ORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DE ORACIÓN E COIDADO DA CASA COMÚN


ORACIÓN PARA O TEMPO DA CREACIÓN

Creador de Vida,
pola túa Palabra a Terra produciu plantas que deron sementes,
e árbores de todo tipo que deron froitos;
os ríos, as montañas, os minerais, os mares e as fragas sostiveron a vida.

Os ollos de toda a xente ollaban cara a ti
para satisfacer as necesidades de cada ser vivo.
E ao longo dos tempos a Terra foi sostendo a vida.
Cos ciclos planetarios de días e estacións,
renovación e crecementos,
abriches a túa man
para lles dar ás criaturas a mantenza no momento axeitado.

Na túa Sabedoría concediches un día de Descanso (Sabbat),
un tempo bendito para descansar en gratitude por todo o que nos vas dando;
un tempo para liberarnos do consumo desenfreado,
un tempo para permitir que a Terra e todas as criaturas
descansen da carga da produción.

Pero nestes tempos a nosa vida está levando o planeta máis aló dos seus límites.
As nosas demandas de crecemento
e o noso interminable ciclo de produción e consumo
están esgotando o noso mundo.
As fragas esgótanse, a terra seca, os campos fallan,
os desertos avanzan, os mares acidifícanse, as tormentas intensifícanse.
Non permitimos que a Terra garde o seu Descanso,
e a Terra está loitando por se renovar.

Durante este “Tempo da Creación”
pedímosche que nos concedas valor de celebrar un Descanso para o noso planeta.
Fortalécenos coa fe para confiar na providencia.
Inspira a nosa creatividade para compartir o que nos foi dado.
Apréndenos a sermos persoas satisfeitas co necesario.
E, mentres proclamamos un Xubileu para a Terra,
envía o teu Espírito Santo para renovar a face da Creación.
No nome de Aquel
que veu proclamar a boa nova a toda a Creación,
Xesús Cristo.
Amén.





Comentarios

Publicacións populares