FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO - DOMINGO XXXI DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
O Deus impulsor de todo
(30
outubro 2022)
Hai nas Lecturas de hoxe un notábel contraste
e, tamén, axeitado complemento entre a primeira e o texto do evanxeo, no que o
protagonista é alguén chamado Zaqueo. No libro da Sabedoría fálasenos da
grandeza de Deus e no evanxeo do seu rebaixarse en Xesús ata conversar de igual
a igual cos pecadores, parando cas deles, cousa que resultaba inconcibíbel nas
categorías sociais e relixiosas do tempo .
Mais case máis importante ca detérmonos
neste contraste entre os dous textos é ver como o Deus facedor de todo mantén o
seu mesmo modo de ser en relación coa grandeza do universo material ou coas
persoas. Nun caso e noutro amósase sempre grande, magnánimo, sorprendente.
Así, vemos que no Libro da Sabedoría
hai conciencia de que no universo se expresa dalgunha maneira o mesmo Deus.
Mais, sen que isto se negue, amósase este mesmo Deus como incomparabelmente
máis grande có universo, por grande que este sexa: “o universo todo, de fronte
túa –podemos ler neste escrito do Antigo Testamento- é como un lixo na balanza e como pinga de orballo da alborada caendo sobre a
terra”.
Isto segue a ser válido nos nosos
tempos por máis que agora saibamos moito máis sobre a grandeza do universo que
cando se escribiu o Libro da Sabedoría. Actualmente fálannos os astrónomos e
astrofísicos de miles de millóns de galaxias existentes no noso universo e da
posibilidade incluso de que existan outros universos iguais ó noso ou moito
máis extensos, incluso innumerábeis.
Podemos pensar que esta excelsitude
divina, reflectida na grandeza do universo, é precisamente a que fai que sexa
Deus tan dadivoso e magnánimo en tódalas súas criaturas. Por iso a el non lle
vai ser envexoso, resentido, “malo”. Á fin e ó cabo, todo vén del. Desde as partículas
elementais máis pequenas ata as galaxias máis descomunais. Todo procede del. El
quere e ama, polo tanto, tódalas cousas.
É isto o que se deduce de moitas
expresións deste Libro da Sabedoría. Velaquí algunhas: “compadecícheste de
todo, pois todo o podes”; “todo o perdoas porque todo é teu, Señor, amigo da
vida; pois o teu sopro incorruptíbel mora
en tódalas cousas”; “amas tódolos seres e non rexeitas nada do que
fixeches”.
Deus e, polo tanto, bondadoso, magnánimo, porque a súa creación, e nós nela,
procedemos del e nel estamos (“nel vivimos, nos movemos e estamos”) ou, como se
di no Libro da Sabedoría, el está en nós (“o seu sopro inmortal está en todo”).
É esta grandeza de Deus a que se amosa tamén no encontro de Xesús, imaxe
humana de Deus Pai-Nai, con Zaqueo, segundo o reato de Lucas.
Polo que alí se nos di, Zaqueo era “pequeneiro” de talle, mais grande en
desexos e anceios. Buscaba con teima a felicidade e chegou por iso a ser “moi rico” (tal como se nos
di), posibelmente a costa tamén doutros os que, de cando en vez polo menos, asoballaba.
Mais a sona de Xesús, un personaxe singular, que non dispuña de riquezas
materiais mais que facía felices a cantos o seguían, inquietábao. Correu, pois,
e subiuse a unha figueira coa idea de se pór así a tiro da ollada de Xesús, que
por alí ía pasar.
Zaqueo non sospeitaba nin era consciente de que en realidade e de verdade
era o propio Xesús o que lle estaba a dar forzas e presteza, ó seu corpo e ós
seus pés, para correr e apolitar figueira arriba. E iso que Zaqueo tiña que
saber moi ben que as pólas das figueiras eran perigosas, pois non se deixan
domear coma as doutras árbores, senón que rompen de súpeto cando un menos o
pensa. “Coidadiño coas pólas da figueira, que vos son moi falsas”, dicíanos
miña nai ós seus fillos cando subiamos á nosa frondosa figueira, pegada á
parede da casa, pra paparmos figos.
Mais
Zaqueo non sobe á figueira a por figos, porque el, como rico que era, dispuña
de abondosos alimentos na casa e na mesa para non ter que andar buscándoos
entre as follas da figueira. El quere ver Xesús. Non por curiosidade. Ocorría
que a persoa de Xesús estaba hai tempo movéndolle o corazón, aínda que Zaqueo
non se daba suficientemente conta do que lle estaba a pasar... Como era Xesús
quen levaba a iniciativa neste encontro salvador, sen que Zaqueo se puidese
decatar ben diso, a sorpresa de Zaqueo tivo que ser maiúscula cando de súpeto
escoita que Xesús se “autoinvita” a comer na súa casa: “Zaqueo, baixa, que hoxe
teño que comer na túa casa”...
Unha vez máis temos aquí o xantar compartido como
símbolo da íntima e igualitaria relación, persoal e comunitaria, de Deus, do
Deus de Xesús, connosco e de nós con el. Non o esquezamos: é sempre Deus, o
Deus de Xesús, quen convida. Nunca somos nós os que o convidamos a el. Só temos,
pola nosa parte, que poñermos a tiro del, por máis que mesmo nisto sexa el que
tira tamén de nós.
Zaqueo acada así unha viva experiencia da grandeza,
da bondade, da xenerosidade do Deus de Xesús ó se atopar deste modo,
inesperadamente, man a man con el na súa propia casa. Unha experiencia
semellante non pode menos de transformalo. De rico, explotador ou asoballante
pasa a sentir os demais como iguais a si mesmo: “darei a metade de canto teño
ós pobres e, se roubei a alguén, devolvereille catro veces máis”. En adiante, será
menos rico en cousas das que presumir ou fachendear, mais terá un tesouro
infinito: a riqueza dun Deus que se fai amigo del en Xesús e a plenitude que
proporciona a irmandade coas persoas coas que convive, que el fai partícipes
dos seus bens. Estas persoas deixan xa de se sentir asoballadas e acadan a
dignidade de irmáns cos que se comporta fraternalmente.
Amósase así nidiamente unha vez máis a vertente
social da mensaxe de Xesús, tal como Lucas a percibiu. Isto é importante nas
celebracións eucarísticas. Pois xustamente pouco antes de recibirmos a comuñón
eucarística dicimos: “eu non son merecente de que entres no meu fogar...”.
Tampouco Zaqueo era “merecente” de que Xesús parase no seu fogar, na súa casa,
e así o pensaría el seguramente tamén tras escoitar desde a figueira as
palabras de Xesús. Mais nesta nosa relación con Deus non teñen cabida algunha
os chamados “méritos” propios, que un nunca pode ter desde si mesmo. Aquí só
campa a gratuíta e xenerosa iniciativa de Xesús.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/31-tempo-ordinario-c-lucas-191-10-3/
Comentarios
Publicar un comentario