GAUDETE ET EXSULTATE (I)
Tradución ao galego: Xosé Manuel Lence García
1. ”Alegrádevos e reloucade”(Mt 5, 12), di
Xesús aos que son perseguidos e asoballados pola súa causa. O Señor pídeo todo
e o que ofrece é a vida verdadeira, a felicidade para a que fomos creados. El
quérenos santos e non agarda que nos conformemos cunha existencia mediocre,
aguada, licuada. En verdade, dende as primeiras páxinas da Biblia está
presente, de diversos xeitos, a chamada á santidade. Propúñallelo así o Señor a
Abraham: “camiña na miña presenza e sé perfecto” (Xen 17, 1).
2. Non se espere aquí un tratado sobre a santidade, con tantas
definicións e distincións que poderían enriquecer este importante tema, ou con
análises que poderían facerse sobor dos medios de santificación. O meu humilde
obxectivo é que resoe unha outra vez a chamada a santidade, procurando
encarnalo no contexto actual, cos seus riscos, desafíos e oportunidades. Porque
a cada un de nos o Señor elixiunos “para que fosemos
santos e irreprochabeis ante el polo amor” (Ef 1, 4).
CAPÍTULO
PRIMEIRO
A CHAMADA Á SANTIDADE
Os santos que nos alentan e
acompañan
4.
Os santos que xa
chegaron á presenza de Deus manteñen con nos vencellos de amor e comuñón. Así o
testemuña o libro da Apocalipse cando fala dos mártires que interceden: “Eu vin debaixo do altar as almas dos degolados por causa da
Palabra de Deus e do testemuño que deron. E berraban con voz forte: “ata cando
, Dono santo e veraz, vas estar sen facer xustiza? “
Podemos dicir que “estamos rodeados , guiados e conducidos
polos amigos de Deus […] Non
teño que cargar eu só o que, en verdade, nunca podería soportar eu só. A
multitude dos santos de Deus ampárame, sostéñeme e condúceme”1
5. Nos procesos de beatificación e canonización téñense en conta os
sinais de heroicidade no exercicio das virtudes, a entrega da vida no martirio e tamén os casos nos que se teña verificado un ofrecemento da
propia vida polos demais, sostido ata a morte. Esa ofrenda expresa unha
imitación exemplar de Cristo, e é merecente da admiración dos fieis2.
Lembremos, por exemplo, á beata Marís Gabriela Sagheddu, que ofreceu a súa vida
pola unión dos cristiáns.
Os santos da porta do lado
6.
Non pensemos só nos
que xa foron beatificados ou canonizados. O Espírito Santo deita santidade por
todas as partes, no pobo de Deus santo e fiel, porque “foi
vontade de Deus santificar e salvar a todos os homes, non ailladamente, sen
conexión algunha duns con outros, senón constituíndo un pobo, que o confesara
na verdade e o servira santamante”3. O Señor, na
historia da salvación, salvou a un pobo. Non existe plena identidade sen
pertenza a un pobo. Por iso ninguén se salva só, como individuo aillado, senón
que Deus atráenos tendo en conta a
complexa trama de relacións interpersoais que se establecen na comunidade
human: Deus quixo entrar nunha dinámica popular, na dinámica dun pobo.
7. Gosto ver a santidade
do pobo de Deus paciente: nos pais que crían con tanto amor aos seus fillos,
nos homes e mulleres que traballan para levar o pan a seu fogar, nos doentes,
nas relixiosas anciás que seguen sorrindo. Nesa constancia para seguir adiante
cada día vexo a santidade da Igrexa militante. Esa é, moitas veces, a santidade
“da porta do lado”, daqueles que viven perto
de nós e son un reflexo da presenza de Deus, ou, por usar outra expresión, “a
clase media da
santidade”4.
