FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXIV DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
A afouteza de perdoar
(17 setembro 2023)
Na
oración que dicimos conxuntamente na eucaristía –estou a referirme á oración do
“Noso Pai que estás no ceo”-
expresámonos deste xeito: “Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos a
quen nos ten ofendido”.
Trátase
dunha oración coa que Xesús lles aprende a orar ós apóstolos despois de estes
llo pediren de maneira explícita. Vén sendo, polo tanto, algo así como o modelo
para calquera xeito de nos dirixirmos a Deus, pai seu e pai tamén noso.
Non
se trata dunha oración individual. Quero dicir: non son eu, en canto individuo
particular, Manuel ou Iago, Xurxo ou Uxía, os que nos diriximos cada un pola
súa conta ó noso particular Pai do ceo. Porque o noso Deus non é pai de
individuos ou persoas humanas particulares en canto tales. Dese xeito Deus só é
Pai de Xesús, o seu Fillo único, unixénito e eterno. Por iso só é Xesús persoa
divina, aínda que cunha natureza humana coma a nosa.
Todos
somos, pois, fillos de Deus-Pai e irmáns uns dos outros pola nosa común
irmandade con Xesús, que é tamén un ser humano coma nós. Formamos entre todos,
en consecuencia, unha gran familia. A familia dos fillos de Deus pola súa libre
e amorosa vontade. El quérenos a todos coma fillos e por iso non lle comprace
que os seus fillos non nos comportemos ben uns cos outros.
Por
todo isto, o modo como Xesús quere que nos dirixamos ó Pai non é “Meu Pai que estás no ceo”. Dese xeito só
Xesús pode dirixirse a el. Tódolos demais, aínda que o fagamos desde a nosa
particular soidade interior, non nos podemos dirixir a Deus máis que como Pai
que é de todos. A conciencia de sermos irmás-irmáns dos demais non nos pode,
pois, abandonar no intre de dirixírmonos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus
non lle vai dirixírmonos a el prescindindo dos demais ou, sobre todo, estando a
mal con eles. Por que?
Cústanos
moito chegarmos a aprender de maneira consecuente a incríbel importancia que
ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán noso en Xesús. Esta
relación irmándanos automaticamente a todos. Formamos todos, xa que logo, unha
única familia. E entre os membros dunha mesma familia (se é que a é de verdade)
non se lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que
mutuamente nos fixemos ou deixamos de facer. Querémonos simplemente e de verdade.
E se algunha vez hai algún problema, algunha “ofensa”, estase sempre disposto a
perdoar e a facer as paces.
En
calquera caso, ese é o nivel, ben alto, que se nos pon para sermos e
comportármonos mutuamente e de verdade como irmáns. Perdoar, non “sete veces”,
senón “setenta e sete veces”, tal como se nos di. É dicir, perdoar sen límite,
sempre. É ben sabido que o número “sete” ten na linguaxe bíblica un sentido
simbólico, que vén significar aquí algo así como “sempre”, sen tope.
Mais
coido que o máis importante de todo é que vexamos nisto a súa fonda raíz.
Perdoar, ter un corazón xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así sempre
se comporta. Lembremos aquela marabillosa parábola do Novo Testamento de cando
o fillo pródigo volve á casa e seu pai non lle bota en cara o seu mal
comportamento senón que o enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran
festa. Porque Deus nos quere, por iso é el sempre perdoador en relación co
incorrecto comportamento dos seus fillos.
Lembremos
unha vez máis tamén o que nos dicía Paulo, no anterior domingo, de que tódolos
mandamentos se reducen a un só: “Ama o teu próximo como a ti mesmo”. Se nos acostumamos
a vermos nos demais a nós mesmos, entón faise todo doado. ¿Pois hai alguén que
non se queira a si mesmo?
En
vez de intentarmos facer, pois, cousas raras ou estrañas..., os cristiáns
teriamos que especializarnos en vernos a nós nos demais. Porque por medio do
Fillo humanizado de Deus acadamos tamén nós a dignidade de fillos de Deus.
Somos así todos iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla.
E esta dignidade non pode en modo algún quedar borrada ou anulada polos
comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver ou comprobar
nunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos, e sómolo
sempre, irmáns, queridos por Deus alén das nosas feblezas e dos nosos desordes
morais.
No
texto do evanxeo é Deus-Pai considerado como modelo do noso comportamento. Por
iso, se el non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento
xeneroso e perdoador con todos, entón non será moito pedir que tamén nós
fagamos algo semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo
ese “Reino de Deus” do que se fala tantas veces no evanxeo: un mundo no que as
violencias, as inxustizas, os desencontros entre individuos e pobos deixen de
ser crónica habitual dos medios de comunicación.
Este
espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas, porque ó seren
“pacíficas”, é dicir, facedoras ou construtoras de paz, fanse elas merecedoras
daquela “felicidade” da que se nos fala no evanxeo ó chamar “benaventurados” -ou
sexa “felices”- os “pacíficos”.
Este
tipo de comportamento “pacífico”, perdoador, ten un amplo abano de aplicacións.
Desde o seo da familia -nas relacións entre marido e muller, pais e fillos e
estes entre si- ata no caso das violencias militares, políticas ou sociais dos
nosos tempos. Tamén nestes complicados temas, sen un comportamento xeneroso e
perdoador non é doado chegar a unha solución que de verdade sande tódalas
feridas.
Sexamos,
pois, no conflitivo mundo de hoxe pacíficos, pacificadores, perdoadores,
facendo así presente e visíbel o Deus xeneroso e perdoador que se nos manifesta
en Xesús.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/24-tempo-ordinario-a-mateu-1821-35-2/
Comentarios
Publicar un comentario