recorda no texto do evanxeo, o que
conta en todo isto non son as palabras ou as promesas que o vento pode
doadamente levar consigo a pouco de seren pronunciadas. “Vou, Señor”, pero logo
non foi... O que conta son as obras, os feitos , por aquilo ben sabido de que
“obras son amores e non boas razóns”.
Aqueles ós que Xesús dirixe a parábola son, segundo nos
refire Mateo, “os sumos sacerdotes e os anciáns do pobo”. É dicir, os mestres
da lei, da palabra escrita ou transmitida de viva voz na cultura e relixión
xudía do seu tempo. Eran os que tiñan o privilexio da palabra, aínda que non
necesariamente o das boas obras. Facede, comentaba Xesús noutro contexto, todo
o que eles vos din, mais non fagades conforme ás súas obras. Consello que debería
valer tamén para os nosos tempos, pois sempre é posíbel que as belas ou non tan
belas palabras de exhortación de mestres ou anunciadores da boa nova non vaian
suficientemente acompañadas das boas obras.
Este privilexio da palabra levou os sumos sacerdotes e os
anciáns dirixentes xudeus a se consideraren a si mesmos superiores ós demais.
Fachendeaban de ser os auténticos depositarios e portadores da verdade, do bo
comportamento e da xustiza. Eran sen dúbida superiores ós demais no que se refire
á súa posición social ou á súa relación cos poderosos. ¿Mais eran eles –no fin
de contas- verdadeiramente superiores ós demais? Máis concretamente, ¿posuían
eles realmente unha categoría ética ou relixiosa máis elevada cá dos
oficialmente “pecadores” ou socialmente mal mirados?
É ben seguro que estes “sumos sacerdotes e anciáns do
pobo” deberon de recibir un atordante machadazo cando Xesús lles espetou sen contemplacións:
“Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus
antes ca vós”.
Como vedes, Xesús no parece levarse nada ben con cantos
fachendean de si mesmos, da súa virtude ou da súa bondade moral. Tal como dicía
el mesmo noutra ocasión: “Bo, o que se di bo, non hai máis ca un: Deus”. Os
demais, todos, somos –no mellor dos casos- aprendices, máis ou menos
consecuentes, da única bondade, que é a de Deus. E todo isto, ademais, grazas á
súa graza e ó seu amor.
Resulta, ademais, que esta bondade, a de Deus, é
xustamente boa porque é unha bondade pola que Deus se dá ós demais en Xesús.
Por iso, con bo criterio, a liturxia de hoxe coloca antes do texto do evanxeo
un célebre texto da carta de Paulo ós Filipenses.
Paulo
anímanos nel a termos “sentimentos de agarimo e misericordia” uns cos outros.
Recoméndanos tamén non procedermos con “fachenda”, “pensando humildemente
–segue el a dicir- que os outros son máis ca un”. Mais coido que o máis
importante ou decisivo é a razón pola que Paulo nos exhorta a iso. Unha razón
ou xustificación que explicaría tamén por que Xesús formulou palabras tan severas
contra a fachenda dos “sumos sacerdotes”.
A
razón está precisamente en que o Deus que en Xesús se nos manifesta é un Deus
que non “fachendea” de ser Deus (e ben que podería facelo!, digo eu), senón que
é un Deus que se rebaixou libremente a si mesmo en Xesús ata o nivel máis baixo
da nosa propia humanidade. Paga a pena volver escoitar o texto paulino da
Segunda Lectura: “El [é dicir,
“Cristo Xesús”], con ser de condición
divina, non se agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus; senón que se espiu do
seu rango e asumiu a condición de escravo, feito en todo semellante ós homes.
Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo, facéndose obediente
ata á morte, e á morte na cruz”.
Por
iso a vida e mailo comportamento de Xesús na concreta sociedade do seu tempo,
na que el se manifestou coma “un home calquera”, son a verdadeira condena do
autocompracente comportamento dos mestres da lei.
E
é xustamente ese rebaixamento de Xesús, do que nos fala Paulo, o que fará que o
Pai-Deus, e tamén Pai noso, o vaia despois “exaltar sobre todo”, tal como nos
di tamén Paulo.
Se
queremos, polo tanto, en canto cristiáns e seguidores de Xesús, sermos grandes
(e deberiámolo desexar de verdade!), xa sabemos cal ha ser a nosa folla de rota
para acadarmos tal grandeza. O camiño é, coma o de Xesús, o do noso
“rebaixamento” no servizo e amor a cantas persoas nos toque en sorte atopar na
vida.
E, para rematar, non podemos deixar de facer alusión á
“Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado”, da que hoxe fai lembranza a
Igrexa en todo o mundo. As migracións, os inmigrantes ou emigrantes dun país a
outro, dunha cultura ou lingua a outras diferentes son feitos que están aí
diante de nós. E, neste contexto, no podemos esquecer a situación política e
social de Galicia desde o comezo da época moderna que fixo da nosa terra
durante séculos un país de emigrantes. Temos, pois, que traballar por que os dereitos
humanos, culturais, sociais ou económicos dos migrantes sexan respectados en
calquera lugar do mundo, porque alomenos para nós a súa dignidade vén de Deus, de
seren (igual ca nós) fillos de Deus.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/26-tempo-ordinario-a-mateu-2128-32/
Comentarios
Publicar un comentario