LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 8 Tpo.Ordinario (27/02/11)

DOMINGO  VIII  TPO. ORDIN. – A
27 febreiro 2011



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura      Is 49, 14-15
Non me esquecerei de ti

            Sión dixo:
            "O Señor non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".
            "Esquécese unha muller do seu meniño?
            Non se compadece do fillo das súas entra­ñas?
            Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 61, 2-3. 6-7. 8-9ab


R/.  (6a):  Soamente en Deus acouga a alma miña.

Soamente en Deus acouga a miña alma,
del vén a miña salvación.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.

Soamente en Deus acouga a alma miña,
del vén a miña esperanza.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.

Está en Deus a miña salvación e a miña gloria;
a miña rocha, a miña fortaleza está en Deus.
Pobo seu, confía sempre nel,
desafoga diante del o corazón.



LECTURA DA 1ªCARTA DO APÓSTOLO S.PAULO ÓS CORINTIOS
Segunda Lectura     1 Cor 4, 1-5
O Señor ha manifestar os motivos dos corazóns

            Irmáns:
            Que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus.
            Ora, o que se lles pide aos administradores é que sexan de fiar.
            A min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan se­quera eu me xulgo a min mesmo.
            Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor.
            De modo que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón, quen o mereza, recibirá do Señor o seu eloxio.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Hebr 4, 12
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.


LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo       Mt 6, 24-34
Non andedes desacougados polo de mañá

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            - Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ao outro.
            Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

            Por iso dígovos: non andedes desacougados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido?
            Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas? E quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ao tempo da súa vida?

            E polo vestido por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan, nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles.
            Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ao forno, Deus así a viste, canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?

            Non andedes desacougados dicindo: "Que imos comer?" ou "que imos beber?" ou "que imos vestir?" Son os pagáns os que andan á busca de todas estas cousas; pois ben sabe o Pai voso celestial que as precisades.
            Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas estas cousas hánsevos dar de seu. Así que non andedes desacougados­ polo de mañá; o mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.

Palabra do Señor                                         
R/. Loámoste, Cristo



         
MOITO MÁIS VALEMOS NÓS

Os paxariños do ceo
nin sementan nin seituran,
nin gardan pan nos seus hórreos:
de Deus ches chega a fartura.

Deus, que coida os paxariños,
tamén coidara de nos;
os paxaros valen moito,
moito máis valemos nós.

As herbiñas, todas elas,
nin fían la nin traballan,
e que bonitiñas medran!
e que recendos espallan!

Deus, que mira polas herbas,
tamén mirará por nos;
as herbiñas valen moito,
moito máis valemos nós.

O Reino de Deus será
defender o pan de todos;
que a xente se estime moito,
que haxa paz xusta nos pobos.

Deus, que nos quere para sempre,
preocúpase de nós;
as cousiñas valen moito,
moito máis valemos nós.


COMO É DE LEI

Pai, ti es o meu único amo,
só quero servirte a ti,
só ante ti quero inclinar o meu corazón,
só ti serás a razón última da miña vida.

Traballarei cada día, como é de lei;
buscarei o vestido de a mantenza como é e lei;
coidarei dos fillos, dos pais, da casa, como é de lei;
pero só ti serás o meu amo.

Confiado en ti erguereime cada mañá
e confiado en ti deitareime cada noite;
confiado en ti enfrontareime ás horas difíciles
e confiado en ti esperarei loitando tempos mellores.

Que o demo da angustia por ter e ter
non se meta en min nin na miña casa;
que descubra a malicia encuberta
que se agacha en case todos os cartos.

Pai, só ti es o meu amo,
só ante a túa xustiza
inclino o meu corazón cada día:
Pai, só te quero servir a ti,
só ante a xustiza e a fraternidade
quero inclinar, coma Xesús,
o meu corazón cada día.


O SEÑOR COIDA DE MIN

O Señor é o meu pastor,
non hai cousa que me arrede,
porque na chairiña verde
hame levar para pastar
e a miña sede apagar
nas fontes que nunca reven.

Danos el vida e saúde
e pon niso o seu amor;
eu non sentirei temor
aínda que me atope perdido:
ao ver que anda comigo
alégrase o corazón.

Coma laverca ao arado,
sígueme a súa bondade,
deica o día en que me chame
para me levar ao seu ceo,
e alí vivir cos que quero
por toda a eternidade.


A confianza en Deus afástanos do desacougo e ábrenos ao seu reinado

PÓRTICO
A nosa sociedade caracterízase principalmente pola agonía, a agonía das présas, a agonía de non chegar a fin de mes, a agonía de non ter traballo, a agonía de non quedar ben diante dos outros, a agonía do que dirán. E así metémonos nunha espiral que non nos deixa ser nós, que fai que pensemos en todo menos no importante. Xesús hoxe invítanos ao contrario, é dicir, a sentir que, sen desprezar as nosas responsabilidades, estamos chamados á confianza: en Deus, nas persoas e en nós mesmos. Unha confianza que fará que busquemos o diálogo, o perdón, a dispoñibilidade, a gratuidade... Unha confianza que nos levará a descubrir que si é importante no noso tempo, xa que moitas persoas están faltas diso precisamente e enchidas de moitas cousas que só producen soidade.