8. Deixémonos estimular polos sinais de santidade que o Señor nos
presenta a traverso dos mais humildes dese pobo que “participa
tamén na función profética de Cristo, difundindo o seu testemuño vivo sobre
todo coa vida de fe e caridade”5. Pensemos,
como nos suxire santa Teresa Benedita da Cruz, que a tracés de moitos deles
constrúese a verdadeira historia: “Na noite mais escura
xurden os mais grandes profetas e os santos. Porén, a corriente vivificante da
vida mística permanece invisíbel. Seguramente os acontecementos decisivos da
historia do mundo foron esencialmente influenciados por almas sobre as que nada
din os libros de historia. E cales son as almas ás que temos que agradecer os
acontecementos decisivos da nosa vida persoal, é algo que só saberemos o día no
que todo o oculto sexa revelado”6.
9.
A santidade é o
rostro mais fermoso da Igrexa. Pero mesmo fora da Igrexa Católica e en eidos
moi diferentes, o Espírito fai xurdir “sinais da súa
presenza, que axudan aos mesmos discípulos de Cristo”7. Doutra
banda, san Xoán Paulo II lembrounos que “o testemuño
ofrecido a Cristo ata o derramamento do sangue fíxose patrimonio común de
católicos, ortodoxos, anglicanos e protestantes”8. Na fermosa
conmemoración ecuménica que el quixo celebrar no coliseo durante o Xubileo do
anos 2000, sostivo que os mártires son “unha herdanza
que fala cunha voz mais forte ca dos factores de división”9.
O Señor chama
10.
Todo isto é
importante. Porén o que quixera recordar con esta Exhortación é sobre todo a
chamada á santidade que o Señor nos fai a cadaquén, esa chamada que te dirixe tamén a ti: “sede santos, porque eu son santo” (Lv 11,45; cf.
1Pe1,16). Salientouno con forza o
Concilio Vaticano II: “todos os
fieis cristiáns, de calquera condición e estado, enfortecidos con tantos e tan
poderosos medios de santificación, son chamados polo Señor, cadaquén polo seu
camiño, á perfección daquela santidade coa que é perfecto o mesmo Pai”10.
11.
“Cadaquén polo seu camiño”, di o Concilio. Daquela, non se trata de
desacougar cando un contempla modelos de santidade que semellan inalcanzabeis.
Temos testemuños que son útiles para estimularnos e motivarnos, pero non para
que tratemos de copialos, porque mesmo podería alonxarnos do camiño único e
diferente que o Señor ten para nós. O que interesa é que cada crente descubra o
seu propio camiño e poña á luz o mellor de si, aquello tan persoal que Deus
puxo nel (cf. 1Cor 12, 7),
e non que se desgaste tentando imitar algo que non foi pensado para el. Todos
estamos chamados a ser testemuñas, pero “existen moitas
formas existenciais de testemuño”11. De feito,
cando o gran místico San Xoán da Cruz escribía o seu Cántico Espiritual, prefería evitar reglas fixas para todos e
explicaba que os seus versos estaban escritos para que cadaquén os aproveite “ao seu xeito”12. Porque a
vida divina comunícase “a uns dun xeito e a
outros doutro” 13.
12. Dentro da diversidade de formas, quero salientar que o “xenio feminino” tamén se manifesta en
estilos femininos de santidade, indispensabeis para reflectir a santidade de
Deus neste mundo. Precisamente, mesmo en épocas en que as mulleres foron mais
relegadas, o Espírito Santo suscitou santas que provocaron coa súa fascinación
novos dinamismos espirituais e importantes reformas
na Igrexa.
Podemos mencionar a santa Hildegarda
de Bingen, santa Bríxida, Santa Catalina de Siena, Santa Teresa de Ávila ou
santa Teresa de Lisieux. Pero interésame lembrar a tantas mulleres descoñecidas
ou esquencidas que, cadaquén ao seu xeito, sostiveron e transformaron familias
e comunidades pola potencia do seu testemuño.
13.
Isto debería
enfervoar e alentar a cadaquén a dalo todo, para medrar cara ese proxecto único
e irrepetíbel que Deus quixo para el dende toda a eternidade: “Antes de formarte no seo , elixinche; antes de que sairas do seo
maternno, consagreite” (Xer 1,5).
