LECTURAS EN GALEGO DOMINGO 6 ORDINARIO
DOMINGO VI ORDINARIO - CICLO A
13 FEBREIRO 2011
LECTURA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Primeira Lectura Sir 15, 16-21 (gr. 15-20)
A ninguén mandou actuar inicuamente
Se ti queres, podes gardar o precepto,
facer a súa vontade é sinal de intelixencia.
Puxo diante de ti o lume e mais a auga:
bota a man ao que prefiras.
Diante de cada home están a vida e a morte:
o que arele: iso daráselle;
pois grande é a Sabedoría do Señor,
El é potente e egrexio e todo o dexerga.
Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas
e El penetra as accións de cadaquén.
Non lle mandou ao home que pecase
nin deu pé aos homes falsos.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 118, 1-2. 4-5. 17- 18. 33-34
R/. (1b): Ditosos os que proceden conforme á lei do Señor.
Ditosos os de conduta impecable,
os que proceden conforme á lei do Señor.
Ditosos os que observan os seus mandatos
e o procuran de todo corazón.
Ti deches os teus preceptos,
para que se cumpran con esmero.
Que o meu proceder sexa firme
en gardar os teus decretos.
Faille ben ao teu servo, para que viva
e garde a túa palabra.
Ábreme os ollos para que vexa
as marabillas da túa lei.
Amósame, Señor, o camiño dos teu preceptos,
e seguireino ata a fin.
Dáme entendemento para observar a túa lei,
e gardareina de todo corazón.
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO ÓS CORINTIOS
Segunda Lectura 1 Cor 2, 6-10
Deus tiña predestinada unha sabedoría antes dos séculos para a nosa gloria
Irmáns:
O que predicamos entre os cultivados é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo.
Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria.
Ningún dos xefes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. Pero como está escrito:
O que o ollo non viu,
o que o oído non sentiu,
e o que non pasou pola mente do home:
iso preparou Deus para os que o aman.
E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra
porque revelaches os misterios do Reino aos humildes.
Aleluia.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo Mt 5, 17-37 (máis longa)
Tal se lle dixo aos antigos; pero eu dígovos
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento.
Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.
E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e así o ensine, será declarado grande no Reino dos Ceos.
Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo perante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal; quen o alcume será reo perante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
Se ao presentares a túa ofrenda no altar, alí te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo canto antes co teu preiteante, mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor.
Pero eu dígovos: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo.
Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
____________________________________________
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ou máis breve: 20-22a. 27-28, 33-34a. 37
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
Asegúrovos que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo perante o tribunal.
Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo perante o tribunal.
Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca.
Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo
COMO CUMPRIR OS MANDAMENTOS
Non abonda con dicir: Non matarás,
nin con darlle ao asasino fera morte,
disque un pode roubar a vida con mil mañas,
facer que o irmán viva aquí en peor sorte.
E non hai para o Señor mellor oferta,
nin regalo pro seu gusto máis saboroso,
ca facer paz co irmán, e paz a fondo,
neste mundo de inxustizas e raposos.
Non abonda con dicir: Non adulteres,
non le vaias coa muller do teu veciño;
se os teus ollas a miraron con desexo,
xa quedou o corazón ensombrecido.
Non vale para o cristián andar con lerias,
querendo e non querendo ao mesmo tempo;
se o plan de Deus se abraza libremente,
nada haberá que o deixe sen alento.
Non abonda con dicir: Non te divorcies,
nin con darlle ao divorciado un escarmento;
o amor ten máis medidas e tenrura,
que a lei despreza nos seus curtas intentos.
Non abonda con dicir: Non xurarás,
poñendo a Deus por testemuña en falsidade;
o “si” e o “non” cargados de certezas
fan reverencia a Deus con dignidade.
QUEREMOS SER OS TEUS DISCÍPULOS
Xesús, queremos ser os teus discípulos,
aprendices teus,
para que nos vaias metendo
polos camiños sinxelos e fondos da verdade
no trato con Deus e coa xente.
Estando cabo de ti,
sentíndote a ti diario ao noso lado,
aprenderemos a andar con limpeza e entusiasmo
en tódalas causas que cada día a vida nos ofrece.
Abertos á túa luz,
que de tantas partes e persoas nos pode vir,
iluminaranse os nosos ollos
e quedarannos á vista as trampas
coas que, por veces, queremos disimular
a nasa preguiza ou covardía.
Xesús, que nos libere a túa verdade
en todas as causas que facemos
pensando en ti ou na xente.
Que non nos enganemos con aparencias
e saibamos ir, coma ti, ó fondo das cousas.
Xesús que non teñamos medo
a acarearnos a fondo contigo e coa xente
porque aí, e só aí
–segundo ti nos ensinaches –
está o que nos fai persoas,
o que nos fai crentes e cristián verdadeiros.
