31º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     Sab 11, 22 - 12, 2

Tes misericordia de todos, porque amas todo canto existe

LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA


            Señor, o universo todo, de fronte túa, é coma un lixo na balanza

e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.


            E nembargante, compadecícheste de todo, pois todo o podes

e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan,

pois amas a todos os seres

e non rexeitas nada do que fixeches:

se algo che dese noxo, xa non o crearías.


            Como podería algo subsistir se ti non o queres

ou conservarse o que ti non chamas?


            Mais ti todo o perdoas porque todo é teu,

Señor, amigo da vida.


            Pois o teu sopro incorruptible mora en todas as cousas.


            Por iso corrixes pouco a pouco a aqueles que tropezan

e amoéstalos lembrándolles os seus erros

para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.


        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14

R/. (cf. 1): Meu Deus e rei, hei bendicir o teu nome por sempre.


Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte

e bendicir o teu nome por sempre.

Hei bendicirte cada día,

hei loar o teu nome por sempre.


O Señor é clemente e compasivo,

tardo á ira e rico en misericordia.

O Señor é bo para todos,

agarimoso con todas as súas obras.


Que te loen, Señor, as túas obras,

e te bendigan os teus amigos.

Que pregoen a gloria do teu reino,

e falen do teu poder.


O Señor é fiel en todas as súas palabras,

e santo en todas as súas obras.

O Señor sostén os que están para caer

e endereita os que se dobran.




Segunda Lectura     2 Tes 1, 11 - 2, 2

Sexa glorificado en vós o nome de Cristo, e vós nel

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES


            Irmáns:

            Rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe.

            Dese xeito vós daredes gloria ao noso Señor Xesús Cristo e el a vós, conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.

            Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e do noso encontro con el, rogámosvos, irmáns, que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.


            Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA    Xn 3, 16

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

De tal xeito amou Deus o mundo,

que lle deu o seu Fillo unixénito;

quen cre nel, ten vida eterna.

Aleluia.


 


Evanxeo     Lc 19, 1-10

Veu o Fillo do home buscar e salvar o que estaba perdido

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:

            ‑ Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.


            El, baixando de contado, acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:

            ‑ Entrou a se hospedar na casa dun pecador.


            Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:

            ‑ Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.


            Entón Xesús dixo:

            ‑ Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abrahán. Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.


       Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

Comentarios

Publicacións populares