O PERDÓN
·        Diante de Ti, Señor, recoñecemos a nosa pobreza, que nos leva a utilizarte como se foses un vendedor de valores e actitudes de saldo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS AFASTEMOS DO DESACOUGO.
·        Diante da nosa pouca formación, preguiza e descoñecemento da túa mensaxe, rogámosche, CRISTO, QUE NOS AFASTEMOS DO DESACOUGO.
·        Diante da nosa pouca fe en Ti, que nos leva a vivir con medo e inseguridade, pedímosche, SEÑOR, QUE NOS AFASTEMOS DO DESACOUGO.

Remuíño
·        O texto de Isaías responde á sensación de desgana, tristura e desconcerto no que se atopaba o pobo de Israel. Diante disto, o profeta non fai unha defensa apoloxética de Deus, tampouco lles berra nin lles vai pasando por diante canto de bo Deus tiña feito con eles; ao contrario, faille unha presentación en positivo – fe propositiva, non impositiva-, presentando a Deus como aquel que sabe estar sempre, nas duras e nas maduras, como aquel do que un se pode fiar a fondo perdido, porque nunca nos abandona. Para El sempre estamos presentes, somos a súa razón de ser, por iso o seu amor mostrouse, segue a mostrársenos cada día, en canto vai pondo ao noso dispor    –“todo o sometiches baixo os seus pés“, dicimos no Salmo 8-. Do mesmo xeito que lle falaba aos israelitas, Deus, a través da palabra do profeta, tamén nos fala hoxe  a nós. E por iso tamén somos invitados, unha vez máis, a descubrir a imaxe achegada e sempre acolledora do Deus que non nos deixa solos nin tampouco nos esquece. Coñécenos, sabe os nosos nomes, sabe como somos e por que actuamos; a El non o enganamos, e tampouco quere que nos enganemos a nós mesmos. Para que xogar ao escondite con El se sabe perfectamente onde nos temos agochado?. Cando nos daremos conta?. Coma Israel tamén hoxe somos invitados a rezar co Salmo: “Señor, ti escúlcasme e coñécesme…”
·        Nesta confianza, que experimentara e sentira en carne propia, Paulo invítanos a descubrir, se aínda non o temos feito, a vivencia da fe como un camiño de servizo. esa é mellor maneira de darnos conta de que Deus non só está, senón que está ao noso lado, camiña con nós. Sabendo isto, a reposta que deberiamos dar é a do servizo aos demais –solidariedade-, a da confianza nos irmáns, espello da nosa confianza en Deus. E se temos que ser espello, non debemos ser nunca xuíces dos demais. Cantas veces o temos sido?. Cantas veces temos pronunciado palabras durísimas sobre este ou aquel, sabendo que non deberiamos telo feito, sabendo o moito dano que lle iamos causar; sabendo que non nos corresponde a nós facer xuízos do interior das persoas, pois ese cometido temos que reservalo para Deus?. E ben seguro que o fará moito mellor ca nós!. A nós correspóndenos ser servidores, e quen serve non enxuíza, senón que abre, tende e acolle coas súas mans.
·        Non facelo así é o que nos produce desacougo, inseguridade, dependencia de ritos e costumes, pero non de confianza en Deus. Cambiar unha praxe de moitos anos e ritos verdadeiramente non é doado. Pero algunha vez teremos que poñernos en camiño e comezar, non si?. E que mellor momento que hoxe, desde esta palabra proclamada e compartida comunitariamente?. Deixemos atrás o superficial, o secundario, o que non é importante, e poñámonos, dunha vez por todas, a construír o Reino de Deus. E para facelo non necesitamos cousas raras nin estrañas, soamente esforzo para achegar ao irmán unha palabra, un sorriso, unha presenza, unha chamada… que poida facelo feliz. Que confianza puxo Deus en nós para ser testemuñas desta tarefa!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
                Porque queremos seguir camiñando na presenza do Señor, unímonos para presentar a nosa oración comunitaria e dicir xuntos:
QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI
·        Para que a Igrexa saiba facer autocrítica e recoñecer que moitas foron as veces nas que por medio das súas actitudes, palabras ou tomas de postura diante dos acontecementos se afastou do amor e da confianza de Deus, Oremos.
QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI
·        Polas nosas comunidades, para que vaiamos descubrindo e tomando en serio o que nos di Xesús: “non desacouguedes”, e o saibamos converter en actitude sempre presente en nós, Oremos.
QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI
·        Por cada un e cada unha de nós, para que deixemos atrás unha fe baleira e orfa, e comecemos a vivir desde o evanxeo a fe que nos fala de confianza en Deus e nos irmáns, e de perda dos nosos medos, Oremos.
QUE CONFIEMOS NOS IRMÁNS PARA CONFIAR EN TI
Grazas, Señor, por abrirnos unha vez máis o corazón a ti a través do noso compromiso por facer felices aos irmáns. P.X.N.S.

Reflexión

Ando polo meu camiño, pasaxeiro,
e ás veces creo que vou sen compañía,
ata que sinto o paso que me guía,
ao compás do meu andar, de outro viaxeiro.
Non o vexo, pero está.
Si vou lixeiro, El apresura o paso;
diríase que quere ir ao meu lado todo o día,
invisible e seguro o compañeiro.
Ao chegar a terreo solitario,
El préstame valor para que siga,
e se descanso, onda min repousa.
E cando hai que subir ao monte (Calvario chámalle El),
sinto na súa man amiga,
que me axuda, unha chaga dolorosa.

(J.Mª Souvirón)


Cantos
·       Entrada: Camiñarei na presenza
·       Lecturas: Canta o sol
·       Ofertorio: Grazas, Señor, na mañá
·       Comuñón: Acharte presente na vida




Comentarios

Publicacións populares