FICHA E LECTIO: Domingo 24 do Tpo. OrdinarioA

FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Espírito fraternal e pacífico
 (13 de setembro de 2020)

            Na oración que dicimos na eucaristía dos domingos ou de calquera outro día –estoume a referir á oración do “Noso Pai que estás no ceo”-  expresámonos deste xeito: “Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido”.

            Trátase dunha oración coa que Xesús lles aprende a orar ós seus apóstolos despois de estes llo pediren a el de maneira explícita. Vén sendo, polo tanto, algo así como o modelo para calquera xeito de nos dirixirmos a Deus, pai de Xesús e pai noso.

            E, enlazando co que diciamos no último domingo, non se trata dunha oración individual. Quero dicir: non son eu, en canto individuo particular, Manuel ou Iago, Xurxo ou Uxía, os que nos diriximos cada un pola súa conta ó noso particular Pai do ceo. Porque o noso Deus non é pai de individuos ou persoas humanas particulares en canto tales. Dese xeito Deus só é Pai de Xesús, o seu Fillo único, unixénito e eterno. E por iso só Xesús é persoa divina, aínda que tamén cunha natureza humana coma a nosa, tal e como se expresan os teólogos.

            Todos nós somos, pois, fillos de Deus-Pai e irmáns uns dos outros pola nosa común irmandade con Xesús, que é tamén ser humano coma nós. Formamos entre todos, en consecuencia, unha gran familia. A familia dos que nos podemos chamar fillos de Deus por libre vontade amorosa súa. El quérenos a todos coma fillos seus e por iso non lle comprace –como ocorre xa de maneira limitada entre nais e pais humanos- que os seus fillos nos comportemos mal uns cos outros.

            Por todo isto, o modo como Xesús quere que nos dirixamos ó Pai non é: “Meu Pai que estás no ceo”. Desa maneira só Xesús pode dirixirse a el. Tódolos demais, todos nós, aínda que o fagamos desde a nosa particular e concreta soidade interior, non nos podemos dirixir a Deus máis que como a Pai que o é de todos (e non só como pai exclusivo meu). A conciencia de que somos irmáns de todos non nos pode, pois, abandonar endexamais no intre de nos dirixirnos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus non lle vai que nos dirixamos a el prescindindo dos demais ou, sobre todo, estando a mal con eles.

            Mais por que?

            Cústanos moito chegarmos a aprender de maneira consecuente a incríbel importancia que ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán noso en Xesús. Ese feito convértenos automaticamente a todos en irmáns. Formamos todos, polo tanto, unha única familia. E entre os membros dunha mesma familia (se é que esta é verdadeira) non se lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que mutuamente nos fixemos ou deixamos de facer. Querémonos simplemente e de verdade. E se algunha vez hai algún problema, algunha “ofensa”, estase sempre disposto a perdoar e a facermos as paces. Claro que todo isto depende moito do grao de amor que exista nas diversas familias.

            En calquera caso, ese é o nivel, ben alto, que nos pon Xesús pra sermos e comportarnos mutuamente e de verdade como irmáns. Perdoar, non “sete veces”, senón “setenta e sete veces”, tal como se nos di no texto do evanxeo. É dicir, perdoar sen límite, sempre. Xa sabedes que o número “sete” ten na linguaxe bíblica un sentido simbólico, que vén significar aquí tamén algo así como “sempre”, sen tope.

            Pero creo que o máis importante de todo é que vexamos nisto a súa fonda raíz. Perdoar, ter un corazón xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así se comporta sempre. Lembrade aquela marabillosa parábola de Xesús de cando o fillo pródigo volve á casa e seu pai non lle bota en cara o máis mínimo o seu mal comportamento senón que o enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran festa. Porque Deus nos quere, por iso é el sempre perdoador en relación cos incorrectos comportamentos dos seus fillos.

            Lembrade unha vez máis tamén o que nos dicía Paulo, no anterior domingo, de que tódolos mandamentos se reducen a un só: “Ama o teu próximo como a ti mesmo”. Se nos acostumamos a vermos nos demais a nós mesmos, entón a cousa faise doada. ¿Pois hai alguén que non se queira a si mesmo?

            No canto de intentarmos facer, pois, cousas raras ou estrañas..., os cristiáns teriamos que especializarnos en vérmonos a nós mesmos nos demais. Porque en Xesús, no que Deus se humaniza, acadamos todos a mesma dignidade de fillos de Deus. Somos así todos iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla a todos. E esta dignidade non pode en modo algún quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver ou comprobar nunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus alén das nosas feblezas e dos nosos desordes morais.

            No texto do evanxeo considérase a Deus-Pai como modelo do noso comportamento. Se el non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento xeneroso e perdoador con todos, entón non será moito pedir que nós fagamos algo semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo ese “Reino de Deus” do que se fala tantas veces no evanxeo: un mundo no que as violencias, as inxustizas, os desencontros entre individuos e pobos deixen de ser crónica habitual de xornais e outros medios de comunicación.

            Este espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas, porque ó seren “pacíficas”, é dicir, “facedoras de paz”, fanse elas merecedoras daquela “felicidade” da que falaba Xesús ó chamar “benaventurados”, ou sexa “felices”, os “pacíficos”.

            Este tipo de comportamento “pacífico”, perdoador, ten un amplo abano de aplicacións. Desde o seo da familia -nas relacións entre marido e muller, pais e fillos e destes entre si- ata no caso das violencias militares, políticas ou sociais dos nosos tempos. Tamén nestes complicados temas, sen un comportamento xeneroso e perdoador non é doado chegar a unha solución que sande e cure de verdade tódalas feridas.

            Sexamos, pois, no conflitivo mundo de hoxe pacíficos, pacificadores, perdoadores, facendo así presente e visíbel o Deus xeneroso e perdoador que se nos manifesta en Xesús.



Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares