FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXVI DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Contra fachenda, servizo
(1 outubro 2023)
Mateo
segue a nos falar da comparanza que fai Xesús do seu “reino” cunha viña e do seu convite a traballarmos nela. A
vantaxe deste tipo de comparacións é que así podemos entender mellor a mensaxe
que nos quere anunciar. E se a comparación ten que ver coa natureza, coa vida
vexetal que nos rodea, tanto mellor, pois na nosa terra conservamos aínda ben
de árbores e videiras por moito que lles pese a incendiarios e irresponsables.
No que se refire ás videiras, o reino anunciado por Xesús
está aí xustamente, coma o viño, para producir alegría, comensalía e
fraternidade. Foron moitas as veces que el comparou o seu reino, o presente e
mailo futuro, cun gran banquete onde xente das máis diversas razas e culturas comparte
ou compartirá a ledicia de ser fillos de Deus. Algo así como nun xantar de voda
onde nos atopamos a gusto con coñecidos, amigos e parentes.
Mais para poder ter esa festa do viño e da fraternidade é
preciso traballar antes na viña. Esa viña que é o mundo no que nos atopamos e
no que nos relacionamos uns cos outros. Deus chámanos e convídanos a traballar
con el e cos demais no cultivo, na maduración e na recolleita deses acios dos que
logo se vai facer o viño da alegría e do contento. Somos así colaboradores de
Deus nunha tarefa que el quixo que proceda tamén da nosa liberdade e do noso
esforzo persoal e comunitario.
E, tal como se nos recorda no texto do evanxeo, o que
conta en todo isto non son as palabras ou as promesas que o vento pode
doadamente levar consigo a pouco de seren pronunciadas. “Vou, Señor”, mais logo
non foi... O que conta son as obras, os feitos , por aquilo ben sabido de que
“obras son amores e non boas razóns”.
Aqueles ós que vai dirixida esta parábola son, segundo
nos refire Mateo, “os sumos sacerdotes e os anciáns do pobo”. É dicir, os
mestres da lei, da palabra escrita ou transmitida de viva voz de xeración en
xeración na cultura e relixión xudía do seu tempo. Eran os que tiñan o
privilexio da palabra, mais non necesariamente o das boas obras. Facede -dicía Xesús
sobre eles noutro contexto- todo o que eles vos din, mais non fagades conforme
ás súas obras.
Este privilexio da palabra levou os sumos sacerdotes e os
anciáns dirixentes a considerárense a si mesmos como superiores ós demais.
Fachendeaban de seren os verdadeiros depositarios e portadores da verdade, do
bo comportamento e da xustiza. Eran sen dúbida superiores ós demais no que se
refire á súa posición social, á súa relación cos poderosos e adiñeirados. Mais ¿eran
eles –no fin de contas- verdadeiramente superiores ós demais? Máis
concretamente, ¿posuían eles realmente unha categoría ética ou relixiosa máis
elevada cá dos oficialmente “pecadores” ou socialmente mal mirados?
É ben seguro que estes “sumos sacerdotes e anciáns do
pobo” deberon de recibir un atordante machadazo cando Xesús lles espetou sen
máis contemplacións: “Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas
entrarán no Reino de Deus antes ca vós”.
Él, certamente, no parece levarse nada ben con cantos fachendean
de si mesmos, da súa virtude ou da súa bondade moral. Tal como el mesmo dicía noutra
ocasión: “Bo, o que se di bo, non hai máis ca un: Deus”. Os demais, todos,
somos –no mellor dos casos- aprendices, máis ou menos consecuentes, da única
bondade, que é só a de Deus. E todo isto, ademais, grazas á súa graza e ó seu amor.
Resulta, alén disto, que esta bondade, a de Deus, é
xustamente boa porque é unha bondade pola que el, Deus, se comunica, se dá ós
demais no seu Fillo benquerido. Por iso, e con moi boa lóxica, a liturxia de
hoxe pon á nosa consideración o texto do evanxeo de hoxe facéndolle preceder un
célebre texto da carta de Paulo ós Filipenses.
Paulo
neste texto dános azos para termos “sentimentos de agarimo e misericordia” uns
cos outros. Recoméndanos tamén non procedermos con “fachenda”, “pensando
humildemente –segue el a dicir- que os outros son máis ca un”. Mais para min o
máis importante e decisivo é a razón pola que Paulo nos exhorta a iso. Unha
razón ou xustificación que explicaría tamén por que Xesús formulou palabras tan
fortes contra a fachenda dos “sumos sacerdotes” e dos seus compañeiros.
A
razón está precisamente en que o Deus que se nos manifesta en Xesús é un Deus
que non “fachendea” de ser Deus (e ben que o podería!, digo eu), senón que é un
Deus que se rebaixou libremente a si mesmo en Xesús ata o nivel máis baixo da
nosa propia humanidade. Paga a pena volver escoitar o texto paulino da Segunda
Lectura: “El [é dicir, “Cristo Xesús”], con ser de condición divina, non se
agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus; senón que se espiu do seu rango e
asumiu a condición de escravo, feito en todo semellante ós homes. Presentándose
coma un home calquera, abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, e
á morte na cruz”.
Por
iso a vida e mailo comportamento de Xesús na concreta sociedade do seu tempo,
na que el se manifestou coma “un home calquera”, son a verdadeira condena do
autocompracente comportamento dos mestres da lei.
E
xustamente ese rebaixamento do Fillo de Deus, do que nos fala Paulo, é o que
fará que o Pai-Deus o vaia despois “exaltar sobre todo”, tal como di o mesmo
Paulo.
Se
queremos, polo tanto, en canto cristiáns e seguidores de Xesús, sermos grandes
(e deberiamos desexalo de verdade!), xa sabemos cal ha ser a nosa folla de rota
para acadar tal grandeza. O camiño é, como o de Xesús, o do noso “rebaixamento”
no servizo e amor a cantas persoas nos toque en sorte atopar na vida.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario