Domingo 25º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Máis ca bo. Domingo XXV Ordinario
20 setembro 2026
A grandeza da personalidade de Xesús
consiste en que, sendo el humano coma nós, nos transmite a todos coa súa
palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el sabeque é o seu
fillo benquerido. Posuía unha experiencia íntima, para nós inconcibíbel, do seu
Pai Deus. Non se trata dunha experiencia semellante á dos filósofos, poetas ou
místicos da longa historia humana.O que Xesús fai é comunicárnola de maneira
sinxela. El fálanos directa e limpamente, sen libros e sen axudas eruditas,
sobre esta súa experiencia. Aprendemos así tamén a ver simultánea e
conxuntamente o Pai Deus e o seu Fillo Xesús.Non nos esquezamosdo que lle dicía
ó seu apóstolo Filipe: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”.De maneira que el
non é, nin fai, nin fala outra cousa máis có que é, fai ou lle fala seu Pai.
Como ocorre con calquera boa nai ou bo
pai nas nosas familias, a xenerosidade e esplendidez de Deus connosco están por
enriba de calquera apelación á estrita xustiza ou a supostos méritos persoais.
O Amor que Deus nos ten supera, xa que logo, calquera comportamento
supostamente debido ou simplemente xusto.Xesús maniféstanos así, na súa parábola, un Deus que busca a nosa
colaboración no traballo que el mesmo está a facer no mundo. Sabe ben da nosa
preguiza, dos nosos problemas e indecisións. Coñece a febleza das persoas e por
iso permítese tratalas bondadosamente.Coa súa xenerosidade é así capaz de
sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás xustizas humanas de curto voo,
que “os últimos serán os primeiros”. Os traballadores da primeira hora, aqueles
que se ergueron cedo e axiña foron contratados, non teñen en consecuencia
razóns para se consideraren merecedores dunha meirande recompensa cá dos que se
retardaron no comezo da tarefa.
Apréndenos así a sermos comprensivos,
xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Porque o seu Pai Deus así é e así
procede tamén. Non sen razón se di neste sentido que esta parábola dos
“traballadores da viña” é unha das máis revolucionarias de Xesús. Grazas a este
noso traballo poderá o mundodegustar e beber ese viño -cunha denominación de
orixe insuperábel, divina- co que Deus quere aledarnos e facernos
“benaventurados”, é dicir, felices, a todos.
Quero xa rematar cunhas palabras do
coñecido teólogo José Antonio Pagola en relación con esta parábola de Xesús.
Son estas:“Nunca esquecerei o impacto que me produciu, hai xa moitos anos, o
descubrir que non foi o rigor ou a radicalidade de Xesús o que provocou
irritación e rexeitamento, senón o seu anuncio dun Deus ‘escandalosamente bo’.
A parábola dos traballadores da viña é particularmente significativa. O seu
contido é tan revolucionario que aínda non nos atrevemos a asumilo. E, porén, a
mensaxe de Xesús é clara: o mesmo que ‘o Señor da viña’ dá a tódolos
seus obreiros o seu ‘denario’, merézano ou non, sinxelamente porque o
seu corazón é grande, así Deus non fará inxustiza a ninguén, mais pode ofrecer
a súa salvación incluso aos que, segundo os nosos cálculos, non a merecen [...]
Deus é bo con tódalas persoas, merézano ou non, sexan crentes ou sexan ateos. A
súa bondade misteriosa desborda tódolos nosos cálculos e está máis alá da fe dos
crentes e do ateísmo dos incrédulos. Ante este Deus o único que cabe é o gozo
agradecido. Esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio dentro de nós e
abrirnos confiadamente á súa bondade infinita”.
Manuel
Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/25-tempo-ordinario-a-mateu-201-16-3/
https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/09/25-domingo-to-2026.html



Comentarios
Publicar un comentario