Tamén para ti
14. Para ser santos non é necesario ser bispos, sacerdotes,
relixiosas ou relixiosos. Moitas veces temos a tentación de pensar que a
santidade está reservada só a quen teñen a posibilidade de afastarse do
quefacer cotiá, para adicarlle moito tempo á oración. Non é así. Todos estamos
chamados a sermos santos vivindo con amor e ofrecendo o propio testemuño nas
ocupacións de cada día, alí onde cadaquén se atopa. Es consagrada ou
consagrado? Sé santo vivindo con alegría a túa entrega. Estás casado? Sé santo
amando e tendo conta do teu marido ou da túa esposa, como Cristo fixo coa
Igrexa. Es un traballador? Sé santo cumprindo con honradez e competencia o teu
traballo ao servizo dos irmáns. Es pai, avoa ou avó? Sé santo ensinando con
paciencia aos cativos a seguiren a Xesús. Tes autoridade? Sé santo loitando
polo ben común e renunciando aos teus intereses persoais14.
15.
Deixa que a graza do
teu bautismo dea froitos nun camiño de santidade. Deixa que todo esté aberto a
Deus e para iso opta por el, elixe a Deus unha e outra vez. Non desacougues,
porque tés a forza do Espírito Santo para que sexa posíbel, e a santidade, no
remate, é o froito do Espírito Santo na túa vida (cf.
Gál 5,22-23). Cando sintas a tentación de enlearte
na túa febleza, ergue os ollos cara o Crucificado e dille: “Señor, eu son un ninguén, pero ti podes
realizar a milagre de facerme un pouco mellor”. Na Igrexa, santa e
integrada por pecadores, atoparás todo o que precisas para crecer en santidade. O Señor ateigouna de dons coa Palabra,
os sacramentos, os santuarios, a vida das comunidades, o testemuño dos seus
santos, e unha múltiple beleza que provén do amor do Señor, “como noiva que se adorna coas súas xoias”
(Is 61, 10).
16.
Esta santidade á que
te convoca o Señor irá crecendo con pequenos xestos. Por exemplo: unha señora
vai ao mercado facer as compras, atopa a unha veciña e comeza a palicar, e
veñen as críticas. Pero esta muller di para si: “non, non falarei mal de ninguén”. Este é un paso na santidade.
Logo, na casa, o fillo pídelle conversar sobre as súas fantasías e, aínda que
está cansa, senta ao seu carón e escoita con paciencia e afecto. Esta é outra
ofrenda que santifica. Despois ven un momento de desacougo, pero lembra o amor
da Virxe María, toma o rosario e reza con fe. Este é outro camiño de santidade.
Logo vai pola rúa, atopa a un pobre e para a falar con el con cariño. Ese é
outro paso.
17.
En ocasións a vida
presenta retos meirandes e a través deles o Señor convídanos a novas
conversións que permiten que a súa graza
se manifeste mellor na nosa existencia “para que
participemos da súa santidade” (Heb12,10).
Noutras ocasións trátase só de atopar un xeito mais perfecto de vivir o que xa
facemos: “Hai inspiracións que
tenden somentes a unha extraordinaria perfección dos exercicios ordinarios da
vida”15. Cando o Cardenal Francisco Xavier Nguyên van Thuân estaba no
cárcere, renunciou a desgastarse agardando a súa liberación. A súa opción foi “vivir o momento presente ateigándoo de amor” e o xeito de concretalo era: “Aproveito as ocasións que se presentan cada día
para realizar accións ordinarias de xeito extraordinario”16.
18. Así, ao amparo da divina graza, imos construíndo con moitos
xestos esa figura de santidade que Deus quería, pero non como seres
autosuficientes senón “como bos administradores da multiforme
graza de Deus” (1Pe4,10). Ben nos ensinaron os bispos de Nova Zelanda que é posíbel amar
co amor incondicional do Señor, porque o Resucitado comparte a súa vida
poderosa coas nosas fráxiles vidas: “Seu amor non
ten límites e unha vez que o da xa non se bota para atrás. Foi incondicional e
mantense fiel. Amar así non é doado porque moitas veces mostramos o febles que
somos. Pero precisamnete para tratar de amar omo Cristo nos amou, Cristo mesmo
comparte a súa propia vida resucitada connosco. Deste xeito, as nosas vidas
demostran a súa forza en acción, mesmo no medio da debilidade humana”17.
