FICHA E LECTIO: Domingo 23 do Tpo. Ordinario A

FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2



LECTIO:


Formando comunidade con Deus
 (domingo 6 de setembro de 2020)

            Moitas veces se di que nas nosas sociedades modernas occidentais a xente se volveu individualista e pouco interesada nos asuntos e problemas dos demais. E parece que hai indicadores abondo que apuntan cara a este diagnóstico. Sobre todo as persoas que gozan, como adoitamos dicir, dunha certa independencia económica e profesional. Xente así prefire non se meter en leas, non complicarse a vida. Que cada un –pensan- arranxe os seus propios problemas e asunto concluído.

            Xesús, polo contrario, non se refuxiou en si mesmo. Non se dedicaba a resolver os seus propios problemas ou a tomar especiais cautelas contra os perigos que podían ameazalo a el mesmo. Tal como indiquei algunha vez, Xesús era un home público. Buscaba facer comunidade, irmandade. Ocupábase de axudar os demais e de estar atento, coa súa acción e a súa palabra, ós problemas dos demais. Problemas morais, espirituais e tamén, naturalmente, corporais.

            Por iso se reunían, xa desde o principio, os primeiros cristiáns para celebraren as súas asembleas comunitarias, lembrando a palabra de Deus e participando comunitariamente na Eucaristía. Ó participaren na Eucaristía, Xesús (a súa persoa e os seus ideais) ía tomando corpo e forma  en cada un dos participantes.
            En realidade, isto é o que continuamos a facer nas eucaristías que celebramos. Non pensemos que o que nelas ocorre é un simple encontrármonos uns con outros, intentando fortalecer a nosa piedade co exemplo dos demais que están connosco e cumprindo con máis ou menos devoción persoal o rito da comuñón. Naturalmente, tamén rezamos, no noso interior ou particularmente, e tamén nos asociamos cos demais e co sacerdote que preside a eucaristía.

            Todo isto é así. Porén o máis importante é algo que a simple vista non aparece. No texto do evanxeo dísenos claramente: “Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pediren calquera cousa, conseguirano do meu Pai que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu”.

            Este Xesús invisíbel, mais realmente presente entre os reunidos no seu nome, é o que teriamos que aprender a ver e sentir cada vez con máis forza e intensidade. A oración comunitaria, que se realiza sobre todo na Eucaristía co “Noso Pai que estás no ceo”, é unha oración que Xesús está a realizar conxuntamente connosco, ó lado de cada un e no interior de nós mesmos.

            ¿Como vai fallar unha oración na que o propio Xesús se une a nós para garantir os seus bos efectos? Xunto con nós, humanos fillos de Deus, está a orar connosco o que é o seu Fillo unixénito, eterno e infinitamente querido por Deus-Pai.

            Non o deberiamos esquecer. Deus é esa comunidade -perfectamente única, misteriosa e incomprensíbel- de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que non se pode revelar ou manifestar, en canto comunidade que intimamente é, senón creando comunidade, comunidades. Os aquí reunidos formamos nese sentido unha desas comunidades: un grupo de persoas que, en mutua conxunción e coa forza e o poder de Xesús que reza connosco, pedimos a Deus Pai a súa graza e a súa axuda para as persoas do mundo enteiro, de maneira especial para as que máis precisan da súa axuda.

            Por iso, nestas nosas sociedades de hoxe que tenden polo que din os sociólogos ó individualismo e ó particularismo, temos que facer valer, fronte a tales tendencias, a importancia das reunións comunitarias. Concretamente a relevancia destes nosos encontros dominicais. Porque é neles onde Xesús nos garante, de maneira especial e explícita, a súa presenza.

            Por esta razón, e unha vez máis fronte a egoísmos e particularismos, dísenos de maneira formal na segunda Lectura (na carta de Paulo ós Romanos) que todos os mandamentos de Deus se reducen a un só: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. E está claro que non ama o próximo quen non quere saber dos demais, quen non quere estar cos outros e participar así con eles das súas necesidades, dos seus problemas, das súas angustias, das súas esperanzas, quen polo tanto non participa do espírito de Xesús. Pois este non é outra cousa, como ben sabemos, senón pura entrega de amor á humanidade, ós homes e mulleres concretos de tódolos tempos, de tódalas culturas, de calquera relixión que sexan, entrega incluso a aqueles que non se interesan por relixión algunha. O amor non fai excepcións. Por iso engadirá Paulo nesta súa Carta que o amor é “verdadeiramente o pleno cumprimento da Lei”.

            Queda ben claro, pois, que sentido comunitario e amor son en definitiva a mesma cousa. Por iso, se onde se encontran varios reunidos no nome de Xesús alí se atopa Xesús mesmo entre eles, do mesmo xeito alí onde unha persoa ama o seu próximo alí está Deus, pois alí está tamén Xesús.

            É difícil encontrarse con alguén que non teña a experiencia de ser querido ou de ter sido querido algunha vez por alguén. Agora ben, por que apreciamos e amamos tanto as persoas que realmente nos quixeron ou nos queren e aman? Pois, en último termo, porque esas persoas nos fan presente en realidade a Deus mesmo, que non é outra cousa senón amor, a teor do que tantas veces repetía Xoán, o discípulo a quen Xesús quería de maneira especial.

            Animémonos, pois, e reconfortémonos unha vez máis nesta nosa fe comunitaria, portadora de amor e de esperanza para o mundo.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:


Comentarios

Publicacións populares