Ficha e Lectio - Domingo 23 Ord B

FICHAS ANTERIORES:


LECTIO:


DOMINGO XXIII T. O.
(Ano B: 9 setembro 2018)

            Diversos teólogos e importantes coñecedores da vida de Xesús estanlle a dar nos tempos de hoxe gran relevancia á función sandadora, curadora, liberadora de Xesús na súa actuación coas persoas: cos pobres, cos necesitados, cos marxinados, etc. En realidade, o que Xesús facía era presentar no noso mundo a face humana, benfeitora, de Deus Pai. Deus non quere o mal, nin a enfermidade, nin a morte. El é un Deus de vida. Por iso traballa connosco e a través de nós para que a xente poida vivir feliz. Vai creando en nós, ó seu ritmo e das maneiras máis insospeitadas, felicidade e plenitude
            O evanxeo é por iso (e serao sempre) “boa noticia”, “nova feliz” para todos. Non é unha mensaxe de xuízo ou de condenación, por moito que teñamos quizais metidas na mente concepcións deste tipo que proveñen dunha errónea educación relixiosa.
            O xordomudo do que nos fala hoxe Marcos vén ser por iso unha ocasión máis para que Xesús amose nel, coa súa curación, o seu talante liberador. Os sinais que realiza Xesús e que foron recollidos pola tradición nos evanxeos non teñen un senso simplemente individual ou particular. É dicir, no caso concreto de hoxe, non nos podemos limitar a ollar o efecto curador particular producido por Xesús nunha persoa que era xorda desde o nacemento e que, en consecuencia, non era capaz de se relacionar cos demais coa palabra pois nunca fora capaz de oír ningunha.
            A mensaxe de Xesús vai moito máis alá disto. Xesús quere así expresarnos como é Deus e como quere que sexamos nós. Abertos ás necesidades dos demais, non pechados en nós mesmos, no noso propio recuncho.
            Á súa maneira, Deus está aberto a todos, a toda o mundo, a toda a humanidade. Esa curta palabra que Xesús lle dirixe ó xordomudo, “effatá”, “ábrete”, está dirixida tamén a cada un de nós en calquera situación na que nos poidamos atopar: “ábrete”. Porque Deus está xa en si mesmo aberto a todos. El é apertura pura e infinita. O Pai ábrese infinitamente a quen é seu Fillo, e o Fillo e o Pai son infinitamente transparentes ó Espírito Santo. Hai en Deus unha mutua e total comunicación, de tal modo que el é ó tempo un e trino. A que denominamos Santísima Trindade do noso único Deus que se nos revelou en Xesús.
            Sabemos ben que a apertura crea amizade. Entre amigos non se agachan as cousas. O primeiro que fan dúas persoas que polo que sexa se desamigan é non falaren a unha coa outra. Tal como adoitamos dicir, andan de morros. O xordomudo pode considerarse así como un símbolo daquel que está totalmente pechado en si mesmo: nin percibe ou recibe comunicación dos demais nin é capaz de transmitir pola súa parte mensaxe algunha a outros.
            Pois ben. Así como Deus non é un xordomudo, senón infinita comunicación das persoas divinas e libre e agarimosa comunicación con nós, da mesma maneira quere ese Deus aberto e comunicativo que así sexamos tamén nós: abertos, comunicativos, interesados en atender e axudar os demais. Neste sentido, as palabras máis fermosas que se poderían escribir, en pedra ou en bronce, como epitafio dunha persoa serían algo así como estas: “Todo o fixo ben”. Parecidas a aquelas que, segundo nos conta Marcos, dicía a xente, “totalmente abraiada”, sobre o Xesús sandador e curador: “Que ben o fai todo!”.
            Desde esta consigna de Xesús que ten como imperativo o “Ábrete”, poderiamos dicir que o Reino de Deus, que Xesús quere instaurar no mundo e sobre o que na oración do “Noso Pai” lle pedimos a Deus Pai que “veña a nós”, está asentado sobre dous alicerces, que veñen sendo como dúas “aperturas”. Unha primeira “apertura” persoal a Deus, para estarmos en disposición de poder escoitar a súa mensaxe, a súa palabra (de maneira individual ou comunitaria), e outra segunda “apertura” respecto de tódalas persoas, de maneira tanto activa como receptiva: é dicir, ofrecendo “luz” e axuda ós demais e recibindo ó tempo deles a axuda que eles nos poidan agarimosamente ofrecer.
            Se non temos estas dúas “aperturas” e preferimos polo contrario permanecermos “xordomudos”, é dicir, coa porta pechada tanto en relación con Deus coma en relación cos demais, entón quedaremos lonxe dese Reino de Deus que Xesús nos proclama e anuncia para a nosa vida e felicidade.
            Pero hai algo aínda moi importante en relación con esta dobre apertura. Recórdanolo tamén hoxe Santiago na segunda Lectura e de maneira moi transparente, como auga limpa que corre maina e cantareira nun regueiro de montaña. Esta nosa apertura ha de estar dirixida sobre todo -dinos Santiago- cara ós pobres e máis necesitados. A nosa ollada benevolente e risoña non se ha de dirixir cara a aquelas persoas podentes e prestixiadas que o apóstolo Santiago describe como levando un anel de ouro no seu dedo anular en claro contraste cos esfarrapados da vida. Non. Pois os pobres e esfarrapados deste mundo son xustamente, dinos Santiago, os que Deus escolleu para o seu Reino. Polo tanto, deberiamos movernos cara a eles tal como fai o compás cara ó Norte. Porque se a mensaxe de Deus Pai en Xesús é a de que todos somos irmáns e resulta que algúns (moitos) non parecen irmáns meus porque non viven en condicións tan boas coma a miña, entón a cousa está ben clara: hai que traballar para que eles se poidan sentir de verdade irmáns meus, coa mesma dignidade, os mesmos dereitos e semellantes posibilidades.
            Se non traballamos nesta liña, seremos en definitiva “xordomudos”, é dicir, estaremos pechados en nós mesmos e necesitados polo tanto daquela curación que nos “abra” á verdade e ó amor do Deus. Pois en Xesús anunciou e fixo presente Deus Pai a fraternidade universal humana. Todos estamos polo tanto revestidos por igual da gran dignidade de fillos de Deus Pai. Esa é a nosa condición e esa é tamén a nosa meta.

ORACIÓN DOS FIEIS
            En mutua comuñón invocamos a Deus Pai para que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            - Apréndenos, Pai, a imitar e reproducir nas nosas vidas esa vida misteriosa túa en unión e comunicación co Fillo e co Espírito Santo. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Condúcenos, Pai, desde o noso egoísmo empobrecedor, á cordial e benfeitora apertura a tódalas persoas. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Dános, Pai, ousadía e bondade de corazón para abrírmonos ós necesitados coa finalidade de que poidan tamén eles recoñecer a bondade que ti espallas no mundo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-23-tempo-ordinario-b-marcos-731-37/



Comentarios

Publicacións populares