A túa misión en Cristo
19. Para un cristián non é posíbel pensar na propia misión na terra
sen concebila como un camiño de santidade, porque “esta
é a vontade de Deus: a vosa santificación” (1Tes 4,3). Cada santo é unha
misión; é un proxecto do Pai para reflexar e encarnar, nun momento
determinado da historia, un aspecto do Evanxeo.
20.
Esa misión ten o seu
senso pleno en Cristo e só se entende dende el. A santidade, no fondo, é vivir
en unión con el os misterios da súa vida. Consiste en asociarse á morte e
resurrección do Señor dun xeito único e persoal, é morrer e resucitar
constantemente con el. Pero tamén pode implicar reproducir na propia existencia
distintos aspectos da vida terreña de Xesús: a súa vida oculta, a súa vida
comunitaria, a súa cercanía cos ninguéns, a súa pobreza e outras manifestacións
da súa entrega por amor. A contemplación destes misterios, como propuña san
Ignacio de Loiola, oriéntanos a facelos carne nas nosas opcións e actitudes18. Porque “todo na vida de Xesús é signo do seu misterio”19,
“toda a vida de Cristo é Revelación do Pai”20,
“toda a vida de Cristo é misterio de Redención”21,
“toda a vida de Cristo é misterio de
Recapitulación”22, e “todo o que cristo viviu fainos quen de
vivilo nel e que el o viva en nos”23.
21.
O designio do Pai é
Cristo, e nós nel. No remate é Cristo amando en nos, porque “a santidade non é senón a
caridade plenamente vivida”24. Polo tanto “a santidade mídese pola estatura que Cristo ten en nós, polo
grao como, coa forza do Espírito Santo,
modelamos toda a nosa vida conforme á súa”25. Daquela,
cada santo é unha mensaxe que o Espírito Santo toma da riqueza de Xesucristo e agasalla ao seu pobo.
22. Para recoñecer cal é a palabra que o Señor quere dicir a través
dun santo, non convén enredarse nos detalles, porque alí tamén pode haber erros
e caídas. Non todo o que di un santo é plenamente fiel ao
Evanxeo, non todo o que fai é auténtico ou perfecto. O que hai que contemplar é
o conxunto da súa vida, o seu enteiro camiño de santificación, esa figura que
reflexa algo de Xesucristo e que resulta cando un consegue compoñer o sentido
da totalidade da súa persoa26.
23. Isto é unha forte chamada de atención para todos nós. Ti tamén
precisas concebir a totalidade da túa vida como unha misión. Téntao escoitando
a Deus na oración e recoñecendo os sinais que te ofrece. Pregúntalle sempre ao
Espírito que é o que agarda Xesús de ti en cada momento da túa existencia e en
cada opción que debas tomar, para discernir o espazo que iso ocupa na túa
propia misión. E permítelle que forxe en ti ese misterio persoal que reflexe a
Xesucristo no mundo actual.
24. Oxalá poidas recoñecer cal é esa palabra , esa mensaxe de Xesús
que Deus quere dicir ao mundo coa túa vida. Déixate transformar, déixate
renovar polo Espírito, para que iso sexa
posíbel, así a túa preciosa misión non se estragará. O Señor daralle cumprimento
tamén no medio dos teus erros e dos teus momentos malos, con tal que non
abandones o camiño do amor e estés sempre aberto á súa acción sobrenatural que
purifica e ilumina.
A actividade que santifica
25.
Como non podes
entender a Cristo sen o reino que el veu traer, a túa propia misión é
inseparábel da construción dese reino: “buscade sobre
todo o reino de Deus e a súa xustiza” (Mt 6,33), A túa
identificación con Cristo e os seus desexos,
implica o empeño
por construir, con el, ese reino de amor , xustiza e paz para todos.
