DOMINGO XXX DO TPO. ORDINARIO C
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XXX T. O.-26 outubro 2025
Outra fermosa parábola a de hoxe, unha vez máis referida por Lucas e só por el. A este lle debemos, pois, este galano que nos fai para entendermos como é Deus, o Deus pai del e, grazas a el, tamén noso. Pois o fondo da cuestión é acadar clara conciencia de como somos nós e de como é o noso Deus.
Xesús descúbrenos a Deus, ben o sabemos, como un Deus-Pai-Nai que nos quere, que nos ten agarimo. Non hai nena ou neno que se sintan máis felices e seguros que cando a súa nai ou o seu pai os levan no colo. Esta protección amorosa crea nos fillos confianza e fai tamén medrar neles a liberdade.
Pois ben, ante este Deus-Pai-Nai, que é amor e poder infinitos, somos durante toda a nosa curta ou longo vida, nenas ou nenos pequechos. Isto non nos converte en temerosos, pusilánimes ou apoucados, senón ao revés. É xustamente de tal xeito como poderemos arriscarnos ante as dificultades, a loitar por espallar o ben, a crear fraternidade e outras moitas cousas máis. Por que? Pois porque ese Deus amoroso está sempre connosco. Ou mellor, porque nós estamos sempre con el, sostidos e guiados por el.
É así como poderemos entender tamén por que na parábola de hoxe non lle ten Xesús boa lei ao particular modo de proceder do fariseo. Pois este, ao se dirixir a Deus, non se comporta con el coma un fillo cun nai-pai que o quere e que en todo intre o sostén. O fariseol só se apoia en si mesmo, nos seus presuntos méritos, na súa suposta valía, no seu fiel cumprimento ata das minucias da lei, na súa loada e ben vista competencia nos complicados asuntos das prescricións legais. Diriamos que o fariseo é un convencido de que el é un especialista en Deus e en sobre canto Deus quere e ordena. Por iso ten el clara conciencia de ser distinto dos demais, de ser máis ca todos eles. É por iso xustamente lle dá grazas a Deus dicindo: “Douche grazas porque non son coma os demais”. Pois estes, é dicir, os demais, non son para el máis ca a borralla e o lixo do mundo.
Como vedes, o fariseo (e calquera que se deixe atrapar por tal modo de se ver a si mesmo e os demais) está totalmente cego para entender como é Deus e como son os outros que non son coma el, o fariseo, como por exemplo ese recadador de impostos que no mesmo templo non fai máis ca petar no propio peito pedíndolle a Deus compaixón polo seu mal comportamento. Este non é para o fariseo senón un pecador máis dos moitos que pululan por un sitio e por outro e aos que o especialista en Deus, que é el mesmo, o fariseo, non se achegará máis ca para acadar renovada conciencia da súa propia grandeza e diferenza respecto deles.
Evidentemente hai unha gran diferenza entre os dous. Só que tal diferenza está decididamente a favor do recadador de impostos. Por que? Pola mesma razón pola que a Xesús, é dicir, a aquel de quen si podemos dicir que é o único especialista en Deus, non lle vai a fachenda do fariseo. Porque este na súa relación con Deus non fai máis ca presentarlle a tal Deus o seu supostamente meritorio curriculum vitae, a para el excelente folla de servizos. En troques, o recadador de impostos non ten nada diso e é xustamente por isto vaise el apoiar no Deus do que sabe e sente que é compasivo e misericordioso.
Nisto está precisamente o cerne, o núcleo, da mensaxe do texto de Lucas: o Deus de Xesús está infinitamente por enriba de leis, normas ou condenas. É un Deus liberador, non condenador. Un Deus que ofrece sempre e a todos confianza, amor e compaixón. Compréndese así ben por que, por exemplo, o papa Francisco non tivo problema ningún en se recoñecer como “pecador”. Igual ca o recadador de impostos dos tempos de Xesús. Díxoo así nunha ampla entrevista: “Eu son un pecador. Esa é a definición máis exacta. E non o digo como unha forma figurativa de falar ou como xénero literario”.
Recoñecérmonos, pois, como pecadores -tal como o facemos, verbalmente alomenos, no inicio das nosas eucaristías- significa colocarnos ao lado dese recadador de impostos que recibiu os parabéns de Xesús fronte ao fariseo. Porque este recoñecemento de si mesmo como “pecador” é, paradoxalmente, o sinal máis claro de que, ao así dicilo e sentilo de verdade ante Deus e ante os demais, deixamos por iso mesmo de selo.
Pois tal recoñecemento é graza de Deus e ao tempo conmove o corazón do noso Pai-Nai-Deus, converténdonos así en xustos, en reconciliados con Deus. Así nolo manifesta claramente a nosa parábola de hoxe ao rematar así: “Asegúrovos que este (é dicir, o recadador de impostos) baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non”.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C en tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia].



Comentarios
Publicar un comentario