Domingo 6 do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Homilía domingo VI Ordinario
15.II.2026
Serei hoxe algo máis breve
porque o texto do evanxeo foi xa suficientemente longo, ademais de moi rico e
variado no seu contido.Pois ben, unha das funcións máis importantes dos nosos
encontros comunitarios co Señor é a de “agradecer”. Agradecerlle ó Señor porque
nos deu a vida; porque estamos aquí cos nosos familiares e outras persoas e
familias cristiás; porque nos deu e nos segue a dar fe, esperanza e caridade;
porque nos dá azos, coa forza do Espírito Santo, para seguirmos adiante na
confesión e na práctica da nosa fe.Ó sermos deste xeito “agradecidos”, estamos a
recoñecer tamén a súa bondade e a súa grandeza. Unha grandezaque supera
calquera pensamento.Hoxe en día, os que se dedican ó estudo da realidade
material, os que intentan afondar nos máis pequenos elementos da materia, é
dicir, os físicos, ou os que observan a grandiosidade do universo ou dos
universos, é dicir, os astrofísicos ou astrónomos decátanse con sorpresa de que
a realidade é moito meirande e misteriosa có que pensaban.
Agora ben, isto non debería
estrañarnos se é verdade que os produtos que saen da intelixencia e do poder de
calquera creador ou artista teñen que levar consigo unha certa semellanza con
quen os ideou ou construíu. Quero dicir: se os estudosos da materia ou da
natureza, ademais de se dedicaren á súa especialidade,reflexionasen filosófica e
teoloxicamente sobre a realidade, seguramente se decatarían de que, se Deus é
absolutamente infinito, canto saíu das súas mans debería tamén asemellarse ó
infinito ser e poder do seu autor.
Isto
que digo vén a propósito das Lecturas primeira e segunda, nas que se nos fala
da grandeza da “sabedoría” de Deus, aínda que isto sexa nun senso máis
antropolóxico ca estritamente cósmico. No Libro do Eclesiástico dísenos por
exemplo: “Grande é a sabedoría do Señor. El é potente e egrexio e todo o
dexerga. Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas e El penetra as accións
de cadaquén”. E na súa primeira carta ós Corintios dilles Paulo ós seus
destinatarios que lles anuncia a misteriosa e insondábel grandeza de Deus: “Nós
predicamos –dilles Paulo- unha sabedoría de Deus, misteriosa”.Tan misteriosa
que non terá reparo en engadir: “O que o ollo non viu, o que o oído non sentiu
e o que non pasou pola mente humana: iso preparou Deus para os que o aman”.
É dicir, o Deus e Pai noso
quérenos tan de verdade e tan de corazón que nin sequera podemos maxinar o que
El ten preparado para nós. Un agasallo tan en correspondencia co amor que nos
ten, que poderiamos dicir que nos deixará seguramente abraiados durante toda a eternidade. Iso vén ser, falando de
maneira moi informal, o que os teólogos chaman a “visión beatífica”, é dicir, esa
felicidade que Deus quere para nós e á que nos destinou desde sempre e para
sempre.Iso si. Cantos se consideran a si mesmos satisfeitos co que cren ser ou
co que teñen non dispoñen xa quizais da capacidade para seren destinatarios desta
grandeza de Deus. Ó contrario dos sinxelos e humildes, sobre os que Xesús dicía
en agarimoso diálogo co seu Pai Deus: “Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais
da terra, porque revelaches os misterios do Reino ós humildes”.
Manuel Cabada Castro
[Manuel Cabada Castro, Boa nova
para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT
(Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos
A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución:
Editorial Galaxia]
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/6-tempo-ordinario-a-mateu-517-37-3/

.png)

Comentarios
Publicar un comentario