Ficha e Lectio - Domingo 4 de Coresma B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO IV DE CORESMA
(Ciclo B: 11 marzo
2018)
Nestes
días, nos que de cando en vez empezamos a experimentar algo do abrente da próxima
primavera, algunha bolboreta empeza xa a curiosear de noite cara a nós, batendo
as súas ás nos cristais das ventás. Este recorrente fenómeno faime lembrar o
Nicodemo do evanxeo de hoxe: esa relevante personalidade do tempo de Xesús que
viñera de noite tratar con el de importantes asuntos relixiosos que lle
preocupaban.
Dalgunha
maneira hai un certo parecido entre a muller samaritana do anterior domingo e
Nicodemo. A samaritana, en diálogo a soas con Xesús, preguntáballe cal era o
verdadeiro templo no que había que adorar a Deus Pai. Xesús contestáballe
dicindo que agora non fan falla xa “templos”, porque Deus Pai quere só adoradores
que o adoren “en espírito e verdade” e que, se se pretende continuar a falar
aínda de “templos”, os verdadeiros templos son en realidade Xesús mesmo, no que
habita o Pai, e cantos cren na súa palabra ou se parecen a el: os pobres, os
doentes, etc.
Como
vedes, Xesús cambia desde a súa mesma raíz a nosa relación con Deus. Na súa revelación
a nós, Deus convértese en Pai, en “papá”. Deus quérenos como verdadeiro pai e
vén salvarnos e darnos vida. Non van facer xa falla, polo tanto, nin
sacrificios rituais nin suntuosos templos de pedra tallada. A imaxe dun Deus
distante, tirano e xuíz imperturbábel, queda superada e desvirtuada coa súa
mensaxe, coa súa Boa Nova. Por iso lle comunica Xesús a Nicodemo que ten que
“nacer de novo”, para con ese novo comezo poder chegar a experimentar de
verdade o significado de sermos fillos
de Deus.
Que
fan os pais cos seus fillos? Darlles vida. E se deles dependese, daríanlles
unha vida que endexamais deixase de selo. É dicir, unha vida “eterna”. Os pais
están aí, non para se converteren en xuíces ou condenadores dos seus fillos,
senón para seren garantes do amor e do benestar que os fillos desexan.
Pois
ben, esta é a imaxe de Deus Pai que Xesús lle presenta a Nicodemo nese diálogo
nocturno con el. Nicodemo era un alto cargo da relixión xudía, mais non podía
negar que a persoa e a mensaxe de Xesús o cuestionaban moito. Xesús dille que
ten que facer un cambio na visión das cousas, unha transformación na súa vida e
tamén no modo de pensar e de vivir relixiosamente. Pero tiña medo, por ser el
quen era, de se presentar ante Xesús á luz do día. Por iso, coma as bolboretas
nocturnas, vén onda el de noite.
Nicodemo,
mergullado na escuridade e nas dúbidas que o turban, non ve máis solución ca
presentarse directamente e a soas ante Xesús. Se as bolboretas voan cara á luz,
soas e de noite, Nicodemo fai o mesmo. Xesús dixera en diversas ocasións que el
era “a luz do mundo”. Xoán, o autor do texto deste domingo, fala noutras
ocasións de que Xesús se consideraba a si mesmo como “luz”: “Eu son a luz do
mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida” (Xoán
8, 12). Tamén Lucas alude varias veces a Xesús como “luz”. Por exemplo, cando
nos anuncia: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar os que viven en tebras
e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar as nacións” (Lc 2, 32),
etc.
É
moi duro vivir entre dúbidas e escuridades, que provocan golpes e caídas ó non
se saber cara a onde se vai. Podemos supoñer que Nicodemo sairía moi
reconfortado da súa conversa nocturna. Porque Xesús vai liberalo de medos, de
angustias e de dúbidas relixiosas. A mensaxe que lle dirixe a Nicodemo é unha
mensaxe de amor e de vida. Xesús comunícalle a el como é Deus, como é ese Deus
co que Xesús está en íntima relación filial.
Esta
comunicación nocturna e privada de Xesús ó solitario Nicodemo é tamén unha
comunicación a todos e a cada un de nós. E esta nova sobre Deus Pai non pode
ser máis grandiosa e portadora de felicidade. Velaquí o que Xesús lle comunica
a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito,
para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non
mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se
salve o mundo”.
Xesús
vén, pois, comunicarnos que Deus, é dicir, o seu Pai benquerido, é tan
bondadoso e misericordioso connosco que non tivo reparo ningún en darnos o seu
propio Fillo para que nel, convertido para sempre en irmán noso, teñamos plena
garantía de vida e salvación. Que máis podemos querer ou esperar? Deste xeito e
grazas a Xesús, estamos todos libres de xuízo e de condena con só crermos nel e
comportármonos conforme a esa fe.
Ademais,
Nicodemo, como xudeu importante e instruído que era, sabía moi ben cal era o
significado da serpe de bronce que no deserto Moisés erguera na punta dun pau
para que os que a mirasen recobrasen a saúde. A serpe era un símbolo da saúde e
da vida, dado que coa muda da súa pel semellaba conservarse sempre viva. Por
iso aínda hoxe é a serpe o símbolo distintivo da botica e da profesión médica, é
dicir, dos que procuran conservar a vida da xente. Neste sentido dille Xesús a
Nicodemo, facendo referencia á súa próxima crucifixión: "Como Moisés alzou
a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que
cre nel teña vida eterna" (Xoán 3, 14). Cúmprense así desde a cruz as
palabras de Xesús, das que dá testemuño tamén Xoán: “Cando me ergan da terra,
atraerei a todos cara a min” (Xoán 123, 31). Xesús converterase así en luz no
medio das tebras, luz que atrae cara a ela esas inquedas bolboretas que somos todos
nós.
A
mensaxe de Xesús é, pois, anuncio de vida, de “vida eterna”. E a “vida eterna”
en Xoán non se refire só, segundo ós expertos bíblicos, á vida de despois de
morrermos senón tamén e de maneira importante á vida presente e actual. Os
cristiáns deberiamos intentar desterrar das nosas vidas o medo e as angustias
relacionadas coa nosa morte. Pois, pola graza de Deus, o noso destino é e será
sempre vivir.
CREDO
ORACIONS DOS FIEIS:
Reunidos
en comunidade fraterna, no nome de Xesús, pidámoslle a Deus Pai dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Que
a Igrexa, sacramento de Cristo, sexa para todos “rica en misericordia”.
TODOS: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Que
cantos se senten desnortados e sen ánimo atopen no sinal vivificador da cruz a luz que
mobilice as súas vidas:
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Que
academos transformarnos, como Nicodemo, para nacermos así de novo ó evanxeo da vida:
TODOS: Escóitanos, Pai.
Amosa, Pai, a túa bondade
e misericordia atendendo as peticións que che presentamos por Xesús Cristo Noso
Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario