Ficha e Lectio - Domingo 17 de Ordinario C



LECTIO:

Falando co misterio amigo
 (28 xullo 2019)

            A Lucas poderiamos darlle a distinción de “doutor honoris causa” no tema da oración. Como é ben sabido, el fálanos con frecuencia de que Xesús oraba, de día ou de noite, cando podía estar máis libre das urxencias da xente que o arrodeaba e o quería escoitar. Por outra parte, son Lucas e Mateo os únicos que nos presentan o relato do modo de orar que Xesús nos quere aprender: o “Noso Pai que estás no ceo”.

            Os comentaristas dinnos que o texto de Lucas se corresponde seguramente de maneira máis fiel coas propias palabras de Xesús có de Mateo. Sen que se pretenda naturalmente buscar aquí literalidades. En calquera caso, é exclusiva de Lucas esa alusión, tan fermosa e ben doada de entender, ós tres amigos que entran en inesperada e tensa relación ben entrada xa a noite. Fáisenos dese modo moi comprensíbel o de animármonos a ser “teimudos”, constantes, insistentes, pesados ou como queiramos dicilo, no orar, no lle comunicar ó noso Pai-Nai Deus as nosas preocupacións en relación cos demais ou con nós mesmos.

            Lucas preséntanos significativamente Xesús ensinando e falando sobre a oración inmediatamente despois de el mesmo orar: “Despois de Xesús estar orando en certo lugar –comenta Lucas- un dos discípulos pediulle: ‘Mestre, apréndenos a rezar, como aprendeu Xoán os seus discípulos’”. Unha pequena mostra máis de que Xesús falaba e ensinaba sempre desde a práctica e experiencia súa máis íntima.

            Tal como podemos ver, esta petición que un dos discípulos lle fai a Xesús de que os aprenda a orar élle presentada polo discípulo como algo que estaría en continuidade coas ensinanzas sobre a oración que Xoán Bautista lles impartira ós seus discípulos. Sospeito que as leccións ou discursos sobre a oración que Xoán, o precursor de Xesús, lles aprendía ós seus discípulos non terían moita semellanza co modo de orar que Xesús lles vai ensinar agora. Pois o Deus de Xoán era aínda sobre todo o Deus do Antigo Testamento. Un Deus que podería, si, ser chamado Pai, mais nun sentido ben distinto do de Xesús. No Antigo Testamento Deus era Pai do pobo en canto tal, pero non estritamente Pai de todos e cada un dos membros deste pobo. A relación con Deus no Antigo Testamento era aínda temerosa e distante, debido ás esixencias e ós castigos que a lei impuña. Por esta razón Abrahán (segundo escoitamos na primeira Lectura) non se atrevía a lle pedir a Deus un perdón total para a cidade pecadora en atención ós xustos que puidera haber alí. Porque Deus para Abrahán non podía deixar de ser dalgunha maneira tamén vingador. Precisamente por iso ten Xesús tanto interese en acabar coa imaxe habitual dos antigos profetas dun Deus vingador e castigador. Dificilmente podemos imaxinar, pois, Xoán Bautista ensinando os seus discípulos a se dirixir a Deus comezando coa palabra “Pai”, coa que Xesús inicia a oración que nos quere aprender. Porque, ademais, “Pai” ten sempre en Xesús un sentido amoroso, confiado, íntimo.

            Hai xa algúns anos tiven ocasión de presidir unha eucaristía na que uns nenos fixeron as súas primeiras comuñóns. De entre eles, unha nena fora adoptada de pequeniña pola súa nai adoptiva. Pois ben, a min chamábame a atención a confianza e amor cos que a nena, que acababa de recibir a súa primeira comuñón, chamaba “mamá” a súa nai adoptiva. Ela, como digo, non era a súa nai “natural” ou biolóxica, mais tanto filla coma nai amosábanse mutuamente o seu cariño maternal e filial de maneira natural e normal, exactamente igual a como se relacionan entre si nai e fillo en calquera outra familia.

            Con isto o que quero dicir é que Xesús é quen pode chamar de maneira plena e total “meu Pai” a Deus, porque en realidade é el o único en ser fillo propio e real de Deus. El non é fillo adoptivo del. Mais resulta que, ó se facer Xesús irmán noso, nos converteu de feito a todos, as persoas todas da humanidade, en partícipes da súa filiación divina. Somos así fillos “adoptivos” de Deus, porque Deus nos adoptou en Xesús coma fillos, aínda que non sexamos, nin poidamos selo, fillos inmediatos ou naturais de Deus. Deste modo, temos a posibilidade e o dereito de dirixírmonos a el como verdadeiro “pai” noso, da mesma maneira que a nena da primeira comuñón podía dirixirse e se dirixía de feito á súa nai adoptiva chamándoa “mamá”, queréndoa co agarimo de verdadeira nai. Desta maneira podemos aproximarnos algo a entender o amor que Deus-Pai nos ten a todos, dado que somos fillos queridos del grazas a que Xesús se irmandou con nós na súa humanidade. Isto é, xa que logo, o primeiro que temos que aprender e asumir agradecidos ó dirixírmonos a Deus. El é verdadeiramente o “noso Pai”, o noso “Pai-Nai”, en virtude da humanidade do seu fillo “benquerido” Xesús.

            Na oración do “Noso Pai” hai ademais como un resumo das ideas fundamentais do evanxeo. Á parte desta incomparábel relación filial con Deus, está presente o sentido da fraternidade. Sempre que recitamos esa oración estamos a dicir que somos irmáns, pois estamos falando sempre en plural: “Noso Pai”, non “meu” Pai unicamente. El é Pai de todos séndoo ó tempo de cada un. Estamos tamén a falar do “Reino” de Deus, do que lle pedimos a Deus Pai que veña a nós: un reino de fraternidade, de xustiza e de amor. Estamos, ademais, a proclamar a misericordia e o perdón mutuos entre nós para que así Deus Pai non poida presentarnos reparo algún para ser el tamén misericordioso connosco, fillos seus e irmáns entre nós. Pois a que pai ou nai lle pode compracer que os seus fillos vivamos divididos ou enfrontados?

            A este Deus noso debémoslle pedir todo e de todo. Desde os alimentos máis materiais que precisamos ou precisan outros para sobrevivir  fisicamente (“Dános cada día o noso pan”) ata o conforto máis sublime e espiritual que poidamos desexar e que de feito desexamos sempre. Pedirlle ó noso Pai Deus que el tome asento nos nosos corazóns, para el así nos encher dos seus sentimentos e do seu amor. Pois iso vén ser o que se nos di hoxe de que lle pidamos ó “Pai celestial” que nos dea o “Espírito Santo”. Seguro que o Pai nos dará o seu Espírito se llo pedimos segundo o que se nos di: “Se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan!”.

            Teñamos en conta que na visión de Lucas do noso Deus cristián o Espírito Santo ten unha relevancia moi especial. É o meirande regalo que o Pai nos pode facer. E quere ademais facelo.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/17-tempo-ordinario-c-lc-111-13/

Comentarios

Publicacións populares