NON SE TRATA DE
Non se trata de “como morreu?”, senón de “como viviu?”.
Non se trata de “canto ganou?”, senón de “canto deu?”.
Estas son as unidades para medir o valor
de todos os seres humanos, e non o seu nacemento.
Non se trata de “tivo diñeiro?”, senón de “tivo corazón?”.
Tivo sempre unha palabra amable, un sorriso?
Soubo sempre enxugar unha bágoa?
Estivo ao lado do que o necesitou?
Non importa cal foi o seu templo nin cal foi o seu credo.
O que importa é se axudou os necesitados.
Non importan os eloxios que, ao morrer, lle fixo a prensa.
O que importa é cántos choraron a súa morte.
O SEU MAÑÁ... É HOXE
(LII CAMPAÑA DE MANS UNIDAS)
PÓRTICO
Paz e ben. Neste segundo domingo do mes de febreiro, ao xuntarnos para facer memoria de Cristo encarnado, morto e resucitado, celebramos tamén a XORNADA NACIONAL DE MANS UNIDAS, coñecida tamén coma CAMPAÑA CONTRA A FAME. Mans Unidas é unha organización da Igrexa católica que nos invita ao compromiso coas persoas máis desfavorecidas do planeta en forma de colaboración económica, escoita, conciencia solidaria e fraternidade.
Este ano Mans Unidas dedica a campaña a súa campaña LII a tomar conciencia dun dos problemas máis grandes que asolan o noso mundo: a mortaldade infantil. Cando miramos cara ao noso país e aos países desenvolvidos, podemos dicir con ledicia e orgullo que os dereitos do neno cúmprense sobradamente... tan sobradamente que ás veces mesmo os convertemos nos ditadores da casa. Porén, cando volvemos os nosos ollos cara aos países do sur, decatámonos de que estes dereitos parece que non foron promulgados para eles.
Pero...pode haber algo máis importante que salvar a vida de 200 millóns de nenos, que deixamos morrer de xeito prematuro, sen poñer os medios suficientes para evitalo?.
Baixo o lema “O seu mañá é hoxe”, diriximos a nosa mirada á multitude de cativos que, nos países en vía de desenvolvemento, morren durante os seus primeiros cinco anos de vida, para que o Deus Pai - Nai mova o noso corazón a traballar pola protección e defensa da dignidade de todas as persoas.
O PERDÓN
ö Por non querer caer na conta de que se queremos facer algo polos demais non hai escusas, hai motivos, SEÑOR, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
ö Porque en demasiadas ocasións, a nosa solidariedade, o noso alento, o noso compromiso é só de palabra, e váísenos a forza pola boca, CRISTO, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
ö Por facer oídos xordos á túa chamada de atención, que non deixa de lembrarnos que a fe non son ritos e cumprimentos, senón que é xustiza, desenvolvemento e compromiso non mundo e co mundo, SEÑOR, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
REMUÍÑO
O libro do Eclesiástico chámanos a caer na conta da nosa responsabilidade no noso destino. Deus sae ao encontro do seu pobo e móstralle o camiño que conduce á vida; pero cada persoa é libre para escoller, para desenvolver a súa propia existencia. Unha vez máis podemos dicir sen medo a equivocarnos: que lonxe estamos da Palabra!, que afastados nos atopamos de que isto sexa unha realidade na nosa vida!. Si, porque, a diferenza de Deus, nós estamos cheos de medo e de complexos e parécenos que iso da liberdade, da proposición e non da imposición, da responsabilidade... son, coma quen di, parvadas.... O mellor é ter alguén que dirixa a túa vida, que tome decisións por ti, que controle o teu camiño...; así serás doutrinalmente seguro e non caerás na tentación da autocrítica ou do pateo reivindicativo. Non... Pero xustamente porque as cousas sempre se fixeron así, estamos onde estamos: nun infantilismo perpetuo da nosa fe, nunha fe que só alimentamos con rutinas (aínda que non teñan moito sentido... sempre se fixo así), nunha fe que non esixe nada na nosa vida (mesmo para moitos representantes de Deus na terra), nunha fe que parece un adobío bonito que conxunta á perfección con algúns traxes (celebracións, recadacións, rutinas, boato, maxia....), pero que non lle vai nada a outros (responsabilidade no traballo, loita polo desenvolvemento, busca da xustiza, transparencia na administración dos cartos que non son nosos....). Por iso hoxe que ben nos vén que o Señor nos advirta de que temos que ser mellores que os letrados e fariseos para poder entrar no seu Reino. Lo más.........Que balón de osíxeno nos dá cando nos lembra que non deixará impunes aos mentireiros, aos que viven de aparencias, aos que fan do ordeno e mando o motor da súa vida, aos que utilizan o medo e o poder para dominar, aos que, falando no seu suposto nome, humillan, aldraxan e desprezan as persoas atendendo a diferentes e peregrinas razóns: xénero, status económico, crenzas, orixe, traballo.... Grazas, Señor, por crearnos libres e por respectar as nosas decisións!
