Domingo 23º do Tpo. Ordinario - ciclo A

                 Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

  

Encontro e super-encontro

Domingo XXIII Ordinario-6 setembro 2026

 

         Moitas veces se di que a xente nas nosas sociedades occidentais se volveu individualista e pouco interesada nos asuntos e problemas dos demais. E semella que hai indicadores abondo que apuntan cara a este diagnóstico. Isto ocorrería sobre todo en persoas que gozan, como adoitamos dicir, dunha certa independencia económica e profesional. Estas proferirían non se meter en leas, non complicarse a vida. Que cada quen –así pensarían- arranxe os seus propios problemas e asunto concluído.

         Xesús, polo contrario, non se refuxiou en si mesmo. Non se dedicaba a resolver os seus propios problemas ou a tomar cautelas especiais contra os perigos que poderían ameazar a súa persoa. Como algunha vez vos comentei, Xesús era un home público. Buscaba facer comunidade, irmandade. Ocupábase de axudar os demais e de estar atento, coa súa acción e a súa palabra, ós problemas dos demais. Problemas morais, espirituais e, obviamente, tamén físicos ou corporais. Os primeiros cristiáns reuníanse así para celebraren asembleas comunitarias, lembrando a palabra de Deus recibida en Xesús e participando así comunitariamente na Eucaristía. Ó eles así participaren nela, ía Xesús (a súa persoa e os seus ideais) tomando corpo e forma  neles.

         Isto é en realidade o que continuamos a facer nas eucaristías. Non pensemos que o que nelas ocorre é un simple encontrármonos uns con outros, intentando fortalecer a nosa piedade co exemplo dos demais que están a cumprir connosco un rito concreto. Naturalmente, tamén rezamos, no noso interior ou particularmente, e asociámonos tamén cos demais e con que preside a eucaristía.Todo isto é así. Pero o máis importante é algo que a simple vista non aparece. Xesús advírtenolo claramente no texto do evanxeo cando nel se nos di: “Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu”.Este Xesús invisíbel, mais realmente presente entre os reunidos no seu nome, é o que temos que aprender a ver e sentir cada vez con máis forza e intensidade. A oración comunitaria, a que realizamos sobre todo na Eucaristía co “Noso Pai que estás no ceo”, é unha oración que Xesús realiza conxuntamente connosco, á beira de cada un e no interior de nós mesmos.Como vai fallar unha oración na que Xesús mesmo se une a nós para garantir os seus bos efectos? Xunto con nós, fillos de Deus e irmáns de Xesús, está a orar quen é o Fillo unixénito de Deus Pai, eterno e infinitamente querido por Él.

         Deus é, pois, esa comunidade misteriosa e incomprensíbel de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo, que loxicamente só se pode revelar ou manifestar como a comunidade que Él intimamente Él, é dicir, creando comunidade. Nós somos unha desas comunidades: un grupo de persoas que nos xuntamos aquí para, coa forza e o poder de Xesús que reza connosco, pedirmos a Deus a súa graza e a súa axuda para as persoas do mundo enteiro, de maneira especial para as que máis precisan da súa axuda.Por iso, nestas nosas sociedades de hoxe temos que facer valer a importancia destes encontros comunitarios.Porque é xustamente neles onde Xesús nos garante, de maneira especial e explícita, a súa presenza.

         Por esta razón, e unha vez máis fronte a egoísmos e particularismos, dísenos de maneira formal na segunda Lectura (na carta de Paulo ós Romanos) que todos os mandamentos de Deus se reducen a este único: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. E está claro que non ama o próximo quen non quere saber dos demais, quen non quere estar cos outros e participar así con eles das súas necesidades, problemas, angustias ou esperanzas, é dicir, quen non participa do espírito de Xesús. Un Xesús, que non é outra cousasenón pura entrega de amor á humanidade, ás xentes concretas do seu tempo e ás de tódolos tempos, culturas e relixións. Entrega incluso a aqueles que non se interesan por relixión ningunha. O amor non fai excepcións.Por iso engadirá Paulo nesta súa Carta que o amor é “verdadeiramente o pleno cumprimento da Lei”.Queda claro, pois, que sentido comunitario e amor son en definitiva a mesma cousa. Por iso, se onde se encontran varios reunidos no nome de Xesús alí se atopa Xesús entre eles, do mesmo xeito alí onde unha persoa ama o seu próximo alí está Deus, alí está o seu enviado, Xesús.

         É difícil atoparse con alguén que non teña a experiencia de ser querido ou de ter sido querido algunha vez por alguén. Agora ben, por que apreciamos e amamos tanto as persoas que realmente nos quixeron ou nos queren e aman? Pois, en último termo, porque esas persoas nos fan presente en realidade a Deus mesmo, que non é senón Amor.

 

Manuel Cabada Castro

 

 

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).       Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

 

 


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/23-tempo-ordinario-a-mateu-1815-20-3/

https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/09/23-domingo-to-2026.html



FICHAS A


Comentarios

Publicacións populares