LECTURAS EN GALEGO DA MISA - 6 febreiro (Domingo V Ord.)

DOMINGO V ORDINARIO - A
6 febreiro de 2011



LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Primeira Lectura    Is 58, 7-10
A túa luz irromperá coma a mañá

            Isto di o Señor:
            Reparte o teu pan co famento
e acolle na túa casa os pobres sen pobo.
            Cando vexas o espido, vísteo
e non te escondas da túa propia carne.
            Entón resplandecerá a túa luz coma a alba
e a carne nova da túa ferida brotará logo.
            Si, a túa xustiza camiñará diante de ti
e a gloria do Señor pechará a marcha.
            Entón clamarás ao Señor e responderache,
pediraslle axuda e dirache: "Aquí estou".
            Se apartas do medio de ti o xugo,
o sinalar co dedo e a palabra mala,
se lle quitas ao famento a gana que ti sentes,
e fartas a gorxa aflixida,
entón a túa luz brillará na escuridade
e a túa tebra será coma o mediodía.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 111, 4-5. 6-7. 8a e 9

R/.  (4a):  O xusto brilla na tebra coma unha luz.
Ou:  Aleluia.

Brilla na tebra coma luz para os homes rectos,
o que é misericordioso, compasivo e xusto.
Venturoso aquel que se apiada e presta,
e goberna os seus bens con xustiza;

O home xusto endexamais abalará,
gardarase memoria del para sempre.
Non terá medo de malas noticias,
ten firme o corazón e confía no Señor.

O seu corazón está seguro e nada teme.
Repartiu con xenerosidade entre os pobres:
a súa xustiza permanece para sempre,
erguerá con honor a súa fronte.



LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO ÓS CORINTIOS
Segunda Lectura     1 Cor 2, 1-5
Anuncieivos o misterio de Cristo crucificado

            Irmáns:

            En canto a min, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus.

            Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado.

E eu presenteime diante vosa con sensación de impotencia e tremendo de medo; e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Xn 8, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue terá a luz da vida.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo     Mt 5, 13-16
Vós sodes a luz do mundo

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:

            - Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

            Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte.   
            Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa.

            Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo


ORACIÓNS


FEITOS DE SAL E LUME

Sabíalo?
A túa vida
non é para ti, soamente para ti.

O teu corpo
non é para ti, soamente para ti.

O teu amor
non é para ti,  soamente para ti.

Nin o teu humor,
nin a túa intelixencia,
nin o teu tempo,
nin os teus cartos,
nin a túa casa ...

Sabíalo?
Estás feito de sal e lume.
Sal para salgar
e lume para alumar
aos da casa e aos de fóra.

O teu é desfacerte coma o sal
salgando os demais.
Non teñas medo
a quedar desaborido
a conta de tanto salgar.

O teu é
ir minguando coma a veliña
alumando os demais.
Non teñas medo
a ser veliña que se esvaece
a conta de tanto alumar.

Xa atoparás
quen repoña o sal gastado,
e quen acenda no teu corazón
un lume que nunca morre.

Que bonito é
ser sal e lume
á sombra de Xesús,
para facer unha Galicia nova
a carón dos humildes desta terra!


AQUÍ NOS TES,XESÚS

Aquí nos tes, Xesús,
conta con nosoutros
no que podemos e sabemos,
conta con nosoutros.
Ti enchiches a nosa vida de bens,
que nos chegaron de mil maneiras
a través de mans próximas e distantes.

Cada un de nós somos un tesouro
que encerra riquezas insospeitadas
para gloria túa e proveito da xente.

Todos nós somos sal
e todos nós somos luz,
e como sal e luz nos queres ver
no medio da comunidade e do mundo:

Para que coa graza que hai en nós
outros se volvan agraciados.
Para que coa nosa limpeza, ánimo e alegría
outros se sintan chamados e alentados ao mesmo.
Para que coa nosa luz e transparencia
outros se fagan máis amigos de toda claridade.

Aquí nos tes, Xesús.
Conta con nosoutros
para o que queira,
conta con nosoutros;
no que podemos e sabemos
conta con nosoutros.


“TODO OU NADA” //  “ALGO”

Os nenos e os inmaturos só coñecen "todo ou nada";
o home adulto sabe que o único real é sempre "algo".

Se coidas unha abella, haberá máis mel no panal.
Se evitas unha inxustiza, haberá máis xustiza no mundo.

Se cultivas unha roseira, haberá máis rosas no xardín.
Se amas, Deus estará máis presente no mundo.

Se sementas un gran de trigo, haberá máis pan sobre a terra.
Se creces ti como persoa, haberá máis humanidade no mundo.

Se acendes unha vela, haberá máis luz na noite.
Se vives na verdade, haberá menos mentira no mundo.

Se coidas un niño de andoriñas,
haberá máis andoriñas na primavera.
Se vives en liberdade, haberá máis liberdade no mundo.

Se acendes un lume, haberá menos frío no inverno.
Se irradias a túa ledicia, haberá menos tristezas no mundo.

Se esperas cambiar ti cando cambie o mundo, morrerás sen vivir;
se comezas cambiando ti, xa estás a cambiar o mundo..


BENAVENTURANZAS PARA A IGREXA

Ditosa a Igrexa "pobre de espírito" e de corazón sinxelo,
que actúa sen prepotencia nin arrogancia,
sen riquezas nin esplendor,
sostida pola autoridade humilde de Xesús.
Dela é o reino de Deus.

Ditosa a Igrexa que "chora" cos que choran
e sofre ao ser desposuída de privilexios e poder,
pois poderá compartir mellor a sorte dos perdedores
e tamén o destino de Xesús.
Un día será consolada por Deus.

Ditosa a Igrexa que renuncia a imporse pola forza,
a coacción ou o sometemento,
practicando sempre a mansedume do seu Mestre e Señor.
Herdará un día a terra prometida.

Ditosa a Igrexa que ten "fame e sede de xustiza"
dentro de si mesma e no mundo enteiro,
pois buscará a súa propia conversión e traballará
por unha vida máis xusta e digna para todos,
empezando polos últimos.
O seu anhelo será saciado por Deus.

Ditosa a Igrexa compasiva que renuncia ao rigorismo
e prefire a misericordia antes que os sacrificios,
pois acollerá aos pecadores e non lles ocultará
a Boa Noticia de Xesús.
Ela alcanzará de Deus misericordia.

Ditosa a Igrexa de "corazón limpo" e conduta transparente,
que non encobre os seus pecados
nin promove o segredo ou a ambigüidade,
pois camiñará na verdade de Xesús.
Un día verá a Deus.

Ditosa a Igrexa que "traballa pola paz" e loita contra as guerras,
que vencella os corazóns e sementa concordia,
pois contaxiará a paz de Xesús que o mundo non pode dar.
Ela será filla de Deus.

Ditosa a Igrexa que sofre hostilidade e persecución por mor da xustiza,
sen eludir o martirio, pois saberá chorar coas vítimas
e coñecerá a cruz de Xesús.
Dela é o reino de Deus.

A sociedade actual necesita coñecer comunidades cristiás
marcadas por este espírito das benaventuranzas.
Só unha Igrexa evanxélica ten autoridade e credibilidade
para amosar o rostro de Xesús aos homes e mulleres de hoxe.

(Tomado deEclesalia). 



Nin luces de neon nin lámpadas de baixo custo.

Unha única e sempre activa luz: Xesús de Nazaré.



Pórtico
Nunha sociedade plural coma a nosa, e diante dun clima social indiferente ao relixioso, moitos cristiáns terminan por vivir a súa fe cunha especie de complexo de inferioridade. Séntense crentes no máis fondo do seu corazón; pero non se atreven a confesarse como tales diante dos demais, nin no seu ámbito profesional nin nos seus círculos sociais.
Porén, nun tempo no que tanto se fala de autenticidade, sería un contrasentido que os crentes ocultaramos as convicións que poñen luz e sabor na nosa vida.
Entre o cristián intolerante e agresivo (que tristemente tanto prolifera) e o cristián acomplexado e avergoñado, está a persoa de fe, que sabe presentar e testemuñar a súa propia experiencia de crente dun xeito sinxelo e profundo. A nosa sociedade precisa destas persoas mensaxeiras do Reino, testemuñas que demostren que a vida pode ser vivida con dignidade e confianza, con fondura e esperanza, con ledicia e positividade.... sempre que sexamos conscientes de que somos sal e luz desde o amor e a xustiza.
Perdón
v      Moitas veces a nosa preguiza non quere que abramos os ollos, impedíndonos ver que o mundo que formamos necesita a luz da honestidade e da sinceridade, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á TÚA LUZ.
v      Moitas veces a nosa preguiza non quere que abramos os ollos, impedíndonos ver que o mundo que formamos necesita a luz da xustiza e da solidariedade, por iso che pedimos, CRISTO, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á TÚA LUZ .
v      Moitas veces a nosa preguiza non quere que abramos os ollos, impedíndonos ver que o mundo que formamos necesita a luz da non violencia e do perdón, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE ABRAMOS OS OLLOS Á TÚA LUZ.
Remuíño
ö       A vida cristiá non é un conxunto de principios que hai que cumprir para non caer no pecado; tampouco é unha ideoloxía pechada que nos impide abrirnos ao diálogo con outras persoas que pensan ou senten de xeito distinto a nós; nin sequera é unha suma e normas e obrigacións que hai que levar a cabo por riba das persoas e do que a elas lles pasa. Non, a fe cristiá é un camiño que se vai facendo día a día desde o amor a un mesmo, aos demais, ao mundo, e porque todo iso ten coma orixe e coma meta a Deus, é un camiño que nos leva e abre a El. Polo tanto, cando dicimos que nós temos fe, que rezamos, e que nos reunimos coa comunidade para agradecer e compartir, o que queremos dicir é que o Deus no que cremos, o Deus de Xesús, é o Deus da salvación, da acollida, do perdón… do respecto e da dignidade das persoas. Por iso é luz que mostra o camiño, forza que alenta cada un dos nosos días e esixencia para non permitir que os verdugos saian gañando ás vítimas. Que Deus sexa luz ten que abrirnos ao entendemento, ten que facernos pensar e levar a clarificar que a fe non pode ser sustento de estómago agradecido que cala diante de situacións nas que as vidas das persoas son minusvaloradas e maltratadas. A luz da fe é tamén a luz da claridade e a de tomar, sen medo, decisións que leven a sacar a quen o está a pasar mal da súa dignidade non respectada.

ö       El é a luz que rompe a aurora. El está no comezo do día, de cada un dos días de todos e todas nós. É aurora que nos di cal é o camiño polo que temos que ir andando con ollos abertos, sen deixarnos enganar por ninguén e superando a tentación de ser nós os que enganemos aos outros. Unha aurora que nos invita a ser xustos, conformes con nós mesmos e co que facemos aos demais. A xustiza que nos fai saír, ou non caer, na tristura, interior e exterior, das tebras que pechan horizontes, poñen o ter por riba da dignidade do ser de cada persoa ou confunden a cantos se deixan levar polo camiño cómodo e fácil de quen, sen esforzo, engana, maltrata, silencia ou domina, sen respectar a liberdade nin atender a que o sentido da vida non está na tebra do ter moito, senón na luz do compartir con máis.

ö       Nós somos hoxe, tamén o fomos onte e outros o serán mañá, luz no medio dun mundo que tantas veces anda confundido e mesmo perdido. Un mundo no que, aparentemente, só aparentemente, os máis “espelidos” son os que gañan. Pero non, inda que nos custe crelo, o mundo non é dos “lerchos” –flor dun día– senón dos constantes, dos que non tiran a toalla diante das primeiras dificultades, dos que non se renden a pesares que a fidelidade do que cren e @s fai feliz, supoña que outros se rían, os deixen de lado ou os acusen de beatos e fanáticos. A Luz, Cristo é para honestos, sinceros e coherentes, que sen crerse máis ca ninguén e acusar a outros de cómo son, fan coa súa vida unha presenza de convición e verdade, que nos leva a dicir cada alba: grazas, Xesús, por ser luz e forza.
Oración da comunidade
Porque es luz que fai que non confundamos o camiño, dicimos xunt@s:
QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA
·        Pola Igrexa, que camiña neste mundo alumeando á vida das persoas, para que non caia na tentación de mostrar camiños que só busquen a súa autocomplacencia e o quedar ben con todos, OREMOS.
QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA
·         Para que nas nosas comunidades tomemos en serio a afirmación de que somos crentes e seguidores de Xesús, e saibamos ser luz para tantos veciños e amigos que, camiñando na escuridade da dor, do abandono, da tristura, da desesperanza..., agardan de nós acompañamento e amizade, OREMOS.
QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA
·        Por todos nós, para que nos caiamos na tentación de manipular e aproveitarnos dos demais, senón que pola contra busquemos sempre o seu ben, sendo conscientes de que se non somos luz e sal nas súa vidas, non seremos verdadeiros cristiáns, OREMOS:
QUE A MISERICORDIA ILUMINE A NOSA VIDA
Señor, grazas por ofrecernos a capacidade de abrirnos á misericordia do Deus que se presenta sempre como luz que nos vai mostrando cal é o noso camiño. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor:
Ti ofrécesnos ser luz desde dentro,
silveiras ardentes nas soidades do deserto que buscan o futuro,
remol do fogar que xunta aos amigos compartindo pan e peixes;
lóstrego profético que rache a noite, tan dona da morte.
Ti ofrécesnos ser luz do pobo,
fogueiras de Pentecostes.
Ser lumieiras en Ti, que es luz da nosa vida.
CANTOS
*      ENTRADA: Traede para quen escoite
*      LECTURAS: Como che cantarei
*      OFERTORIO: Sal do mundo
*      COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Publicacións populares