Domingo 17 de Ordinario C


PRIMEIRA Xen 18, 20-32
Que non se me enfade o meu Señor se me atrevo a falar
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

20Di o Señor:
-"O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave. 21Vou baixar e
ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino". 22Os
homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abraham quedou diante do Señor.
23Abraham adiantouse cara ó Señor e preguntoulle: -"¿Por caso aniquilaría-los inocentes
cos culpables? 24Se houbese cincuenta xustos na cidade, ¿aniquilaríalos tamén, e non
perdoaría-lo lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel? 25¡Lonxe de ti facer tal
cousa! Mata-lo inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. ¡Lonxe de ti! O
que xulga a terra enteira, ¿non vai facer xustiza?"

26O Señor respondeu: -"Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade
por mor deles".

27Abraham insistiu: -"Perdoa o atrevemento de lle falar ó meu Señor, sendo eu po e cinsa.
28Se para cincuenta xustos faltan cinco, ¿aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"

Respondeu o Señor: -"Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".

29Abraham insinuou: -"Se cadra, hai corenta".

El respondeu: -"Non o farei, en vista dos corenta".

30Abraham dixo: -"Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. ¿E se houbese
trinta?"

El respondeu: -"Non o farei, se atopo trinta".

31Abraham teimou aínda: -"Voume atrever a lle falar outra vez ó meu Señor. Podería ser
que houbese vinte".

Respondeu o Señor: -"Non a destruirei en gracia ós vinte".

32Abraham dixo: -"Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. ¿E se
houbese dez?"

El respondeu: -"Non a destruirei por mor dos dez".



SALMO RESPONSORAL Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 6-7ab. 7c-8
R/ (3a): 3Cando te chamo, Señor, ti respóndesme

Douche as gracias, Señor, de todo corazón,
cántoche diante dos anxos;
2póstrome cara ó teu templo
e bendigo o teu nome,
polo teu amor e a túa fidelidade.

Mesmo máis grande cá túa sona
fixéche-la túa promesa.
3Cando te chamo, ti respóndesme
e acrecénta-las miñas forzas.

6Abofé, o Señor é excelso:
pon a súa atención nos humildes
e coñece os soberbios desde lonxe.
7Cando me vexo en apreto,
ti consérvasme a vida.

Contra o furor dos meus inimigos
esténde-la túa man,
a túa dereita libérame:
8o Señor leva ata o final a miña causa.
O teu amor, Señor, é eterno;
non abandóne-las obras das túas mans.


SEGUNDA Col 2, 12-14
Déuvo-la vida con el perdoándovos tódolos pecados
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

Irmáns e irmás:
12Sepultáronvos con el no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que
o resucitou de entre os mortos. 13E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por
non ter circuncidado os vosos instintos, déuvo-la vida con el. El perdoounos tódolos
pecados, 14anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e
espetouna na cruz.


ALELUIA Rm 8, 15bc:
Recibíste-lo espírito de adopción de fillos;
nel clamamos: Abba, Pai


EVANXEO Lc 11, 1-13
Pedide e recibiredes
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

11 1Dunha vez despois de estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
-Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos.

2Respondeulles:
-Cando recedes, dicide:
Pai, ¡sexa santificado o teu Nome!
Pai, ¡veña o teu Reino!
3Dános cada día o noso pan.
4E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.

5Logo continuou:
-Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite,
fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, 6que me veu un amigo de
viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". 7E que aquel, desde dentro, responde: "Non
me amoles, está a porta pechada, eu e mailos nenos estamos na cama: non me podo erguer
agora para chos dar". 8Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun
amigo, alomenos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.

9Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. 10Que
todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".

11Ou logo, ¿que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra?
12¿Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? 13Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar
cousa boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo ós que llo
pidan!




Comentarios

Publicacións populares