DOMINGO 16 DO TEMPO ORDINARIO C


PRIMEIRA Xen 18, 1-10a
Señor, non pases sen te deteres onda o teu servo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

18 1O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abraham, estando este sentado á
entrada da súa tenda, nas horas da calor. 2Abraham ergueu os ollos e viu tres homes de pé
diante del. En véndoos, correu ó seu encontro, desde a entrada da tenda, e postrouse,
3dicindo: -"Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo.
4Farei traer unha pouca auga, bañaréde-los pés e descansaredes baixo a árbore. 5Coa
mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con
el as forzas, para logo seguirdes camiño".

Responderon eles: -"Está ben. Fai como dis".

6Abraham correu á tenda onda Sara, para lle dicir: -"Trae tres cuncas de flor de fariña,
axiña: amásaa, e prepara unha bica". 7E el foi correndo ó cortello, colleu o vitelo máis
tenro e mellor, e deullo a un criado, para que o guisase ó momento. 8Despois, co vitelo
guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ó seu lado
baixo a árbore.

9Nisto eles preguntáronlle: -"Onde está Sara, túa muller?"

El respondeu: -"Aí dentro, na tenda".

10E un deles engadiu: -"Volverei verte para o ano, e entón Sara a túa muller, terá un fillo".



SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5
R/ (1a): Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:
que ten sinceridade no corazón
3e non calumnia coa súa lingua;

 o que non lle fai mal ó veciño
e non difama ó seu próximo;
4o que estima desprezable ó malvado
e apreza ós que temen ó Señor;

5o que non presta con usura o seu diñeiro
e non se deixa subornar contra o inocente.



SEGUNDA Col 1, 24-28
O misterio oculto de séculos, pero agora manifestado ós santos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

Irmáns e irmás:
24Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles
falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa. 25Desta Igrexa fíxoseme
servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar
cumpridamente a palabra de Deus, 26ese misterio escondido desde séculos e xeracións,
pero que agora se manifesta ó seu pobo santo. 27A este pobo quíxolle Deus amosa-la
espléndida riqueza que representa para os pagáns este segredo: ¡que Cristo, a gloria
esperada, tamén é para vós! 28El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos,
adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns coma é debido.



ALELUIA Cf Lc 8, 15:
Ditosos os que gardan a palabra de Deus en corazón recto e bo
e con paciencia aportan o seu froito



EVANXEO Lc 10, 38-42
Marta acolleuno. María escolleu a mellor parte
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 38Cando ían de camiño, entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta
acolleuno na súa casa. 39Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor,
escoitaba as súas palabras. 40Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e
achegándose a el, díxolle:
-Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote
unha man.

41Pero o Señor respondeulle:
-Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, 42pero soamente unha é a
necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.


Comentarios

Publicacións populares