FICHA E LECTIO: Domingo 25 de Ordinario - ciclo A

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2

LECTIO:

Un Deus xeneroso e libre

(20 de setembro de 2020)

 

            A grandeza da inimaxinábel personalidade de Xesús consiste en que el, sendo un de nós, humano coma nós, nos vai transmitindo coa súa palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el se recoñece e sente como o seu fillo benquerido. Posuía xa que logo unha experiencia única, fonda e íntima, para nós inconcibíbel,  do seu Pai Deus. Unha experiencia sobre a que el non podía ter dúbidas ou escuridades que a puidesen abalar.

            Non se trata, en consecuencia, dunha experiencia semellante á de moitos filósofos, pensadores ou místicos de toda a longa historia humana, que só puideron achegarse a Deus con tenteos persoais e conxecturas simplemente humanas. A nós resúltanos totalmente inconcibíbel como podería ser aquela marabillosa experiencia interior súa, a de se saber o fillo benquerido de Deus. Unha experiencia única e exclusiva a del. Desa experiencia fonda e única rebordaba el.

            O que el polo tanto fai non é senón comunicarnos de maneira sinxela esa experiencia súa de Deus Pai, de xeito que a poidamos dalgún modo comprender. Por iso é sempre verdadeiramente sorprendente e emocionante asistir a esta escola do seu saber sobre o misterio amoroso de Deus. De aquí que el nos fale directa e limpamente, sen libros e sen axudas eruditas doutros mestres ou autores, sobre esta fonda experiencia súa de Deus.

            Aprendemos así tamén a ver simultánea e conxuntamente o Pai Deus e o seu Fillo Xesús. Porque este non é máis cá presenza viva e actuante de Deus entre nós. Non nos esquezamos daquilo que lle dicía Xesús a un dos seus apóstolos: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”.

            De maneira que Xesús non é, nin fai, nin fala outra cousa máis có que é, fai ou lle fala seu Pai. Dado que o máis fundamental da revelación de Xesús é o de que seu pai Deus é tamén verdadeiro pai noso, non nos debe estrañar que hoxe se nos fale no texto do evanxeo da xenerosidade e esplendidez dun Deus que nos chama e convida a traballarmos na súa viña.

            Como ocorre xa dalgún xeito con calquera boa nai ou bo pai nas familias, a xenerosidade e esplendidez de Deus connosco están por enriba de calquera apelación á estrita xustiza ou a supostos méritos persoais. O Amor que Deus nos ten supera, polo tanto, calquera comportamento supostamente debido ou simplemente xusto.

            Xesús maniféstanos así, na parábola de hoxe, un Deus que busca a nosa colaboración no traballo que el mesmo está a facer no mundo. Mais el sabe da nosa preguiza, dos nosos problemas, das nosas indecisións e dos nosos cansazos.

            Coa súa xenerosidade e co seu amor, é así capaz de sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás pequenas xustizas humanas, de curto voo, que “os últimos serán os primeiros”. Os traballadores da primeira hora, aqueles que se ergueron cedo do leito e axiña foron contratados, non teñen en consecuencia razóns para se consideraren merecedores dunha meirande recompensa cá dos que se retardaron nesa tarefa.

            Xesús apréndenos así a sermos comprensivos, xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Pois porque así é seu Pai Deus é así tamén procede. Polo mesmo, así deberiamos ser nós tamén. Non sen razón se ten dito neste sentido que esta parábola dos “traballadores da viña” é sen dúbida unha das máis revolucionarias de Xesús.

            O que si é tamén importante é que cada un de nós saibamos agradecer e aceptar o concreto convite que Deus nos fai -cando el queira e como el queira- a traballarmos con dilixencia e entusiasmo na súa viña. Grazas a este traballo poderán as persoas todas do noso mundo degustar e beber ese viño -cunha denominación de orixe insuperábel, divina- co que Deus nos quere aledar e facer “benaventurados”, é dicir, felices, a todos.

            Quero xa rematar cunhas palabras que escribe o coñecido teólogo José Antonio Pagola en relación con esta parábola de Xesús. Son estas:

            “Nunca esquecerei o impacto que me produciu, hai xa moitos anos, o descubrir que non foi o rigor ou a radicalidade de Xesús o que provocou irritación e rexeitamento, senón o seu anuncio dun Deus ‘escandalosamente bo’. A parábola dos traballadores da viña é particularmente significativa. O seu contido é tan revolucionario que aínda non nos atrevemos a asumilo. E, porén, a mensaxe de Xesús é clara: o mesmo que ‘o Señor da viña’ dá a tódolos seus obreiros o seu ‘denario’, merézano ou non, sinxelamente porque o seu corazón é grande, así Deus non fará inxustiza a ninguén, mais pode ofrecer a súa salvación incluso ós que, segundo os nosos cálculos, non a merecen [...] Deus é bo con tódalas persoas, merézano ou non, sexan crentes ou sexan ateos. A súa bondade misteriosa desborda tódolos nosos cálculos e está máis alá da fe dos crentes e do ateísmo dos incrédulos. Ante este Deus o único que cabe é o gozo agradecido. Esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio dentro de nós e abrirnos confiadamente á súa bondade infinita”.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/25-tempo-ordinario-a-mateu-201-16/

Comentarios

Publicacións populares