FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXIX DE ORDINARIO C

  FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Teimudos en orar

 (16 de outubro de 2022)

         Máis dunha volta se alude no evanxeo de Lucas á importancia da oración e ás escenas correspondentes nas que el presenta Xesús retirándose ó monte a orar, para falar co seu Pai-Deus. Xesús era o “benquerido”, o infinitamente querido polo Pai e en ningún outro sitio –se podemos falar así- se atoparía el máis a gusto ca con el, conversando e intimando co seu Pai Deus. Por outra parte, a vida interior de Xesús tiña que ser necesariamente algo así coma un intenso fervedoiro de vida e paixón intensa ante a tarefa de redención e salvación ou liberación da humanidade que o Pai lle encomendara. Algo que nos resulta totalmente imposíbel de imaxinar. Nese sentido a súa forza ou a súa fonte reconfortante era sempre o Pai Deus.

         En relación co texto de hoxe, nos escritos do especialista bíblico e xesuíta José Luis Sicre atopei ideas e datos que me resultan axeitados para o comentario de hoxe. Dinos el que os cristiáns ós que Lucas dirixía o seu evanxeo non tiñan moito costume de rezaren, posibelmente porque a meirande parte deles se converteran recentemente do paganismo, “igual ca moitos cristiáns actuais –comenta el- que só se lembran de Santa Bárbara canda hai tronada”. A iso se debería a frecuencia coa que el se refire no seu evanxeo ós diversos tipos de oración realizada por diversos personaxes bíblicos e de maneira especial polo propio Xesús.

           Polo que parece, a comunidade á que Lucas se dirixía vivía angustiada , nunha “crise moi grave”, que se podería ver en conexión co que a parábola de hoxe pon en boca de Xesús ó el nos falar dos “seus elixidos, que claman día e noite”.

         Para unha certa comprensión da situación anímica daqueles cristiáns, que podería asemellarse á de determinados grupos cristiáns ameazados e perseguidos tamén hoxe en día (nas zonas de guerra en África, por exemplo), cumpriría ter en conta que Lucas escribiu o seu evanxeo entre os anos 80 e 90 do século I e que foi precisamente no ano 81 cando subiu ó trono o emperador Domiciano. Este emperador romano perseguiu duramente os cristiáns tras el promulgar a lei de que “ningún cristián, unha vez traído ante un tribunal, quedase exento de castigo se non renunciaba á súa relixión”.

            Pois ben, a parábola de Lucas acáelle ben a un contexto coma este de persecución dos cristiáns, que en consecuencia claman xustiza “día e noite”. Trátase neste sentido dunha parábola, como se nos di no comezo do texto de Lucas, “verbo da necesidade de orar sempre, sen cansar”.

          O contraste entre a fachendosa e prepotente figura do xuíz desprezador de Deus e das persoas humanas e a outra, humilde mais teimuda, da viúva que lle reclama xustiza é moi instrutivo para un cristián consciente da súa fe nun Deus todopoderoso que ademais é pai agarimoso.  Se no caso do xuíz inxusto accede este por puro cansazo e fastío ás demandas que se lle formulan, no caso da oración que lle diriximos a Deus Pai trátase de algo moi distinto. Pois el é o Pai que nos quere, como quere en primeiro lugar o seu fillo Xesús, por máis que permitise que este seu fillo benquerido pasase por moitas e duras angustias vitais.

         Por todo isto, a oración tería que ser durante toda a nosa vida non só lene brisa que nos refrixera nun momento concreto e pasaxeiro, senón unha verdadeira “necesidade” persoal e comunitaria, coma a do aire que precisamos respirar, pois énos imprescindíbel para mantérmonos vivos. Unha necesidade, unha actitude continua e constante, ben conscientes de que non podemos prescindir de Deus e de que el endexamais nos deixará abandonados.

         A oración procede da nosa fe en Deus e dános confianza nel, empuxándonos a practicar a xustiza e a loitar por ela, ó revés de como se comportaba o xuíz inxusto. Porque a oración ha ir sempre acompañada, como ocorreu no caso de Xesús, pola acción a prol da xustiza, por unha actitude de proximidade ós pobres e necesitados e de crítica ós poderosos e “xuíces inxustos” que só se preocupan pola propia comodidade e interese.

         Ben o formula dalgunha maneira o coñecido refrán de “a Deus rogando e co mazo dando”. Polo tanto, orar e actuar. Ou, como di o coñecido lema de San Bieito, “ora et labora”, “ora e traballa”. Unión orante con Deus e exercicio concreto de evanxelización ou anuncio da “boa nova”. Esa foi a práctica de Xesús e así deberiamos comportarnos nós. Traballarmos pola nosa parte, mais ó tempo conscientes de que Deus está a traballar tamén connosco. Tal como o formulou Santo Ignacio de Loiola, “facer as cousas como se todo dependese de nós  e confiarlle a Deus o resultado coma se todo dependese del”. Son algo así como esas dúas ás coas que as aves do ceo saben voar seguras. Se tentamos voar cunha soa, daremos voltas sobre nós mesmos pra escachizármonos logo contra o chan.

Na Lectura do Antigo Testamento vimos como os israelitas tiñan éxito na batalla contra os amalecitas cando Xosué loitaba coa espada e, ó tempo, o xa velliño Moisés erguía as mans, en sinal de oración, cara ó ceo pedindo a vitoria. O traballo bélico e a oración residían aquí, como vedes, en persoas distintas. A oración resultaba ser tamén neste caso eficaz, aínda que o experto bíblico Sicre non deixe de sinalar, algo ironicamente, que “a idea de usar a oración para matar amalecitas non parece a máis evanxélica”...


Manuel Cabada Castro

 



VER TAMÉN: 

https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-c-lucas-181-8-3/










Comentarios

Publicacións populares