DOMINGO 2 DE CORESMA - CICLO A

  Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

Homilía domingo II Coresma-1 marzo 2026

            Ímonos introducindo, pouco a pouco, no tempo coresmal con este 2º domingo de Coresma. Seguimos así a consigna que se nos deu no Mércores de Cinzaó recibirmos a cinza que se nos impuxo coas palabras “Convértete e cre no Evanxeo”.“Crer no evanxeo” é crer na súa mensaxe fundamental. Pois ben, podemos dicir que no evanxeo hai invitacións á conversión, hai toma de conciencia da gravidade das ofensas a Deus e ós demais, hai narracións de situacións difíciles para os seguidores de Xesús, hai sufrimentos, hai morte, hai resurrección... Mais“evanxeo” é unha palabra de orixe grega que significa xustamente“boa noticia”, “boa nova”, “alegre nova”. Así o puxo  de relevo o papa Francisco na súa primeira encíclica co título “A Alegría do Evanxeo”. Dinos alí Francisco: “Todos teñen o dereito de recibir o Evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír ninguén, non como quen impón unha nova obriga, senón como quen comparte unha alegría, sinala un horizonte fermoso, ofrece un banquete desexábel”.Por iso, se a actual consigna introdutoria da Coresma nos di “cre no Evanxeo”,entón o convite coresmal é en último termo un convite a crer firmemente que a noticia que Xesús nos trae e unha boa noticia, unha nova que nos trae alegría e non tristura. Por iso o cerne das Lecturas deste II Domingo de Coresma é tamén unha boa, unha alegre nova no medio dun tempo litúrxico que en principio é de penitencia e conversión.

            Xa a primeira Lectura do libro da Xénese nos presenta o prototipo do crente do Antigo Testamento, Abrán, como bendicido por Deus cunha boa e alegre nova. A de que “todos os pobos da terra se chamarán benditos no nome del”. É esta, de feito, unha visión profética na perspectiva do que vai ocorrer no Novo Testamento, coa vinda de Xesús. Por iso na carta que Paulo lle escribe a Timoteo -que os biblistas consideran algo así coma o “testamento” de Paulo-fala este da vinda de Xesús ó mundo como algo que ocorre grazas ó poder de Deus Pai. Un “poder” e unha “graza” de Deus “que se manifestou agora”, dinos Paulo, “pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús”. Para Pauloesta aparición de Xesús pode sintetizarse nestas palabras: “El (é dicir, Xesús) destruíu a morte e alumou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo”.De xeito que a grande e alegre “boa nova” que nos trae Xesús consiste xustamente en que ataca e fai secar a raíz dos medos e angustias temos as persoas: a morte.       Non hai aínda moitos anos a Igrexa, na imposición da cinza do comezo da Coresma, utilizaba unha fórmula ben distinta: ”Lémbrate, home, de que es po e ó po has volver”. Lembrarse da propia morte non está mal, desde logo. Mais a verdade é que a morte non é de ningunha maneira o pensamento central do evanxeo. Máis ben, todo o contrario. Éo a vida. En todo caso, a morte queda totalmente superada coa mensaxe fundamental da resurrección: da de Cristo e mais da nosa. “Eu son a resurrección e a vida”, dinos Xesús. Isto si que é a mensaxe do evanxeo.

            Deste modo, a mensaxe do evanxeo de hoxe vén sendo, en tempo coresmal de conversión e renuncias, a seguinte. Aínda que Xesús, e con el todos nós, teñamos que enfrontarnos co sufrimento e a morte nas nosas vidas, a nosa meta e destino definitivos están claros: vida para sempre, resurrección para toda unha eternidade. A transfiguración de Xesús diante dos seus tres apóstolos máis representativos, Pedro, Santiago e Xoán, é un sinal ante eles de que os negros nubeiros, que se lle aveciñan a Xesús coa súa próxima paixón e crucifixión, non poderán borrar do mapa a mensaxe de que el é e seguirá a ser para sempre Vida e Luz: “Eu son a luz do mundo”. Mateo dinos, en consonancia con isto, que na súa transfiguración “o rostro de Xesús resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz”.En calquera caso, cada cousa ó seu tempo. Esta é tamén unha das leccións que aprendeu o impulsivo Pedro cando el propuña o seguinte: facer, xa agora mesmo e sen máis dilacións, tres tendas para cada un dos tres protagonistas principais: Moisés, Elías e Xesús. Polo que se ve, os tres apóstolos non precisaban tenda. Estaban xa ben felices e contentos como estaban: “¡Señor, que bo sería ficarmos aquí!”.

            Mais a vida, tamén a cristiá, é un proceso, unha marcha. Non se poden queimar etapas. Curta é desde logo toda vida en comparanza cos grandes e infinitos desexos que temos de vivir. Mais nesta nosa vida, coa fe, a graza e a paciencia que o Espírito de Deus nos dará se llo pedimos, poderemos tamén albiscar dalgún xeito o fermoso, grande e infinito que nos espera. Aquilo que de maneira só efémera e fuxidía viviron Pedro, Santiago e mais Xoán.


Manuel Cabada Castro

 

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) - As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-coresma-a-mateu-171-9-3/



FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4

CORESMA A


Comentarios

Publicacións populares