Cristo mesmo quere vivilo contigo, en todos os esforzos e renuncias que
implique, e tamén nas alegrías e na fecundidade que che ofreza. Por tanto non
te santificarás sen entregarte en corpo e alma para dar o mellor de ti nese empeño.
26.
Non é san amar o
silencio e rexeitar o encontro co outro, arelar o acougo e rexeitar a
actividade, buscar a oración e menosprezar o servizo. Todo pode ser aceptado e
integrado como parte da propia existencia neste mundo, e incorpórase no camiño
da santificación. Estamos chamados a vivir a contemplación tamén no medio da
acción, e santificámonos no exercicio responsábel e xeneroso da propia misión.
27. Pode o Espírito Santo lanzarnos a cumprir unha misión e, ao
tempo, pedirnos que fuxamos dela, ou que refuguemos entregarnos por enteiro
para preservar a paz interior? Porén, ás veces temos a tentación de relegar a
entrega pastoral ou o compromiso no mundo nun posto secundario, como se foran
“distraccións” no camiño da santificación e da paz interior. Esquécese que “non é que a vida teña unha misión, senón que é misión27”.
28.
Unha tarefa movida
pola ansiedade, o orgullo, a necesidade de aparecer e de dominar non será,
certamente, santificadora. O desafío é vivir a propia entrega da tal xeito que
os esforzos teñan un senso evanxélico e nos identifiquen mais e mais con
Xesucristo. Por iso adóitase falar, por exemplo, dunha espiritualidade do
catequista, dunha espiritualidade do clero diocesano, dunha espiritualidade do
traballo. Pola mesma razón, en Evangelii
gaudium quixen concluir cunha espiritualidae da misión, en Laudato Si` cunha espiritualidade ecolóxica e en Amoris laetitia cunha espiritualidade da vida familiar.
29.
Isto non implica
desprezar os momentos de sosego, soedade e silencio ante Deus. Ao revés. Porque
as contínuas novidades dos recursos tecnolóxicos, o engado das viaxes, as
innumerabeis ofertas para o consumo, ás veces non deixan espazos baleiros onde
resoe a voz de Deus. Todo se enche de palabras, de disfrutes epidérmicos e de
ruídos cunha velocidade cada vez maior. Alí non manda a alegría senón a insatisfación
cada vez maior de quen non sabe para que vive. ¿Como non recoñecer que
precisamos deter esa carreira frenética para recuperar un espazo persoal, ás
veces doloroso pero sempre fecundo, onde se enfía o diálogo sincero con Deus?
Nalgún momento teremos que enfrontar a propia verdade, para deixala tomar polo
Señor, e non sempre se consegue se un “non se mira no bordo do abismo da
tentación mais agoniante, se non sente a vértixe do precipicio do mais
desesperado abandono, se non se atopa absolutamente só, no cumio da soedade
mais radical28”.
É así como topamos as grandes motivacións que nos impulsan a vivir a fondo as
propias tarefas.
30. Os mesmos recursos de distracción que asolagan a vida actual
lévannos tamén a absolutizar o tempo de lecer, no que podemos utilizar sen
límites eses dispositivos que nos brindan entretenemento ou praceres efímeros29. Como
consecuencia, é a propia misión a que se resinte, é o compromiso o que se
debilita, é o servizo xeneroso e dispoñíbel o que comeza a regatearse. Iso
desnaturaliza a experiencia espiritual. Pode ser sa un fervor espiritual que
conviva coa preguiza na acción evanxelizadora ou no servizo dos outros?
31.
Cúmprenos un espírito
de santidade que enchoupe tanto a soedade como o servizo, tanto a intimidade como
a tarefa evanxelizadora, de xeito que cada instante sexa expresión de amor
entregado baixo a mirada do Señor. Dese xeito, todos os momentos serán chanzos
no noso camiño de santificación.
Mais vivos, mais humanos
32. Non teñas medo á santidade. Non che vai quitar forzas, vida ou
alegría. Ao revés, porque chegarás a ser o que o Pai pensou cando te creou e
serás fiel ao teu propio ser. Depender de El libéranos das escravitudes e
lévanos a recoñecer a nosa propia dignidade. Isto refléxase en santa Xosefina
Bakita, quen foi “secuestrada e vendida como escrava á
tenra edade de sete anos, sufriu moito en mans de amos crueis. Pero chegou a
comprender a fonda verdade de que Deus, e non o ser humano, é o verdadeiro
Señor de todo ser humano, de toda vida humana. Esta experiencia transformouse
nunha fonte de gran sabedoría para esta humilde filla de África”30.
33.
Cada cristián, na
medida na que se santifica, vólvese mais fecundo para o mundo. Os Bispos de
África occidental ensináronnos:”estamos sendo
chamados, no espírito da nova evanxelización, a ser evanxelizados e a
evanxelizar a través do empoderamento de todos os bautizados para que asumades
os vosos roles como sal da terra e luz do mundo
onde queira que vos atopedes”31.
34. Non teñas medo de
apontar mais alto, de deixarte chamar e liberar por Deus. Non teñas medo de
deixarte guiar polo Espírito Santo. A santidade non te fai menos humano, porque é o encontro da túa debilidade coa forza da graza. No fondo, como dicía Leon Loy, na vida "existe unha soa tristura, a de non ser santos"32.
1
|
Bieito XVI , Homilia no solemne inicio do ministerio
petrino. (24.04.05)
|
2
|
Supón de todos
os xeitos que exista fama de santidade e un exercicio, alomenos en grado
ordinario, das virtudes cristiás: motu proprio Maiorem
hac dilectionem (11.07.17)
|
3
|
Conc Ecum Vat II , Const Dogm Lumen
gentium, sobre a Igrexa, 9
|
4
|
Cf.
Joseph Malègue, Pierres noires. Les
classes moyennes du Salut, Paris,1958
|
5
|
C.Ec
Vat II, Cons Dog Lumen Gentium, 12
|
6
|
Vida escondida y epifanía, en Obras Completas V, Burgos
2007, 637
|
7
|
S
Xoán Paulo II, Cart Ap Novo milennio ineunte (06.01.01),56
|
8
|
Ca Ap Tertio millenio adveniente (10.11.94),
37
|
9
|
Homilía na conmemoración ecuménica das testemuñlas da fe do
século XX (07.05.00), 5
|
10
|
Const Dog Lumen Gentium, 11
|
11
|
Hans
U. von Balthasar, Teoloxía e santidade, Comunnio 6 (1987), 489
|
12
|
Cántico espiritual B,prólogo,
2
|
13
|
Íbid
XIV-XV, 2
|
14
|
Cf. Catequese (19.11.14)
|
15
|
San Francisco de Sales, Tratado
do amor a Deus, VIII,11
|
16
|
Cinco pans e dous peixes: un gozoso testemuño da fe dende o
sofrimento no cárcere, México 19999, 21
|
17
|
Conferencia dos bispos
católicos de Nova Zelanda, Healing love (01.01.88)
|
18
|
Cf Exercicios espirituais,102-312
|
19
|
Catecismo da Igrexa Católica,
515
|
20
|
Íbid 516
|
21
|
Íbid
517
|
22
|
Íbid
518
|
23
|
Íbid
521
|
24
|
Bieito
XVI.Catequese (13.04.11)
|
25
|
íbid
|
26
|
Cf Hans U. von
Balthasar, Teoloxía e santidade, en Communio 6 (1987), 486- 493
|
27
|
Xavier Zubiri, Natureza,
historia, Deus, Madrid 1993, 427
|
28
|
Carlo M Martini, As
confesións de Pedro, Estela 1994, 76
|
29
|
Compre distinguir esta distración superficial, dunha sá
cultura do ocio, que nos abre ao outro e á realidade cun espírito dispoñíbel
e contemplativo.
|
30
|
S Xoán Paulo II, Homilía na
Misa de canonización (01.10.00), 5
|
31
|
Conferencia Episcopal Rexional de áfrica Occidental. Mensaxe
pastoral á conclusión da II Asembles Plenaria (29.02.16), 2
|
Comentarios
Publicar un comentario