Pero non nos enganemos! Isto complica moito máis o asunto. Unha vez que nos atopamos con Xesús na nosa vida, xa nada será o mesmo, seremos moito máis esixentes con nós mesmos, faremos da coherencia o abc da nosa vida.... El que vén a darlle plenitude á lei, tamén vén a complicar a nosa vida, para chamarnos a vivila dende unha opción fundamental pola xustiza, a solidariedade e o desenvolvemento. Xustamente porque Deus é Amor, porque El é Pai e Nai, nós temos que pagarlle tamén con amor, non con amor estático de contemplación e de horas mortas diante do Santísimo (que opción tan doada), senón co amor dinámico que enche o depósito na oración e no trato confiado con Deus para logo facerse realidade nos irmáns e nas irmás, especialmente naqueles máis desfavorecidos.
Hoxe, día no que celebramos a campaña de Mans Unidas, lémbrasenos que estes principios sobre os que asentamos a nosa vida son máis que flor dun día, son valores permanentes que engrandecen e dan sentido á vida dos seres humanos. Xustiza, liberdade, paz, amor, e verdade son así o eixo fundamental da nosa ortopraxe e da nosa ortodoxia. Porque se queremos facer algo polos demais, non hai escusas, hai moitos motivos. A que esperamos para facelos realidade?
Mans Unidas este ano quere chamar a nosa atención sobre a terrible realidade da mortalidade infantil no noso mundo. Cada 3 segundos morre no mundo un neno menor de 5 anos; e a meirande parte deles fano por causas solucionables. As súas vidas e as súas traxedia non poden ser alleas para nós: o seu maná é hoxe. Hoxe é o día no que se fai realidade aquilo que vimos de celebrar. Aportemos o noso gran de area para que melloren a saúde materna, as condicións do parto, a nutrición infantil, para que se constrúan hospitais e para que se formen médicos e enfermeiros. Escoitemos a chamada de Deus a un amor maior.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Oremos a Deus Pai, que en Cristo nos mostra o seu amor, dicindo:
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS SEMPRE NA TÚA VONTADE
© Pola Igrexa, que formamos todos e todas nós, para que co noso testemuño coherente e coas nosas palabras guiemos ás persoas cara a luz que é Xesús, manifestando o noso amor polos máis pequenos e sinxelos, OREMOS.
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS SEMPRE NA TÚA VONTADE
© Polos nosos gobernantes e políticos, para que impulsen o verdadeiro desenvolvemento dos pobos máis necesitados, eliminando as causas da fame e da mortalidade infantil, OREMOS.
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS SEMPRE NA TÚA VONTADE
© Por todas as persoas que se atopan en situación de sufrimento: enfermas, paradas, mulleres maltratadas, nenos violentados, as que viven con fame e sede... para que a forza do Señor e a nosa axuda lles axuden a saír da súa pobreza, OREMOS.
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS SEMPRE NA TÚA VONTADE
© Por todas as persoas voluntarias de calquera ONG, para que a caridade e o amor de Cristo brille nelas e se estenda a toda a humanidade, OREMOS.
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS SEMPRE NA TÚA VONTADE
© Por tod@s nós, que participamos nesta celebración, para que a través do noso testemuño de entrega e sinxeleza contribuamos ao verdadeiro desenvolvemento dos nosos irmáns e irmás, OREMOS.
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS SEMPRE NA TÚA VONTADE
Escoita, Señor as nosas peticións e fainos descubrir a solidariedade e a xustiza como valores fundamentais sobre os cales construír a nosa vida. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Elixe amar en lugar de odiar,
crear en lugar de destruír,
perseverar en lugar de claudicar,
loar en lugar de criticar,
curar en lugar de ferir,
ensinar en lugar de esconder,
dar en lugar de roubar,
actuar en lugar de aprazar,
medrar en lugar de conservar,
bendicir en lugar de blasfemar,
compartir en lugar de almacenar,
sementar en lugar de colleitar,
vivir en lugar de morrer....
E saberedes por que a miña palabra é palabra de vida
e o meu Evanxeo é Boa Nova,
por que de nada serve, aínda que sexa o que se leve,
botar a un vestido vello remendos de pano novo
e viño novo en odres vellos.
Deixemos xa de soñar en rebaixas,
e non intentemos comprar o Reino!:
O cristián e a cristiá non se arrastran baixo o peso da lei;
senón que corren libremente impulsad@s polo amor.
CANTOS
· ENTRADA: Temos unha festa
· LECTURAS: Eu soñei
· OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
· COMUÑÓN: O amor é o meirande
Comentarios
Publicar un comentario