DOMINGO XVIII DO TPO. ORDINARIO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO XVIII T. O.
(3 agosto 2025)
É
moi difícil, por non dicir imposíbel, imaxinar a “nada”: que non houbese nada,
nin eu nin vós, nin ninguén. Nin terra, nin mar, nis estrelas etc. En realidade
non pasaría nada, nin sequera habería a máis mínima posibilidade de que
puidésemos protestar por tal “cousa”.
Así
e todo, pensamos que existir, vivir, soñar, amar e moitas cousas máis que somos
e que facemos é o máis natural do mundo. Así o podemos pensar, mais esquecemos así
que o noso ser, a nosa vida e canto con ela está unido non son cousa nosa. Pois
o que somos e o que vemos ten que vir en definitiva doutra realidade que sexa
plenamente dona de si mesma, é dicir, de alguén que en si mesmo sexa plenitude
de vida e de poder. A iso, dun ou outro xeito, chamámolo Deus. É el quen
decide, no seu misterio infinito e inabarcábel, facer que exista algo que non é
El. Sen se sentir obrigado a tomar tal decisión, porque sendo el quen é non
pode precisar de nada nin de ninguén. Pois ben, pola manifestación humana de
Xesús podemos dicir que ese Deus é a plenitude infinita de Pai, Fillo e
Espírito.
Agora
ben, por que decidiu este Deus que existísemos, por que nos creou? Misterio
fondo e infinito, como infinito é o propio Deus. Baseándonos aquí tamén na
revelación de Xesús, poderiamos dicir así e todo que nos creou porque nos quixo,
porque nos amou, porque El –tal como se nos di no evanxeo de Xoán- é amor. Non
porque teña amor, senón porque el é amor. Ou dito doutra maneira -e
así conectamos xa co texto do evanxeo de Lucas- porque el non é “cobizoso”,
porque Deus non ten nada que ver coa “cobiza”. Deus é pura liberdade e
xenerosidade, meirandes cá calquera outra liberdade ou xenerosidade que
poidamos imaxinar ou pensar.
É
este mesmo Deus Pai quen -moito máis xenerosamente aínda- nos dá o seu propio
Fillo e o converte en irmán noso, participando en todo da nosa humanidade, do
noso nacer, das angueiras do noso vivir e do noso morrer. Que máis nos pode El dar?
Se el nos dá o seu Fillo, dásenos tamén el mesmo a nós con el, porque o seu
Fillo é coma el. Tal e como no evanxeo se nos pon en boca de Xesús, dirixíndose
ó apóstolo Filipe, “quen me ve a min ve o Pai”. Se algo é Xesús, é ser tamén, ao
ser imaxe do Pai, pura xenerosidade, pura entrega a aqueles cos que conviviu,
creando liberdade, amor e xustiza por onde queira que andou. E cando se vai,
cando deixa de estar histórica ou biograficamente entre nós, dánoso seu
Espírito, o mesmo espírito de Xesús, ese Espírito que endexamais se ausentará
deste mundo. Un Espírito que move a Igrexa e as conciencias de todos cara a
unha meirande xenerosidade cos pobres e necesitados do mundo enteiro. É ese
mesmo espírito de xenerosidade o que se nos mostra no evanxeo de Lucas cando se
nos pon en boca de Xesús esta advertencia programática: “Atención: gardádevos
da cobiza”... Porque só se somos xenerosos con todos, especialmente cos máis
necesitados, chegaremos a asemellaremos a quen é viva presenza no mundo da xenerosidade
de Deus Pai.
A
cobiza desenfreada é a que leva o mundo ós desaxustes sociais e ás guerras. Son
moitos os analistas que sosteñen que é a cobiza do gran capital, dos grandes
poderes e fortunas, a que está na base da gran crise económica que afecta de
tantas maneiras as persoas de menos recursos. A cobiza non quere oír falar de
xenerosidade, de fraternidade, de igualdade. O que quere é ter sempre máis a
costa de quen sexa e como sexa. Quere ateigar de bens e riquezas os seus
propios hórreos ou celeiros e, se non caben neles, derruílos para construír
outros máis capaces e seguros. A cobiza amorea para si, péchase sobre si mesma,
só pensa en si e dise a si mesma, tal e como moi plasticamente se nos di no
evanxeo de Lucas: “Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come,
bebe e ¡a vivir!”. A cobiza non comparte. É todo o contrario dese Deus que é,
todo el, xenerosidade e fraternidade. Por iso nos di Paulo (na segunda Lectura)
que a cobiza “é unha idolatría”. Porque o Deus que o cobizoso adora é el mesmo,
os seus bens. Bens que en definitiva non deixan de ser efémeros, porque non son
quen de “salvar” a vida, é dicir, de saciar os nosos insaciábeis desexos de
vivir. Pois ben sabemos que a gadaña da morte non fai excepcións con ninguén.
Abrírmonos á xenerosidade e á fraternidade
igualitaria, fuxindo da cobiza, é algo decisivo no modo cristián de pensar e de
actuar. Comportándonos así, daremos cumprimento ó que Paulo nos di na carta ós
Colosenses: “Alí (ou sexa, na vida cristiá) xa non hai máis nin grego nin
xudeu, nin circuncisión nin pagán, bárbaro, escita, escravo nin libre, senón
que Cristo é todo en tódalas cousas”.
https://www.gruposdejesus.com/18-tempo-ordinario-c-lucas-1213-21-3/
Comentarios
Publicar un comentario