Domingo 15 de Ordinario C


PRIMERA Dt 30, 10-14
Cerca de ti está a palabra para que a cumpras
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
10Si, faille caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus
preceptos, o escrito no libro desta lei. Si, convértete ó Señor, o teu Deus, con todo o teu
corazón e con todo o teu ser.

11Si, este mandamento que eu che mando hoxe non é imposible para ti nin che resulta
inaccesible. 12Non está no ceo para dicires: ¿Quen subirá por nós ó ceo e nolo collerá e
nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? 13Tampouco está da outra banda do mar
para dicires: ¿Quen cruzará por nós ó outro lado do mar e nolo collerá e nolo fará escoitar,
para que nós o cumpramos? 14Si, a palabra está moi cerca de ti: na túa boca e no teu
corazón, para a cumprires.



SALMO RESPONSORIAL Sal 68, 14 e 17. 30-31. 33-34. 36ab e 37
R/ (cf 33): Humildes, buscade ó Señor, e vivirá o voso corazón

14Eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti e-lo socorro verdadeiro.
17Respóndeme, Señor, conforme ó teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.

30Mais a min, pobre e doente,
érgueme, Deus, co teu socorro.
31Louvarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de gracias.

33Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscáde-lo Señor,
34pois o Señor escoita ós humildes,
non despreza ós seus na cadea.

 36Abofé, salvará Deus a Sión:
recomporá as vilas de Xudá,
37Herdaranas os fillos dos seus servos,
habitaranas os que aman o seu nome.


Ou: Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/ (9a): Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón;

8A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ó inxenuo;

9os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos;

10o temor do Señor é puro:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

11Son máis cobizables có ouro
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.



SEGUNDA Col 1, 15-20
Por El e para El foron creadas tódalas cousas
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

15Cristo é a imaxe do Deus invisible,
de toda criatura el é o primeiro nacido,
16e por medio del fixéronse as cousas,
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos,
as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben maxestades,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin
do universo creado.
17Antes ca todo está el,
todo nel se cimenta aínda hoxe.
18É tamén a cabeza do corpo
-o corpo é a Igrexa-.
El é o principio,
o primeiro en nacer de entre os mortos,
de xeito que en todo
sexa sempre o primeiro.
19Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude:
20reconciliar así o universo
consigo, por el;
e no sangue da cruz
poñer paz entre os seres da terra
e do ceo, servíndose del.



ALELUIA Cf Xn 6, 63c. 68c:
As túas palabras, Señor, son Espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna


EVANXEO Lc 10, 25-37
Quen é o meu próximo?
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

25Ergueuse certo xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:
-Mestre, ¿que teño que facer para herda--la vida eterna?

26El respondeulle:
-¿Que pon a Lei? ¿Que les?

27Contestou:
-Amara-lo Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e
con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.

28El díxolle:
-Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.

29Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
-¿E quen é o meu próximo?

30Xesús replicou:
-Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que,
despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. 31Cadrou a baixar polo
mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. 32Igual fixo un
clérigo, que pasaba por alí: ó chegar e velo, deu un rodeo. 33Pero un samaritano, que ía de
camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu lástima; 34e achegándose a el, curoulle as feridas
con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha
pousada e coidouno. 35O outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle:
"Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".
36-¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?

37El respondeu:
-O que practicou a misericordia con el.

Díxolle Xesús:
-Pois ti vai e fai outro tanto.

Comentarios

Publicacións populares