28º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

 

Primeira Lectura     2 Re 5, 14-17

Volvéndose Naamán cara  ao home de Deus, proclamou a súa fe no Señor

LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS


            Naqueles días, baixou Naamán, o Sirio,  ao Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara Eliseo o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo da súa lepra.


            Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo:

            ‑ "Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un regalo do teu servo".


            Respondeulle Eliseo:

            ‑ "Polo Señor vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha". E por moito que lle insistiu para que aceptase, el negouse.


            Naamán dixo entón:

            ‑ "Pois logo, permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún, senón só  ao Señor.


           Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


 



SALMO RESPONSORIAL     Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4

R/. (cf. 2b): O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.


Cantade  ao Señor un cántico novo,

pois fixo marabillas;

a súa destra deulle a vitoria,

o seu brazo santo.


0 Señor dá a coñeces a súa vitoria,

revela a súa xustiza ante os pobos.

Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade

coa casa de Israel.


Os confíns todos da terra percibiron

a vitoria do noso Deus.

Aclama  ao Señor, terra enteira,

rompede a cantar e a tocar.


 


Segunda Lectura     2 Tim 2, 8-13

Se nos mantemos firmes, reinaremos con Cristo

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO


            Benquerido irmán:


            Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David.

            Este é o meu Evanxeo, polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada.

            Por iso soporto todas as cousas por mor dos escolleitos, para que tamén eles acaden  salvación en Cristo Xesús, coa gloria eterna. Gran verdade é esta:


            Se con el morremos, viviremos con el.

Se con el padecemos,  reinaremos con el.

Se renegamos del, tamén el nos ignorará.


            Pero se lle fallamos na fe, el mantense fiel,

pois non pode renegar de si mesmo.


        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus




ALELUIA   1 Tes 5, 18

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Dade grazas por todo:

tal é a vontade de Deus en Cristo Xesús para con vós.

Aleluia.


 


Evanxeo     Lc 17, 11-19

Non houbo quen volvera dar gloria a Deus senón este xentil

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Indo Xesús camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea,  ao entrar nunha aldea, saíronlle  ao paso dez gafos. Pararon  ao lonxe, e dando voces suplicáronlle:

            ‑ Xesús, Mestre, ten dó de nós.


            El,  ao velos, díxolles:

            ‑ Ídevos presentar aos sacerdotes.


            E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles,  ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:

            ‑ Non foron dez os que quedaron limpos? Onde están os outros nove? Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?


            E engadiu:

            ‑ Érguete e vaite: salvoute a túa fe.


         Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares