DOMINGO XXVIII DO TPO. ORDINARIO C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Gafos e Xesús-12 outubro 2025
Sabemos polas moitas informacións
que recibimosdas traxedias nas que se ven envoltas tantas persoas que intentan atopar unha vida digna e que están
ameazados pola pobreza e as guerras. Aseméllanse
en certa medida a aqueles impuros, gafos ou leprosos, dos que se nos fala neste
domingo no Evanxeo. Nos tempos de Xesús tiñan que vivir afastados dos lugares
normais onde vivían, pois era xente impura, enferma, pecadora. O pecado estaba
culturalmente asociado á enfermidade. De modo que ademais de padeceren unha
concreta doenza física eran considerados como impuros. Con eles había que falar
dende lonxe, a voces, tal como eles o fan con Xesús: “Xesús, Mestre, ten dó de
nós”. Para que a súa enfermidade non contaminase tamén Xesús ou algún dos seus
acompañantes.
Unha vez máis, é
tamén o evanxeo de Lucas o único que nos deixa constancia deste encontro dos
gafos con Xesús. Lucas, é dicir, o evanxelista que sempre nos quere poñer
diante dos ollos o Xesús liberador, o que practica a misericordia e a bondade
con todos, sexan como sexan, pensen como pensen, falen como falen, sexa cal
sexa a cor da pel do seu corpo. El fai, polo tanto, con eles o que ten que
facer en canto Salvador e Liberador: sandalos da súa enfermidade, dicíndolles
que vaian presentarse aos sacerdotes. O que significaba que antes de se
presentaren aos sacerdotes ficarían libres da lepra. Pois o que os sacerdotes
facían non era máis ca certificar a súa curación.
Naqueles tempos non
era tarefa doada acabar con esta discriminación cultural, social e relixiosa
que sufrían estas persoas. Mais os significativos xestos de Xesús con elas
foron poñendo as bases para a supresión de toda inhumana discriminación. Aínda
así e nun sitio ou noutro, este tipo de discriminación segue vixente aínda hoxe
en día. Aos que teñen boa posición económica ou social ábrenselles as portas,
mentres que os necesitados, defraudados, endebedados, refuxiados e xente
semellante petan ás portas dos poderosos e estas non se lles abren.
Sabemos que de,
maneira moi sonora, o papa Francisco criticou duramente as traxedias e
naufraxios dos que buscaban refuxiarse en Europa afirmando, sen paliativos e
sen utilizar unha linguaxe que poderiamos chamar politicamente correcta, que
iso “é unha vergonza”. Éo sen dúbida, tendo en conta sobre todo a secular
presenza do cristianismo nos países europeos.De tódolos xeitos, o acento
principal do evanxeo de hoxe semella estar nun aspecto complementario. Refírome
á actitude agradecida dun (dun só) dos gafos sandados da súa lepra.
Porque resulta que o que aquí é loado e bendicido por Xesús é tamén un
discriminado, un estranxeiro. Aquel que, ao se decatar da súa curación, deu
volta antes de chegar onda os sacerdotes. Era un samaritano e un samaritano era
para un xudeu algo así como un “estranxeiro”.
Decatámonos así como
Lucas pon fortemente de relevo que a graza de Deus que se nos manifesta en
Xesúsestá aberta a todos sen distinción de razas, relixións, culturas ou
calquera outra cualificación que queiramos engadir. Tódalas persoas recibimos,
dun mesmo e único Deus, Pai de Xesús e de todos, o noso ser, a nosa vida, a
nosa común irmandade con el. Sendo isto así, a nosa actitude principal e
primeira con Deus debería ser a do agradecemento. Así o tentamos facer nestes
encontros comunitarios ao celebrarmos conxuntamente a eucaristía, que
etimoloxicamente quere dicir –como ben sabedes- acción de grazas. Agradecemento.
Sermos agradecidos é
sinal de madureza na vida. Ás nenas ou nenos non se lles pode pedir tal cousa
porque eles están felizmente convencidos de que todo o que reciben dos demais é
algo simplemente natural. Tanto os queren os seus pais, os seus familiares e
amigos. Pouco a pouco irán dándose conta do misteriosa que é a vida, de que
eles existen porque houbo alguén que antes os quixo. Nenos fomos todos nalgún
momento da nosa vida. E como adultos que agora somos en
idade, tentando selo tamén na fe,
teriamos que amosar esta madureza agradecéndolle a Deus ternos dado vida, tanto
a que chamamos física ou biolóxica coma a que os teólogos chaman sobrenatural,
a vida da graza, a vida da nosa relación filial con Deus e da nosa irmandade
con todos.
Ao gafo curado, o
único que lle expresa o seu agradecemento, dille Xesús: “Vaite. Salvoute a túa
fe”. Pois ben, para que Xesús faga honor ao significado que este nome ten de
“Salvador”, tennos que dar antes esa fe sobre a que el nos di que ela nos
salva. Non pensemos que a fe do gafo, loada por Xesús como causa da súa
salvación, é unha fe que o mesmo gafo tirou desde o interior de si mesmo, desde
as súas propias capacidades naturais. Non. Toda fe é un don de Deus. Igual cá
curación da lepra que o gafo acaba de experimentar. Isto quere dicir, xa que
logo, que o que Xesús chama “a túa fe”
é sempre e ante todo a graza da fe que Deus
mesmo pon por medio de Xesús nos nosos corazóns.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario