DOMINGO XXIX DO TPO. ORDINARIO C

  Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

Un xuíz e u unha viúva-19 outubro 2025

            Máis dunha vez se alude no evanxeo de Lucas á importancia da oración e ás escenas correspondentes nas que el presenta Xesús retirándose ao monte a orar para falar co seu Pai-Deus. El era o “benquerido”, o infinitamente querido polo Pai e en ningún outro sitio -se podemos falar así- se atoparía máis a gusto ca con el, conversando e intimando co seu Pai Deus. Polo demais, a vida interior de Xesús tiña que ser algo así coma un fervedoiro de vida ante a tarefa de redención ou liberación da humanidade que o Pai lle encomendara. Algo que nos resulta totalmente imposíbel de imaxinar.

            En relación co texto de hoxe, nos escritos do especialista bíblico e compañeiro xesuíta José Luis Sicre atopoinformación que me resulta axeitada para o comentario de hoxe. Dinos el que os cristiáns aos que Lucas dirixiu o seu evanxeo non tiñan moito costume de rezar, posibelmente porque a meirande parte deles se converteran recentemente do paganismo, “igual ca moitos cristiáns actuais -dinos el- que só se lembran de Santa Bárbara cando hai tronada”. E a iso se debería a frecuencia coa que Lucas se refire no seu evanxeo a moi diversos tipos de oración realizada por distintos personaxes bíblicos relevantes e, de maneira especial, exemplar e eminente por Xesús.

           Polo que parece, a comunidade á que Lucas se dirixía vivía angustiada, nunha “crise moi grave”, que se podería ver en conexión co que a parábola de hoxe pon en boca de Xesús ao el nos falar dos “seus elixidos, que claman día e noite”. Para unha certa comprensión da situación anímica daqueles cristiáns, que podería asemellarse á de determinados grupos cristiáns ameazados e perseguidos tamén hoxe en día en determinados países do mundo, cumpriría ter en conta que Lucas escribiu o seu evanxeo entre os anos 80 e 90 do século I e que foi precisamente no ano 81 cando subiu ao trono o emperador Domiciano. Este emperador romano perseguiu duramente os cristiáns tras el promulgar a lei de que “ningún cristián, unha vez traído ante un tribunal, quedase exento de castigo se non renunciaba á súa relixión”.

A parábola de Lucas acáelle ben a un contexto coma este de persecución dos cristiáns, que en consecuencia clamaban xustiza “día e noite”. Trátase, pois, en tal sentido dunha parábola, como se di no comezo do texto de Lucas, “verbo da necesidade de orar sempre, sen cansar”.O contraste entre a fachendosa e prepotente figura do xuíz desprezador de Deus e das persoase a outra, humilde mais teimuda, da viúva que lle reclama xustiza é moi instrutivo para calquera cristián consciente da súa fe nun Deus todopoderoso, que ademais é Pai agarimoso. O modo de a viúva se relacionar, día tras día e durante moito tempo, co xuíz ou mandatario inxusto, reclamándolle xustiza, viña ser algo semellante ás protestas coas que no noso tempo persoas ou colectivos protestan publicamente contra os prexuízos que lles ocasionaron determinadas persoas ou institucións.

            Así pois, se no caso do xuíz inxusto este accede por puro cansazo e fastío ás demandas que se lle formulan, no caso da oración que lle diriximos a Deus Pai trátase de algo ben distinto. Pois El é o Pai que nos queree que endexamais nos deixará abandonados.A oración procede así da nosa fe en Deus e dános ao tempo confianza nel, empuxándonos a practicarmos a xustiza e a loitarmos por ela. Ao revés do comportamento do xuíz inxusto. Porque a oración ha ir sempre acompañada, como ocorreu no caso de Xesús, pola acción a prol da xustiza, por unha actitude de proximidade aos pobres e necesitados e por unha clara crítica aos poderosos.

            Ben o formula dalgunha maneira o refrán de “a Deus rogando e co mazo dando”. Xa que logo, orar e actuar. Ou, como di o coñecido lema de San Bieito, “ora etlabora”, “ora e traballa”. Unión orante con Deus e exercicio concreto de evanxelización ou anuncio da “boa nova”. Tal foi a práctica de Xesús e así deberiamos facer tamén nós. Traballarmos, mais conscientes ao tempo de que neste noso traballo está connosco a traballar Deus mesmo. Santo Ignacio de Loiola formulábao ben: “facer as cousas como se todo dependese de nós  e confiarlle a Deus o resultado coma se todo dependese del”.

Na Lectura do Antigo Testamento escoitamos como os israelitas tiñan éxito na batalla contra os amalecitas cando Xosué loitaba coa espada e, ao tempo, o xa entrado en anos Moisés erguía as mans cara ao ceo pedindo a vitoria. De tal xeito o traballo bélico e a oración residían aquí en persoas distintas. A oración resultaba ser tamén en tal caso eficaz, aínda que o experto bíblico Sicre non deixe de sinalar con razón, algo ironicamente, que “a idea de usar a oración para matar amalecitas non parece a máis evanxélica”...

 

Manuel Cabada Castro

 

 

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia].





Comentarios

Publicacións populares