LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 7 Tpo. Ordinario


DOMINGO VII ORDINARIO – Ciclo A
20 febreiro de 2011



LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
Primeira Lectura     Lev 19, 1-2. 17-18
Amarás o teu próximo coma a ti mesmo

            Naqueles días, díxolle o Señor a Moisés:
-         Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles:
-          
            "Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus.
            Non terás odio no corazón ao teu irmán.

Reprenderás o teu próximo, para non cargar co seu pecado.
            Non te vingarás nin lles terás xenreira aos teus veciños.

            Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
            Eu son o Señor".

Palabra do Señor                                         
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 102, 1-2 . 3-4. 8 e 10. 12-13

R/  (8a):  O Señor é misericordioso e clemente.

Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o Señor,
non esquezas os seus beneficios.

El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Non nos trata conforme aos nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.

Canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
canto un pai ama os seus fillos,
así ama o Señor os que o temen.





LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Segunda Lectura     1 Cor 3, 16-23
Todo é voso, vós de Cristo e Cristo de Deus

            Irmáns:
            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.
            Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ao xeito deste mundo, fágase parvo, para volverse sabio de verdade. Porque a sabedoría deste mundo é burremia diante de Deus.
            Que está escrito:
            El pilla os listos na súa propia astucia.
            E tamén:
            O Señor coñece os pensamentos dos sabios
e sabe que son vans.
            De modo que ninguén alardee apoiado nos homes. Porque todo é voso, certamente: tanto Paulo coma Apolo coma Cefas; tanto o mundo coma a vida e coma a morte; tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.

Palabra do Señor                             
R/. Grazas a Deus


ALELUIA    1 Xn 2, 5
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
En quen garda a Palabra de Cristo,
verdadeiramente nel chega á plenitude o Amor de Deus.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Evanxeo        Mt 5, 38-48
Amade os vosos inimigos

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Tendes oído que se vos dixo: "Ollo por ollo e dente por dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo; mais se alguén che da un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.
            A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen quere que ti lle fagas préstamo.
            Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.
            Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os publicanos? E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.

Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo




O ESTILO DE DEUS

Deus,
ti non es vingativo,
ti non as gardas,
ti non esperas o momento ao xeito
para lle facer unha trasnada
a quen cha fixo, ou lla fixo
a algún dos teus fillos queridos.

Deus,
ti non mides o mal,
ti non contestas con mal
ao mal que facemos.
Nunca, nin nesta vida
nin na outra.

Deus,
ti non es agresivo,
es forte e resistente na loita,
pero non es agresivo.

Deus,
ti quéresnos a todos,
xenerosamente, gratis,
sen facer distingos.
o mesmiño que a choiva
baixa e rega a terra do bo e do malo,
así o teu amor baixa e enchoupa
o corazón limpo e lixado.

O mesmiño que o sol
ofrece a súa luz e calor
ao casal do bo e do traveso,
así o teu agarimo quenta por igual
o ánimo xeneroso e o perverso.

Deus,
neste mundo
cheo de leis de vinganza
e con xente que nada máis quere
a quen os quere,
neste mundo, Deus,
ensínanos a vivir ao teu estilo. Amén.


HOXE, SEÑOR QUERO REZAR

Hoxe, Señor, quero rezar
polos que non me queren ben,
para facer como Xesús nos mandaba.

Sei que ti os queres como me queres a min,
porque en ti non hai sombra de odio nin de desprezo;
se en algo son ruíns, aínda os queres máis,
porque a ti práceche amar gratuitamente
aínda a quen non o merece.

No que poida desexo ser coma ti,
metido no teu corazón e nos teus sentimentos
poderei amalos e servilos,
a fareilles ben,
aínda que eles me teñan feito mal.

Que lles vaia ben na vida,
que teñan traballo e saúde,
que gocen de boas amizades,
que te atopen a ti coma pai e amigo.

Que os seus corazóns se fagan dóciles
a calquera luz e a calquera bondade;
que en ti e na xente
aprendan as cousas boas de Deus
e nelas atopen gozo e proveito.

Eu serei feliz coa súa felicidade,
e, se algún día, Señor,
o ben duns e doutros pode vencer o mal,
serei tamén feliz dándolles un abrazo de irmáns,
un abrazo de perdón mutuo,
na verdade, na paz e na xustiza
recuperadas entre nós para sempre.


QUE A TÚA MIRADA

Que a túa mirada gañe en fondura e detalle
para que poidas ver máis claramente
a túa propia viaxe con toda a humanidade
como unha viaxe de paz, unidade e esperanza.

Que non teñas medo ás preguntas
que oprimen o teu corazón e a túa mente;
que as acollas serenamente e aprendas a vivir con elas
ata o día en que todo quede ao descuberto.

Que deas a benvida cun sorriso
a todos os que estreitan a túa man:
as mans estendidas forman redes de solidariedade
que alegran e enriquecen coa súa presenza protectora.

Que o teu espírito estea aberto e alerta
para descubrir o querer de Deus en todo momento;
e que a túa oración sexa encontro de vida, de sabedoría
e de entendemento dos camiños de Deus para ti.

Que a túa vida este ano, cal fermento evanxélico,
se mesture sen medo coa masa
e faga fermentar este mundo en que vivimos,
para que sexa real mente novo e tenro.

E que a bendición do Deus que sae ao teu encontro,
que é a túa rocha, o teu refuxio, a túa forza, o teu consolo
e o teu apoio en todo momento, o invoques ou non,
descenda sobre ti e te garde de todo mal.

(F. Ulibarri, Ao vento do Espírito. Pregarias para o noso tempo)


Nin nos compran nin nos vendemos. Somos agasallo de Deus: somos para o amor


Pórtico

Unha das maiores aspiracións que temos as persoas é a vivir en paz, sen conflitos; pero pensamos que iso se reduce a que non haxa guerra nin violencia. Porén, somos consumidores de programas na televisión e na radio que nin fomentan nin educan na paz e moito menos no amor, especialmente a aquela persoa que nos fixo mal. A celebración de hoxe é unha chamada de atención a nós que nos consideramos cristiáns, para que fomentemos o amor dende o mais cotiá, dende a familia, o barrio, as parroquias e que sexamos quen de non quedar calados diante de tanta inxustiza e de tanta prepotencia. Non esquezamos que é a raíz e o profundo do noso sermos cristiáns.

O PERDÓN

v      Porque confundimos amor con comodidade e utilización dos demais, SE NOS FALTA O AMOR, SEÑOR, NON NOS SIRVE DE NADA.
v      Porque esquecemos que sen amor falar de felicidade, xustiza e liberdade é baldío, SE NOS FALTA O AMOR, CRISTO, NON NOS SIRVE DE NADA.
v      Porque nos faltan compaixón e misericordia para escoitar e buscar entender aos que temos máis preto, SE NOS FALTA O AMOR, SEÑOR, NON NOS SIRVE DE NADA.

Remuíño

v      Amar ao próximo. Este é o reto que cando nos erguemos cada día temos por diante. E que difícil é!. Porque próximo é o compañeiro de traballo que é un folgazán e preguiceiro; próximo é aquel familiar que só aparece pola casa para pedir que lle dean e é incapaz de botar unha man cando sabe que hai moito que facer e se lle necesita; próximo é aquel veciño que está máis preocupado do que fan os outros que de orientar a súa vida traballando con honestidade, tratando con igualdade e respecto aos da súa casa ou poñendo creatividade e esforzo comunitario á hora de facer cousas na e pola parroquia. Desde esta clave temos que entender o texto da primeira lectura que nos invita a amar ao próximo como a nós mesmos. Un amor que é entrega xenerosa e que redunda no ben de tod@s: no dos demais e no de un mesmo.
v      E no centro dese amor, o que move, o que orienta, o que vai facendo que teña sentido e pague a pena vivir desde el, está Cristo. Non o Cristo que tantas veces aparece secuestrado polos intereses duns e doutros; tampouco o Cristo que lle serve aos fundamentalistas para excluír a quen non pensa coma eles; e menos o Cristo que a pesares de encarnarse para asumir a nosa mesma condición de seres humanos, tratan de presentárnolo lonxe das nosas preocupacións e dentro dunha espiritualidade baleira e sen enraizar nos problemas e dificultades que nos van ocorrendo cada un dos días da nosa vida. Un Cristo ausente!. Non, ese non é o Cristo do que Paulo lle falaba aos cristiáns de Corinto, todo o contrario. O Cristo que sendo noso nos converte nun dos del, é o Cristo que imos descubrindo na dor da enfermidade, na tristura dun fracaso matrimonial, na incomprensión dun ERE que manda a un grupo de traballadores ao paro, o Cristo que se fai compañeiro e consolo para quen vén de perder un ser querid@ de xeito inexplicable, o Cristo… que asume a nosa condición humana porque un de nós e dos nosos.
v      Por iso nos manda amar. Amar sen poñer nin peros nin condicións. Amar sen facer cálculos do que poderíamos gañar ou perder nese amor. Amar a fondo perdido. E como ben sabemos, como custa iso!. Porque non é nada fácil, porque necesita moito esforzo pola nosa parte, porque esixirá ter que deixar atrás cousas que nos teñen feito dano en cantidade; sabemos que non é a alfombra vermella dos grandes acontecementos, senón o camiño empedrado duro, difícil e que magoa os nosos pés, pero non nos queda outro remedio, porque amar é tarefa constante de abrir futuro e construír presente. E niso tod@s, con maior ou menor acerto, estamos invitados a ir facendo camiño con pasos pequenos e corazón grande.

Oración da comunidade

                Compartamos, desde este esforzo por ir facendo da nosa vida berce de amor, a nosa oración comunitaria, e digamos xunt@s:
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
v      Para que na Igrexa nos esforcemos por entender que amar e tamén tender pontes que unan e non condenas que separan e afastan, Oremos.
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
v      Para que nas nosas comunidades non lle deamos nunca as costas a cantos necesitan do amor que podemos ofrecer en forma de axuda, tempo compartido, compromiso comunitario, participación veciñal… ou calquera outra acción que sirva para mostrar que estamos a construír comunidade desde o amor que nos fala Xesús, Oremos.
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
v      Para que nós aprendamos a descubrir que a fe non é unha ideoloxía teórica e pechada, a modo dun libro que hai que aprender, senón unha disposición de vida que nos leva a poñernos nas mans de Deus para loitar por facer cada día realidade o proxecto de Xesús, un proxecto que fai presente mirando ao futuro, Oremos.
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
Grazas, Señor, porque pos o teu amor nos nosos corazóns, capacitándonos para amar aos demais sen pedir nada a cambio. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Esperar a chegada do reino total, é dicir, ao Liberador que trae xustiza, amor e conversión plena; eses son os signos do reino que xa viu, segue a vir e tamén virán. O plan de Deus, a súa vontade, é que todas as persoas se salven, que todas sexan liberadas, que ninguén quede escravizado. Aceptar que o amor de Deus é universal, é para todas as persoas. A vontade de Deus non é capricho, terquedade ou autoritarismo. É o don do amor.O plan de Deus axuda a redefinir o noso proxecto persoal e comunitario de liberación.

(A.Cussianovich, Nos ha liberado)


CANTOS

v    ENTRADA: Fagamos da misa unha festa
v    LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
v    OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
v    COMUÑÓN: Señor Xesús, bendito sexas



Comentarios

Publicacións populares