+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Homilía do domingo I de Coresma
22 febreiro 2026
Hai uns días, no mércores de cinza, empezamos o tempo da
Coresma. “Coresma”, provén dos “corenta” días de xaxún que segundo a tradición o
Señor pasou no deserto. A liturxia vainos levando ó longo do anopolas diversas
experiencias da fe. O interese por coñecer o que fai e di Xesús é porque el é
para nós exemplo vivo e actuante.Mateo preséntanolo como tentado por Satán. Se
el foi tentado, non é nada estraño que tamén nós o sexamos. En tódolos tempos e
lugares os cristiáns, tanto os que exercen altos cargos como os -digamos- cristiáns
de a pé seremos tamén tentados. As tentacións de pensar quepara levarmos
adiante a obra ou a mensaxe de Xesúsnon nos viría nada mal botar man de medios
pouco ou nada evanxélicos. Mais non se pode facer medrar a árbore do evanxeo
con produtos ou fertilizantes contrarios ó mesmo evanxeo. De tal xeito a suposta
árbore cristiá esmorecería e secaría.
As tentacións que nos refire Mateo presentaranse
seguramente en tódolos tempos. Por exemplo, a tentaciónde pensar e supoñer que
as necesidades das persoas se reducen ó alimento corporal. “Non soamente de pan
vive o home”, respóndelle Xesús ó Tentador cando este o convida a converter en
pan as pedras. Naturalmente necesitamos do noso pan material de cada día ( e
así llo pedimos ó noso Pai Deus na oración do “Noso Pai que estás no ceo”).
Mais o que plenifica, o que verdadeiramente e en definitiva satisfai as persoas
é, tal como pon Mateo en boca de Xesús, a “palabra” que “sae da boca de Deus”.
Agora ben, xa sabemos que esta “palabra” de Deus é, segundo se nos lembra Xoán,
Xesús mesmo. Para Xoán, Xesús é a “palabra” de Deus-Pai ó mundo. Así aparece na
liturxia de Nadal: “No principio existía
a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus... E a Palabra
fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”. Xesús é, pois, a verdadeira
“palabra”, o verdadeiro “pan” co que Deus-Pai alimenta o mundo. Porque con este
“pan” viranos tamén o pan material que precisamos para o noso corpo. Pois a “palabra”,
o “pan” que é Xesús, é el o verdadeiro creador de fraternidade, de irmandade,
de amor e de xustiza. Sen esta fraternidade, que está unida á xustiza, seguirá
a haber fame e miserias no mundo tanto agora como en vindeiros tempos.
Mais Satán, o Tentador, é teimudo e continúa a tentar. As
cousas -vénlle dicir agoraSatán a Xesús- resólvense co “poder”. Para iso,
fantasía Satán en lle ofrecer a Xesús tódolos reinos da terra ou en animalo a
facer milagres e cousas admirábeis, pois ben que as sabe el facer... Mais o
reino de Xesús, ese reino ó que nós queremos pertencer, non se basea de ningún
xeito na forza, no poder ou na fachenda. Como tantas ves nos repite a liturxia,
o reino de Deus é “un reino de xustiza, de amor e de paz”. Un reino onde todos
somos iguais, é dicir, un reino de fraternidade.
Pois ben, no tempo coresmal hai certos días de xaxún
(nada máis ca dous en total) e algúns días máis da que se adoita chamar
“abstinencia”. Mais se pensásemos que iso é o fundamental do tempo coresmal
estariamos nun bo erro. Sobre todo, se durante o ano nos dedicamos a consumir e
mercar todo canto os vendedores de produtos de todo tipo nos poñen diante,
freando só un pouco a febre de consumo nos días coresmais. Polo contrario, o
fundamental deste tempo litúrxico é írmonos convertendo á mensaxe de Xesús que
se vai paseniñamente densificando, dende o mércores de Cinza ata chegarmos á
Semana Santa e ó cirio pascual do domingo de Resurrección, co que remata a
Semana Santa. No pasado mércores de cinza dicíanos quen presidía a celebración:
“Convértete e cre no evanxeo”. Unha chamada á conversión que ten como ideario o
evanxeo, é dicir, a “boa nova”da alegría pascual do Xesús resucitado.Volvendo
de novo ó actual tempo de Coresma e ó tema do xaxún e da abstinencia coresmais,
non vos vou dicir que non xaxuedes o día do venres santo ou que non vos
absteñades de tomar carne nos venres da Coresma. Faltaría máis!! Mais se nos
quedamos niso, fraco favor lle fariamos á nosa fe. Esa fe que se ha de amosar
como tal nas “boas obras” e na nosa preocupación polos demais. Apúntome neste
senso ó que lin nalgún comentarista(non sei agora onde) sobre o agachado significado
deste tempo coresmal. O texto é este: “Coresma debería ser unha chamada de
atención sobre os millóns de excluídos que xaxúan, non por devoción, senón
porque carecen do esencial para viviren, que non elixen o xaxún senón que este se
lles impón, que cargan coa pesada cruz da vida sen cireneos que alivien o seu
desfalecemento nin defendan a súa causa: famentos, marxinados da sociedade,
empobrecidos, anciáns, desprazados polas guerras,
desprezados pola cor da súa pel, pola súa cultura ou pola súa lingua... A todos
estes háselles abrir o noso corazón na Coresma”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños
aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e
Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025).
Distribución: Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/1-coresma-a-mateu-41-11-3/
https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/02/1-coresma-2026-a.html
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4



Comentarios
Publicar un comentario