DOMINGO XXVII DO TPO. ORDINARIO C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XXVII T. O.
(C - 5 outono 2025)
O tema da fe é o que
aparece no comezo mesmo do evanxeo de hoxe, ó lle pediren os apóstolos a Xesús
que lles “aumente a fe”. Unha fe que os teólogos consideran como a primeira das
chamadas “virtudes teologais” (xunto coas virtudes da “esperanza” e da
“caridade” ou do amor). “Teologais” porque están en relación directa con Deus
mesmo, que é o que as suscita ou promove en nós por medio do seu Espírito. Só
el, o Deus Pai que se nos amosa en Xesús, pode “aumentala” en nós se llo
pedimos con aquela confianza que el mesmo nos dá.
Unha fe, que -como en
teoría ben sabemos- non é tal sen as obras, é dicir, sen o exercicio e a
práctica da nosa confiada relación con Deus e do noso amor a todos. Teñan ou
non teñan eles explicitamente esa fe que nós recoñecemos ter recibido como don
gratuíto e xeneroso de Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús. Trátase así dunha
práctica ou realización cristiá da fe que nos converte en “servidores” de Deus
e do seu Fillo Xesús, á maneira do humilde criado cumpridor do que se nos fala
na curta parábola de hoxe.
Unha vez máis é tamén
aquí Lucas o único dos redactores dos textos dos evanxeos que non quixo que
permanecese no esquecemento esa parábola de Xesús que remata con aquela lección
tan fermosa de humildade e alegría en relación co noso traballo pola
realización do Reino de Deus: “Cando fagades todo o que se vos mande, dicide:
‘Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer’”.
Logo de aludir a estes
dous temas, o da fe e o do noso servizo a ela como condición necesaria para que
esta fe sexa unha fe verdadeiramente viva e non morta, quero facer unha curta
alusión a tres santos que poderían ser considerados como verdadeiros “pesos
pesados” na categoría da súa fe en Deus, sen lle querer restar con isto méritos
a ningún outro calquera santo ou santa do calendario litúrxico.
Porque resulta que este
primeiro domingo de outubro está inmediatamente precedido pola festividade dos
tres e por iso quero facer unha curta lembranza deles, porque coido que se
distinguiron precisamente nesa fe e nesa realización práctica da mesma ás que
me estou a referir.Son estes tres: Teresa do Neno Xesús, Francisco de Borxa e
Francisco de Asís.
Respecto de Santa Teresa
(ou Teresiña) do Neno Xesús, ben saberedes que foi un limpo e inimaxinábel
modelo de fe e confianza feliz e absoluta en Deus. Viviu e practicou unha
espiritualidade que se adoita chamar “infancia espiritual”. Tiña unha relación
de fe e confianza en Deus á maneira dunha nena cos seus pais. Unha relación
deste tipo non vale só para as cativas, senón tamén para as persoas adultas,
porque ante Deus somos ou debemos ser todos sempre nenos, por moitos anos que
levemos xa enriba de nós. Disto decatouse ben o gran pensador e escritor vasco,
Unamuno, naquel poema seu que a min tanto me gusta e que por iso algúns de vós
posiblemente me oístes recitar algunha vez. Vén sendo unha réplica poética
daquilo de Xesús: “Se non vos facedes coma nenos non entraredes no Reino dos
ceos”. Velaquí vai unha vez máis o poema de Unamuno: "Agranda la puerta, padre, /
porque no puedo pasar; / la hiciste para los niños, / yo he crecido a mi pesar. / Si no me
agrandas la puerta, / achícame, por piedad; / vuélveme a la edad bendita / en
que vivir es soñar". A santa
francesa, Teresiña do Neno Xesús, puido coa graza de Deus achicarse coma unha
nena ante o seu e noso Pai Deus, tal como o pedía Unamuno no seu poema.
Teresiña tiña só 24 anos cando finou.
En
canto ó santo valenciano Francisco de Borxa. Tiña de todo na vida: diñeiro, moi
altos cargos políticos, etc. Mais non permitiu que as comodidades ou os honores
se apropiasen del, seguindo as palabras de Xesús, que comentabamos o outro
domingo, de que “non podemos servir a Deus e mailo diñeiro”. Deixouno, pois,
todo e fíxose humilde xesuíta, aínda que chegase despois a desempeñar como
Xeral o máximo cargo dirixente na Compañía de Xesús. Cóntase del que, á morte
da emperatriz Isabel, tivo que acompañar o seu cadáver desde Toledo ata Granada
para aquí testemuñar a autenticidade da defunta. Tan impresionado quedou pola
morte e transformación física da emperatriz que decidiu pedir ser admitido na
Compañía de Xesús pra se dedicar o resto da súa vida a testemuñar a súa fe en
Xesús, convertido para el dende aquel momento en único fiábel Señor seu. “Non
servirei señor que se me poida morrer”, cóntase que dixo.
Varios
séculos antes que estes dous - Francisco de Borxa e Teresa do Neno Xesús –
viviu o terceiro gran santo: Francisco de Asís. É precisamente o nome de pía
deste santo o que escolleu para si o actual papa por el simpatizar moito coa
súa figura. Un santo que revolucionou a Igrexa de Deus co seu amor ós pobres e
á natureza toda. Unha natureza que reflicte en si a fermosura de Deus nas aves,
nos animais, na auga, no sol etc. Sendo como é un santo dos tempos medievais
conecta, como ben sabedes, moi ben cos
desexos e arelas de moitas persoas e culturas do noso tempo.
Por
iso hoxe, ante a proximidade a este domingo das festividades destes grandes
santos que tiveron unha fe firme no Deus de Xesús, estamos todos convidados a
desexar vivamente que a fe “aumente” en nós, tal e como ocorreu neles.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario