Domingo 24º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Consecuentes na perdoanza
Domingo XXIV Ordinario-13 setembro 2026
Na oración que rezamos nas eucaristías –estoume a referir á
oración do “Noso Pai que estás no ceo”-
dicimos: “Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos
ten ofendido”.Trátase dunha oración na que Xesús lles aprende a orar ós seus
apóstolos despois de estes llo pediren a el de maneira explícita. Vén sendo, xa
que logo, algo así como o modelo para calquera xeito de nos dirixirmosa Deus,
pai de Xesús e pai tamén noso.Non se trata, pois, dunha oración simplemente individual.
Quero dicir: non é un, en canto individuo particular, Manuel, Iago, Xurxo Uxía
etc quen nos diriximos, cada un pola súa conta, ó noso particular Pai do ceo.
Porque o noso Deus non é Pai de individuos ou persoas particulares en canto
tales. De tal xeito é El só Pai de Xesús, Fillo único, unixénito e eterno. Por
iso é tamén Xesús persoa divina, aínda que a súa natureza humana sexa igual á
nosa.
Todos nós somos, pois, fillas-fillos de Deus-Pai e irmandados
uns cos outros pola nosa común irmandade con Xesús, tamén ser humano coma nós.
Formamosentre todos unha gran familia. A familia dos fillos de Deus pola súa
adopción. El quérenos a todos coma fillos del e non lle comprace que os seus
fillos nos comportemos mal uns cos outros.Por todo isto, o modo como Xesús
quere que nos dirixamos ó Pai non é: “Meu
Pai que estás no ceo”. De tal xeito só Xesús pode dirixirse a Deus. Tódolos
demais, aínda que o fagamos particularmente desde a nosa particular soidade
interior, non podemos dirixirnos a Deus máis que como Pai que é de todos (non
só meu). Esta conciencia de sermos irmáns de todos non nos pode, pois,
abandonar no intre de dirixírmonos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus non lle
vai que nos dirixamos a El prescindindo dos demais ou estando a mal con eles.
Mais por que?Cústanosaprender -de maneira consecuente- a
incríbel importancia que ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán
noso en Xesús. Tal feito convértenos automaticamente a todos en irmáns. Formamos,
xa que logo, unha única familia e entre os membros dunha mesma familia non se
lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que mutuamente
nos fixemos ou deixamos de facer. Querémonos simplemente e de verdade uns a
outros. E se algunha vez hai algún problema, algunha “ofensa”, estase sempre
disposto a perdoar e a facer as paces. En calquera caso, ese é o nivel, moi
alto, que se nos pon para sermos e comportármonos mutuamente e de verdade como
irmáns. Perdoar, non só “sete veces”, senón “setenta veces sete”, tal como se
nos refire no texto do evanxeo. É dicir, perdoar sen límite, sempre. Ben
sabedes que o número “sete” ten na linguaxe bíblica un sentido simbólico que
vén significar algo así como “sempre”, sen tope.
O máis
importante é que vexamos nisto a súa fonda raíz. Perdoar, ter un corazón
xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así sempre se comporta. Lembrade
aquela marabillosa parábola de Xesús, de cando o fillo pródigo volve á casa e
seu pai non lle bota en cara o máis mínimo o seu mal comportamento senón que o
enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran festa. É só porque Deus nos
quere polo que el é tamén perdoador. Con tódolos seus fillos.Lembrade unha vez
máis tamén o que nos dicía Paulo de que tódolos mandamentos se reducen a un só:
“Ama o teu próximo como a ti mesmo”. Se nos acostumamos a ver nos demais a nós
mesmos, entón a cousa é doada. Pois hai alguén que non se queira a si mesmo?
No
canto, pois, de facermos cousas raras, os cristiáns teriamos que
especializarnos en vérmonos a nós mesmos nos demais. Porque en Xesús, no que
Deus se humaniza, acadamos todos a mesma dignidade de fillos de Deus. Somos así
iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla. Tal dignidade
non pode quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou
ofensivos que poidamos ver ou comprobar nunha persoa concreta. Por enriba de
todo e antes de nada, somos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus alén
das nosas feblezas e desordes morais.
No
texto do evanxeo pon Xesús a Deus-Pai como modelo do noso comportamento. Se El
non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento xeneroso
e perdoador con todos, entón non será moito pedir que fagamos nós algo
semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo ese “Reino
de Deus” do que se nos fala tantas veces: un mundo no que as violencias, as
inxustizas, os desencontros entre pobos e individuos deixen de ser crónica
habitual de xornais e outros case innumerábeis medios de comunicación.Este
espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas porque, ó seren
“pacíficas”, é dicir, facedoras ou construtoras de paz, fanse así merecedoras
daquela “felicidade” da que falaba Xesús ó chamar “benaventurados”, ou sexa
“felices”, os “pacíficos”.
Este
modo de comportamento “pacífico”, perdoador, ten un amplo campo de aplicación.
Desde o seo da familia ata no caso das guerras e dos terrorismos do noso tempo.
Neste último caso ben sabedes que, sen un comportamento xeneroso e perdoador,
non é doado chegar a unha solución que sande e cure de verdade tódalas feridas.
Sexamos, pois, no conflitivo mundo de hoxe pacíficos, pacificadores,
perdoadores, facendo así presente entre nós o Deus perdoador que se nos
manifesta en Xesús.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/24-tempo-ordinario-a-mateu-1821-35-3/
https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/09/24-domingo-to-2026.html
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios
Publicar un comentario