Ficha e Lectio - Domingo 18 de Ordinario C
Romper o nó da cobiza
(4 agosto 2019)
É moi difícil, por non dicir
imposíbel, imaxinarmos a “nada”. Si, a “nada”: que non houbese nada, nin eu nin
vós, nin ninguén. Nin terra, nin mar, nis estrelas. Simplemente nada. En
realidade non pasaría nada, nin sequera habería a máis mínima posibilidade de
que puidésemos protestar por iso. Pois non habería ninguén para facer tal
cousa.
A pesar de todo, pensamos que
existir, vivir, soñar, amar e moitas cousas máis que somos e que facemos é o
máis natural do mundo. Así o cremos, mais esquecemos dese modo que o noso ser,
a nosa vida e canto con ela está unido non son cousa nosa. A realidade que
somos e que vemos ten que vir en definitiva doutra realidade que sexa
plenamente dona de si mesma, é dicir, de alguén que sexa plenitude de vida e de
poder. A iso chamámolo Deus. É el quen decide, no seu misterio infinito e
inabarcábel, facer que existan cousas e persoas coma nós ademais del. Sen se
sentir obrigado a tomar esa decisión, porque sendo el quen é non pode precisar
de nada nin de ninguén. Pola manifestación humana de Xesús sabemos que ese Deus
é a plenitude infinita do Pai, do Fillo e do Espírito. Na súa plenitude amorosa
está todo e dela procede todo.
Agora ben, por que decidiu este Deus
que existísemos, por que nos creou? Misterio fondo e infinito, como infinito é
o mesmo Deus. Baseados aquí tamén na revelación de Xesús, poderiamos dicir así
e todo que nos creou porque nos quere, porque nos ama, porque el –tal como nos
di Xoán- é amor. Non porque teña amor, senón porque el é
amor. Ou dito doutra maneira -e así conectamos xa co evanxeo de Lucas de hoxe-
porque el non é “cobizoso”, porque Deus non ten nada que ver coa “cobiza”. Deus
é pura xenerosidade, meirande cá calquera outra xenerosidade que poidamos
imaxinar ou pensar.
É este mesmo Deus Pai, que
xenerosamente nos crea, o que, moito máis xenerosamente aínda, nos dá o seu
propio Fillo e o converte en irmán noso, participando en todo da nosa
humanidade, do noso nacer, das angueiras do noso vivir e do noso morrer. Que
máis nos pode dar? Se el nos dá o seu Fillo, dásenos tamén el mesmo a nós con
el, porque o seu Fillo é coma el. Pois, tal como lle di Xesús ó seu apóstolo
Filipe, “quen me ve a min ve o Pai”.
Por iso, se algo é Xesús, é ser
tamén, por ser imaxe do Pai, pura xenerosidade, pura entrega a nós, á xente que
conviviu con el, creando liberdade, amor e xustiza por onde queira que andou. E
cando se vai, cando deixa de ser un máis entre nós, dános, dóanos, o seu
Espírito, o mesmo espírito de Xesús, ese Espírito que xa nunca máis se
ausentará deste mundo. Ese Espírito que move a súa Igrexa e as conciencias das
persoas todas cara a unha meirande xenerosidade con todos, cos pobres e
necesitados do mundo enteiro. É ese mesmo Espírito o que move o papa Francisco
a anunciar e practicar a xenerosidade e misericordia cos necesitados por onde
queira que vai e que move tamén tantas outras persoas anónimas do mundo enteiro
a ocupárense dos demais.
Ese mesmo espírito de xenerosidade é
o que se nos mostra no evanxeo de Lucas de hoxe cando el pon en boca de Xesús
esa advertencia programática: “Atención: gardádevos da cobiza”... Porque só se
somos xenerosos con todos, e sobre todo cos máis necesitados, nos asemellaremos
a ese Xesús que é a presenza viva no mundo da xenerosidade do Deus Pai de
todos.
A cobiza desenfreada é a que leva o
mundo ós desaxustes sociais e ás guerras. Son moitos os analistas que sosteñen
que é a cobiza do gran capital, dos grandes poderes e fortunas, a que está na
base da gran crise económica que afecta de tantas maneiras sobre todo as
persoas de menos recursos. A cobiza non quere oír falar de xenerosidade, de
fraternidade, de igualdade. O que quere é ter sempre máis a costa de quen sexa
e como sexa. Quere ateigar de bens e riquezas os seus propios hórreos ou
celeiros e, se non caben neles, derruílos para construír outros máis capaces e
seguros. A cobiza amorea para si, péchase sobre si mesma, só pensa en si e dise
a si mesma, como moi plasticamente nos comenta Lucas: “Amigo, xa tes aí
reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e ¡a vivir!”. A cobiza non
comparte. É todo o contrario dese Deus do que diciamos que é, todo el,
xenerosidade e fraternidade. Por iso nos di Paulo (na segunda Lectura) que a
cobiza “é unha idolatría”. Porque o Deus que o cobizoso adora é el mesmo, os
seus bens. Bens que en definitiva non deixan de ser efémeros, porque non son
capaces de “salvar” a vida humana, é dicir, os nosos insaciábeis desexos de
vivir. Pois ben sabemos que a gadaña da morte non fai excepción con ninguén.
Abrirnos á xenerosidade e á
fraternidade igualitaria, fuxindo da cobiza, é algo moi importante para o modo
cristián de pensar e de actuar. E se nos comportamos así, daremos tamén
cumprimento ó que o mesmo Paulo nos di na mesma carta ós Colosenses: “Alí (ou sexa,
na nosa vida consecuentemente cristiá) xa non hai máis nin grego nin xudeu, nin
circuncisión nin pagán, bárbaro, escita, escravo nin libre, senón que Cristo é
todo en tódalas cousas”. É dicir, só hai igualdade e fraternidade.
O
que deberiamos, pois, facer, se é que queremos realmente vivir, é non gardar a propia
vida para nós mesmos. Da mesma maneira que Deus non quixo gardar a súa vida
para si mesmo, senón que a sementou tamén no mundo e en nós. E se non queremos
clausurarnos en nós mesmos, teremos que facer que os demais vivan tamén, por
máis que iso poida supoñer pór incluso en perigo a nosa propia vida. Aínda que,
en realidade, perdela, o que se di perdela, nunca ocorrerá, pois darásenos,
devolverásenos, ben acugulada de bens, alomenos no alén da nosa existencia
terrea.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
https://www.gruposdejesus.com/18-tempo-ordinario-c-lc-1213-21/
Comentarios
Publicar un comentario